DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 23 de abril de 2024 Páx. 25468

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 10 de abril de 2024 pola que se notifica acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono da embarcación Noordwester, varada no porto do Vicedo (Lugo).

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por non ser posible a notificación no domicilio que consta do posible propietario R. Essen e pola posible existencia doutros interesados no procedemento que sexan descoñecidos, faise público, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, o Acordo do 14 de febreiro de 2024, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que inicia o procedemento para a declaración de abandono da embarcación de nome Noordwester, de posible procedencia de Países Baixos.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

O acordo emítese por atoparse a embarcación tipo veleiro varada en estado de abandono, sen reparacións nin ningunha actividade desde o 17 de outubro de 2023, data en que foi reflotada polo perigo de afundimento, con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

O órgano competente para a resolución deste procedemento é a presidenta de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, letras a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia; o seu réxime de recusación é o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Outórgaselle ao interesado antes identificado, así como a calquera outra persoa física ou xurídica que acredite dereitos e/ou intereses sobre a embarcación, un prazo máximo de 10 días para formular alegacións.

Advírtese que, de acordo coa normativa máis arriba citada, chegado o termo de declarar abandonado o buque, este pasará a ser propiedade de Portos de Galicia, o que non impedirá que todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se realicen sobre o buque sexan por conta do anterior propietario.

O expediente atópase, para o seu exame, nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia, en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia