DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 19 de abril de 2024 Páx. 24797

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena do Pico e as súas infraestruturas de evacuación, sito no concello de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (IN408A 2018/010).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena do Pico, e as súas infraestruturas de evacuación.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, indica o seguinte: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións».

Atendendo ao recollido na declaración de impacto ambiental (DIA), esta dirección xeral propón a cantidade de 194.043,19 euros en concepto de aval, dos cales o 40 %, 77.617,176 euros, corresponderá á fase de obras e o 60 %, 116.425,914 euros, ao de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Axencia de Turismo de Galicia e Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de acordo co número 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, a promotora deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque e as súas infraestruturas de evacuación recollidos na presente autorización administrativa de acordo co artigo 40.2 da Lei 8/2009.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, o acordo previo favorable da autoridade nacional de supervisión civil, en coordinación co órgano competente do Ministerio de Defensa, de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección da navegación aérea.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación deberán cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lles resulten de aplicación.

12. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 23.2.2018, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente, proxecto de interese autonómico), para o parque eólico Pena do Pico, sito no concello de Becerreá e Baralla (Lugo).

2. O 22.5.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

3. O 7.9.2020, a dita sociedade presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico, consistente no cambio de modelo e de posicións dos aeroxeradores, cambio da poligonal e eliminación da torre de medición.

4. O 16.2.2023, a promotora presentou o permiso de acceso na subestación Xove 400 kV e achega o documento de Red Eléctrica de España do 10.2.2023.

5. O 13.10.2022, a dita sociedade presentou unha nova solicitude de modificación substancial do parque eólico, consistente na eliminación de 6 dos 8 aeroxeradores debido a limitación na capacidade de acceso concedida por parte de REE (11,69MW). Tamén se cambian o modelo e a potencia dos aeroxeradores.

6. O 19.7.2023, a promotora presenta unha nova solicitude de modificación substancial consistente nun cambio da poligonal para non afectar a Red Natura. O 1.8.2023 esta dirección xeral comunica á promotora a admisión a trámite desta modificación substancial.

7. O 7.8.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

8. O 21.9.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica: «de acordo co establecido na disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitado para a modificación substancial do parque eólico será de 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa). Isto supón: 5 × (102,5 + 155/2) = 900 m, e conclúese que todos os aeroxeneradores cumpren a citada distancia mínima de 900 m coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural, con uso residencial».

9. O 3.10.2023, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Pena do Pico á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación (en adiante, Xefatura Territorial), para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

10. Mediante o Acordo do 19 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto de execución do parque eólico pena do Pico, nos concellos de Becerreá e Baralla expediente IN408A/2018/010.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.10.2023 (DOG nº 204). Así mesmo, permaneceu exposto ao público e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo (actualmente, Consellería de Economía Industria e Innovación), que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública e remitiuse para a súa publicación no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Becerreá e Baralla). Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., concellos de Baralla e Becerreá, Telefónica Móviles España, S.A.U., Orange España Comunicaciones Fijas, S.L., Vodafone e Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica do Cantábrico (5.12.2023), Deputación Provincial de Lugo (20.12.2023), Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (10.11.2023), Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD) (2.11.2023), Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.) (26.11.2023), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. (21.11.2023), Telefónica Móviles España, S.A.U. (2.11.2023), e Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. (6.11.2023).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non emitiron condicionado no prazo de 30 días desde a recepción da solicitude, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

12. O 19.12.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, concellos de Baralla e Becerreá, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 21.12.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 22 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG nº 5, do 8 de xaneiro de 2024).

14. O 26.12.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

15. O 14.2.2024, a empresa deu resposta á parte do requirimento mencionado no antecedente de feito anterior unha declaración responsable en que Greenalia manifesta que a documentación definitiva é a que consta no expediente, presentada o 15 de decembro de 2023.

16. Despois dun requirimento por parte desta dirección xeral, o 27.2.2024 a empresa achegou o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución do parque eólico Pena do Pico, nos concellos de Baralla e Becerreá (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 4.1.2024 e visado polo COIMNE o 20.2.2024.

17. O 29.2.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, e achega como documentación os proxectos mencionados no antecedente de feito décimo sexto.

18. O 8.3.2024, a Xefatura Territorial de Lugo fai un requirimento de emenda sobre o proxecto refundido, en relación a cuestións que deben ser corrixidas ou, se é o caso, clarexadas. O 13.3.2024 a promotora responde a este requirimento e presenta un novo proxecto refundido denominado Proxecto de execución do parque eólico Pena do Pico, nos concellos de Baralla e Becerreá (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 12.3.2024 e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España o 13.3.2024.

19. O 15.3.2024, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo sexto.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 11,69 MW, segundo o informe do xestor da rede do 10.2.2023

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais