DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 19 de abril de 2024 Páx. 24804

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denega a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se procede ao arquivamento do expediente instruído do parque eólico San Cosmeiro, situado nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A/2019/024).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 5 de abril de 2024 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico San Cosmeiro e se cancelan as garantías económicas depositadas por Green Capital Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan.

1. Denegar a autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico San Cosmeiro, emprazado nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña) e promovido pola sociedade Green Capital Power, S.L. trala declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 13.1.2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico San Cosmeiro (expediente IN408A/2019/024).

3. Cancelar as garantías depositadas por Green Capital Power, S.L. o 16.4.2019, por importe de 1.056.000 € e 384.000 € e número de rexistro 408/2019 e 409/2019 para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico San Cosmeiro.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 16.4.2019, Green Capital Power, S.L. depositou dúas garantías económicas por importes de 1.056.000 € e 384.000 € e número de rexistro respectivamente 408/2019 e 409/2019 para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico San Cosmeiro.

2. O 16.4.2019 Green Capital Power, S.L., presentou telemáticamente ao abeiro do procedemento IN408A, a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica para o proxecto denominado do parque eólico San Cosmeiro, sito nos concellos de Outes e Mazaricos, ao abeiro da Lei 8/2009.

3. O 2.2.2021, Green Capital Power, S.L. presentou unha solicitude de modificación substancial consistente no cambio de posición dos aeroxeradores, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 19 de abril de 2021.

4. O 7.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, no que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. Por Acordo do 11 de xullo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico San Cosmeiro, nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña) (expediente IN408A 2019/024). O dito Acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia, o 10 de agosto de 2022 (DOG nº 152).

6. urante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 147 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Agencia Estatal de Seguridad Aérea, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestructuras, concellos afectados: Mazaricos e Outes.

7. O 13.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico San Cosmeiro, que a fixo pública por Anuncio do 16 de xaneiro de 2023 (DOG nº 13, do 19 de xaneiro).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Subdirección Xeral de Residuos, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e do Instituto de Estudos do Territorio.

8. O 4.7.2023 esta dirección xeral notificoulle ao promotor o inicio do procedemento de arquivo de expediente, abrindo o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. O 16.10.2023 e o 7.3.2024 Green Capital Power, S.L., comunicoulle a esta dirección xeral a conformidade co arquivo do expediente administrativo do proxecto do Parque Eólico San Cosmeiro (expediente nº IN408A/2019/024) ante a imposibilidade de continuar coa tramitación do proxecto, a tenor da formulación da declaración de impacto ambiental desfavorable e solicitou a devolución das garantías económicas citadas no antecedente de feito primeiro.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais