DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 25 de abril de 2024 Páx. 25822

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 17 de abril de 2024 pola que se amplía o crédito da Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (código de procedemento PE209G).

Mediante a antedita Orde do 28 de decembro de 2023 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro de 2024) establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

A devandita orde, no seu artigo 3.3 establece que o importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba o crédito da convocatoria para o 2024, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Dado que existen dispoñibilidades orzamentarias por remanentes de convocatorias anteriores financiadas con créditos do mesmo programa, considérase conveniente ampliar os importes dos créditos iniciais e acadar así un uso máis eficiente dos fondos públicos mediante un maior grao de execución orzamentaria.

Por todo isto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora das normas da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase con cargo á aplicación 15.03.514A.781.0 e código de proxecto 2023 178, na anualidade de 2024, o crédito máximo destinado a financiar as axudas para proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), no importe de 3.370.000 €.

2. O novo importe total máximo, sumando o importe inicial publicado e a presente ampliación, queda fixado no cadro seguinte:

Ano 2024

Ano 2025

Total

8.170.000 €

3.500.000 €

11.670.000 €

O importe está cofinanciado nun 70 % polo FEMPA (prioridade 1. Fomentar a pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, obxectivo específico 1.1: reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sostibles, medida 1.1.12 portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e ancoradoiros) e nun 30 % pola Comunidade Autónoma.

3. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar