DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 19 de abril de 2024 Páx. 24777

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena do Pico e as súas infraestruturas de evacuación, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (IN408A 2018/010).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Pena do Pico e as súas infraestruturas de evacuación (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 23.2.2018, Greenalia Power, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, para o parque eólico Pena do Pico, sito no concello de Becerreá e Baralla (Lugo).

Segundo. O 22.5.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Terceiro. O 7.9.2020, esa sociedade presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico, consistente no cambio de modelo e de posicións dos aeroxeradores, cambio da poligonal e eliminación da torre de medición.

Cuarto. O 16.2.2023, a promotora presentou o permiso de acceso na subestación Xove 400 kV e achega o documento de Red Eléctrica de España do 10.2.2023.

Quinto. O 13.10.2022, esa sociedade presentou unha nova solicitude de modificación substancial do parque eólico, consistente na eliminación de 6 dos 8 aeroxeradores debido á limitación na capacidade de acceso concedida por parte de REE (11,69 MW). Tamén se cambian o modelo e a potencia dos aeroxeradores.

Sexto. O 19.7.2023, a promotora presenta unha nova solicitude de modificación substancial consistente nun cambio da poligonal para non afectar a Red Natura.

O 1.8.2023, esta dirección xeral comunica á promotora a admisión a trámite desta modificación substancial.

Sétimo. O 7.8.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

Oitavo. O 21.9.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica: «de acordo co establecido na disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitado para a modificación substancial do parque eólico será de 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa). Isto supón: 5 × (102,5 + 155/2) = 900 m, e conclúese que todos os aeroxeneradores cumpren a citada distancia mínima de 900 m coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural, con uso residencial».

Noveno. O 3.10.2023, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Pena do Pico á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación (en diante, a xefatura territorial), para a seguir da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo. Mediante o Acordo do 19 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto de execución do parque eólico Pena do Pico, nos concellos de Becerreá e Baralla (expediente IN408A/2018/010).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.10.2023 (DOG nº 204). Así mesmo, permaneceu exposto ao público e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo (actualmente, Consellería de Economía Industria e Innovación), que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública e remitiuse para a súa publicación no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Becerreá e Baralla). Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., concellos de Baralla e Becerreá, Telefónica Moíles España, S.A.U., Orange España Comunicaciones Fijas, S.L., Vodafone e Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica do Cantábrico (5.12.2023), Deputación Provincial de Lugo (20.12.2023), Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (10.11.2023), Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD) (2.11.2023), Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.) (26.11.2023), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. (21.11.2023), Telefónica Móviles España, S.A.U. (2.11.2023), e Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. (6.11.2023).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non emitiron condicionado no prazo de 30 días desde a recepción da solicitude, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. O 19.12.2023, a Xefatura Territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, concellos de Baralla e Becerreá, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 21.12.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 22 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG nº 5, do 8 de xaneiro de 2024).

Décimo cuarto. O 26.12.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle aa promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo quinto. O 14.2.2024, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achega unha declaración responsable en que que manifesta que a documentación definitiva é a que consta no expediente, presentada o 15 de decembro de 2023.

Décimo sexto. Despois dun requirimento por parte desta dirección xeral do 19.2.2024, o 27.2.2024, a empresa achegou o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución do parque eólico Pena do Pico, nos concellos de Baralla e Becerreá (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 4.1.2024 e visado polo COIMNE o 20.2.2024.

Décimo sétimo. O 29.2.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, e achega como documentación os proxectos mencionados no antecedente de feito décimo sexto.

Décimo oitavo. O 8.3.2024, a Xefatura Territorial de Lugo fai un requirimento de emenda sobre o proxecto refundido, en relación coas cuestións que deben ser corrixidas ou, se é o caso, clarexadas. O 13.3.2024, a promotora responde a este requirimento e presenta un novo proxecto refundido denominado Proxecto de execución do parque eólico Pena do Pico, nos concellos de Baralla e Becerreá (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 12.3.2024 e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España o 13.3.2024.

Décimo noveno. O 15.3.2024, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo oitavo.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 11,69 MW, segundo o informe do xestor da rede do 10.2.2023.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación) (DOG nº 126, do 4 de xullo), no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 248, do 30 de decembro) modificada pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 19.3.2024 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen as respostas destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 21.12.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal, de Saúde Pública e de Desenvolvemento Rural, do Instituto de Estudos do Territorio, da Confederación Hidrográfica del Cantábrico e da Sociedade Galega de Historia Natural».

Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades.

Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas. O proxecto do parque eólico conta cunha análise dos efectos sinérxicos incluída no estudo de impacto ambiental (Documento 1. Memoria, punto 7.6), en que consta que para esa análise se consideraron todos os parques eólicos, tanto instalados como en execución ou tramitación, que se atopan a menos de 15 quilómetros, considerándose esta separación como suficiente para que non se produzan efectos conxuntos entre parques.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «.. unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter una consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013 «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

– En relación coa afección ao medio hídrico, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, tras unha revisión da documentación achegada e informar sobre varios aspectos: rede fluvial (recollida no número 1.3 da declaración de impacto ambiental), zonas inundables e aproveitamentos hídricos, conclúe no seu informe do 5.12.2023 que non se deduce que se vaian a producir variacións nas afeccións e impactos sobre as augas pola execución do parque eólico Pena do Pico. Considera que o proxecto, aplicando as medidas preventivas e correctoras propostas, xunto co plan de vixilancia ambiental, non producirá un impacto significativo sobre o ámbito competencial deste organismo.

– No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, con data do 15.11.2023, emite un informe en que, tras a exposición das accións do proxecto e as súas repercusións nas súas diferentes fases, describe os impactos e as medidas preventivas, correctoras e compensatorias e o seguimento ambiental do proxecto. De acordo cos datos do Servizo de Montes e o informe do distrito forestal, as obras non afectan montes veciñais en man común nin montes de xestión publica. Sinala a necesidade de constituír faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 e respectar as distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo, de acordo coa súa normativa específica.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, tras consultar a información achegada, recolle no seu informe do 2.11.2023, no punto de consideracións legais e técnicas, as obrigas da xestión da biomasa establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, e o procedemento para o cambio de uso forestal do monte como establece o artigo 39 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Finalmente, emite informe favorable sobre a realización do parque eólico Pena do Pico, tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas e condicionada á medida compensatoria da instalación de catro cámaras de vixilancia que substitúan a caseta de vixilancia de Masmada, como se indica no informe.

– A Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior emite informe do 3.11.2023 en relación cos efectos derivados da vulnerabilidade do proxecto en que, tras a revisión da documentación achegada, considera que o risco de accidentes graves ou catástrofes é baixo. Todo iso sen prexuízo de que, dado que o proxecto está afectado polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba a norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia, e/ou está previsto dentro das actividades incluídas no anexo I do Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas, o titular deberá elaborar, implantar, manter e revisar o correspondente plan, elaborado por técnico competente, e que deberá acompañar aos restantes documentos necesarios para o outorgamento da licenza, permiso ou autorización, previamente á autorización de inicio de actividade por parte da autoridade competente.

– A Dirección Xeral de Saúde Pública expón que o informe do 10.11.2023, se realizou avaliando a documentación achegada e se tiveron en conta, se identificaron e se valoraron os posibles impactos no ambiente con posible repercusión sobre a saúde humana. Recolle as observacións en relación cos seguintes puntos: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos, identificación das posibles vías de exposición, avaliación da necesidade de medición da exposición e do deseño dun estudo de avaliación de risco para a saúde do proxecto.

Polo tanto, e tras desenvolver as cuestións anteriores, conclúe que logo da análise da documentación achegada en relación co estudo de impacto ambiental do parque eólico Pena do Pico, infórmase como favorable coas seguintes consideracións:

• En relación co efecto sinérxico do ruído, deberá establecer no correspondente plan de vixilancia un seguimento do ruído xerado polo funcionamento conxunto dos parques implicados, verificando que non se superan os limiares de inmisión (55/55/45 dB) e os obxectivos de calidade acústica establecidos pola lexislación vixente.

• Faise constar que para a implantación das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias indicadas, o limiar que se debe considerar ao respecto ao pestanexo de sombras é o de 8 h/ano.

– Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

– No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.9.2023, recóllese que:

«Segundo se desprende do contido da nota interior coa que se solicita o informe, a distancia mínima que se debe considerar é a prevista na disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 18/2021, do 25 de febreiro, de medidas económicas e financeiras de Galicia, que neste caso é cinco veces a altura do aeroxenerador (buxa+pa). Isto supón: 5 x (102,5 + 155/2) = 900 m.

Comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento do Concello de Camariñas do 26.12.2012; normas subsidiarias de planeamento dos concellos de Becerreá e Baralla, respectivamente do 1.7.1994 e do 30.10.2009), e as coordenadas dos 2 aeroxeneradores especificadas no número 3.1.1 da memoria, conclúese que todos os aeroxeneradores cumpren a citada distancia mínima de 900 m coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural, con uso residencial.

No caso de que se continúe coa tramitación do proxecto de interese autonómico, e previamente á súa elevación á aprobación definitiva do Consello da Xunta, deberá remitirse a este centro directivo para o informe preceptivo previsto no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Os traballos gráficos achegaranse en soporte vectorial xeorreferenciados (dwg, dxf ou dgn, ou shp) e incluirán as instalacións e o solo rústico de especial protección de infraestruturas propostos».

– No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe o que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. Artigo modificado pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.9.2023.

– En relación coas alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

– Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ás diferentes publicacións do acordo e da documentación obxecto da información pública DOG número 204, publicado o 16 de outubro de 2023.

Así mesmo, o dito acordo e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Baralla e Becerreá e na Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

– Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, indicar que a mesma acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

– Polo que atinxe ás alegacións extemporáneas, de conformidade co artigo 38.3 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, non se terán en conta por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 36 e 37 da devandita lei.

– En relación coa posta á disposición de todos os informes preceptivos emitidos polos organismos (trámite que, segundo se desprende do escrito de denuncia, o denunciante considera que se debe producir antes do trámite de información pública), cómpre sinalar que esta cuestión foi resolta recentemente pola Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 5ª) do Tribunal Supremo na súa Sentenza do 21.12.2023 (recurso de casación núm. 3303/2022), en que, rectificando a interpretación da normativa comunitaria e estatal realizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na súa Sentenza do 21.1.2022 (que casa e anula), establece o seguinte criterio interpretativo no fundamento de dereito sétimo:

«A Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente, modificada pola Directiva 2014/52/UE, e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non impoñen que, no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria de proxectos, antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades (..)».

– Polo que atinxe ás solicitudes de acceso aos principais informes sectoriais que deberían ser obxecto de información pública e non foron. A este respecto, o artigo 6 da Directiva 2011/92/UE, tal e como recolle a Sentencia 1768/2023, ditada polo TS en recurso de casación 3303/2022, non impón expresamente que no trámite de consultas ás autoridades se realice antes da información pública para incluír nel a información que naquelas se obteña. Polo tanto, a dita solicitude non pode ser atendida, por no existir obriga de obter informes con carácter previo á información pública e, polo tanto, non dispoñer deles nese momento do procedemento.

Xa que logo, a falta de posta á disposición dos informes sectoriais no trámite de información pública non constitúe ningún defecto de tramitación.

Todo isto sen prexuízo do dereito das persoas e entidades interesadas no procedemento de acceder e a obter copia dos informes mencionados e do resto de información ambiental contida no expediente se así o solicitan».

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 21.11.2023, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 24/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Pena do Pico, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 21.12.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Pena do Pico.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Pena do Pico, sito nos concellos de Becerreá e Baralla (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 11,69 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Pena do Pico, composto polos documentos:

• Proxecto de execución do parque eólico Pena do Pico, nos concellos de Baralla e Becerreá (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 12.3.2024 e visado polo COIMNE o 13.3.2024.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Domicilio social: praza María Pita, nº 10, 1º, A Coruña.

Denominación: parque eólico Pena do Pico.

Potencia instalada: 13,2 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 11,69 MW.

Produción neta: 35.320 MWH/ano.

Horas equivalentes netas: 3.021 horas.

Concellos afectados: Baralla e Becerreá (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 11.088.182,49 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

646.661,00

4.750.174,00

2

647.086,00

4.750.168,00

3

649.175,00

4.746.810,00

4

648.050,00

4.744.762,00

5

647.191,00

4.744.421,00

6

646.320,00

4.745.445,00

7

646.310,00

4.748.385,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 01

647.090,00

4.745.700,00

AE 02

647.438,00

4.745.630,00

Coordenadas da envolvente da subestación:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CT/SUB

647.999,00

4.746.457,00

P01

647.969,00

4.746.485,00

P02

648.036,00

4.746.474,00

P03

648.028,00

4.746.429,00

P04

647.962,00

4.746.440,00

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• Dous (2) aeroxeradores modelo SG155 6,6 MW de 6,6 MW de potencia unitaria, con 102,5 m de altura de buxa, de 155 m de diámetro de rotor co seu correspondente centro de transformación, instalado no interior do aeroxerador con potencia de 7.000 kVA e relación de transformación 30/0,69 kV.

• Dous (2) centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores de 7.000 kVA de potencia aparente e relación de transformación 0,69/30 kV, celas de protección de media tensión de 30 kV e os correspondentes equipos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

• Unha (1) subestación tipo convencional con 1 transformador de 15/20 MVA ONAN/ONAF 15/20 MVA.

• Rede colectora soterrada, conformada polos cables de evacuación de enerxía a 30 kV con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación colectora do parque.

• Subestación colectora do parque (SET Pena do Pico), recolle enerxía do parque a 30 kV e elévaa ata 132 kV. Composta por:

– Sistema alta tensión 132 kV, intemperie, con configuración simple barra, cunha posición de liña e unha posición de transformador de potencia.

– Sistema de 30 kV en celas de interior, con configuración simple barra con tres posicións de liña, unha posición de transformador, unha posición de servizos auxiliares, dúas posicións de medida de barras, acoplamento e remonte de barras. Aparellaxe disposta en celas blindadas con illamento SF6.

– Conxunto de transformación formado por un transformador instalado en intemperie, tensións nominais de acordo coas normalizadas e potencia de 15/20 MVA ONAN/ONAF.

– Sistema de posta a terra.

– Sistema de control, sistema de proteccións, sistema de servizos auxiliares e instalacións complementarias.

Os equipos de control, protección, comunicacións, servizos auxiliares e celas de 30 kV irán aloxados no edificio construído segundo planos incluídos no proxecto.

Os elementos de 132 kV irán localizados en parque exterior, delimitado por un peche perimetral, formado por postes metálicos e malla de simple torsión con recubrimento plástico.

• Obra civil consistente en rede viaria de acceso ao parque e rede viaria interior a aeroxeradores e subestación, cimentacións e plataformas dos aeroxeradores, bancadas para os transformadores e muro cortalumes, zona de acopios, arquetas e gabias para tendido de cablaxe de media tensión, comunicacións e rede de terras e obras auxiliares.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, indica o seguinte: importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións.

Atendendo ao recollido na declaración de impacto ambiental (DIA), esta dirección xeral propón a cantidade de 194.043,19 euros en concepto de aval dos cales o 40 % , 77.617,176 euros, corresponderá a fase de obras e o 60 %, 116.425,914 euros, ao de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Axencia de Turismo de Galicia e Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de acordo co número 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, a promotora deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque e as súa infraestruturas de evacuación, recollidos na presente autorización administrativa de acordo co artigo 40.2 da Lei 8/2009.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, o acordo previo favorable da autoridade nacional de supervisión civil, en coordinación co órgano competente do Ministerio de Defensa, de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección da navegación aérea.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación deberán cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que lles resulten de aplicación.

12. A promotora deberá cumprir a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais