DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 17 de abril de 2024 Páx. 24294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 14 de marzo de 2024, polo que se outorga a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV colectora da SE Serra do Faro-SE Valdepereira, nos municipios de San Cristovo de Cea, Piñor e O Irixo (Ourense) e Dozón (Pontevedra), promovida por Serra do Faro, S.L. (expediente IN408A 2021/15).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 15 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, e declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV colectora da SE Serra do Faro-SE Valdepereira.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Outorgar autorización administrativa previa relativa ao proxecto da LAT 132 kV colectora da SE Serra do Faro-SE Valdepereira, promovido por Serra do Faro, S.L. (expediente IN408A 2021/15).

2. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución Proxecto de execución liña colectora 132 kV colectora da SE Serra do Faro-SE Valdepereira. Maio de 2023, redactado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado número 1.185 do COIEG e asinado en data de xaneiro de 2024.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto da LAT 132 kV colectora da SE Serra do Faro-SE Valdepereira, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

4. Declarar a compatibilidade da citada instalación eléctrica co aproveitamento forestal sobre as comunidades de montes veciñais en man común afectadas.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, previamente ao inicio das obras a promotora deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O importe do aval, que fixará polo órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono das instalacións, de conformidade co disposto na DIA. Polo anteriormente exposto, este órgano substantivo fixa en 37.084 € a contía do aval, dos cales 14.834 € corresponderán á fase de obras e 22.251 € á fase de desmantelamento.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental, conforme establece o referido Decreto 455/1996.

A solicitude de cancelación realizarase a través do órgano substantivo e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados as labores de restauración e integración paisaxística e logo de que a promotora acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental e calquera outra documentación que se considere oportuna, de ser o caso, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá levar a cabo unha prospección minuciosa para constatar a presenza ou ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas e, no caso de detección, informarase a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a través do seu Servizo de Patrimonio Natural de Lugo, xunto coas medidas que se propoñan.

3. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano cartográfico as built en formato shape das instalacións do expediente.

4. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

5. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións deste expediente e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións desde expediente, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

10. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 18.2.2021 Serra do Faro, S.L., en diante a promotora, solicitoulle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, en diante esta dirección xeral, a autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV Colectora da SE Serra do Faro-SE Valdepereira, sita nos concellos de San Cristovo de Cea, Piñor e O Irixo (Ourense) e Dozón (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN408A 2021/15.

2. O 23.4.2021 esta dirección xeral comunicoulle á promotora que a solución de evacuación proposta non coincide coa presentada e valorada no concurso eólico convocado pola Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 61, do 31 de marzo). Polo tanto, requíreselle que presente a solicitude de valoración da modificación por parte da Comisión de Seguimento do Concurso Eólico. O 10.5.2021 presentaron a memoria xustificativa e o pagamento da taxa correspondente. O 13.4.2022 esta dirección xeral emitiu a resolución favorable pola cal se aprobaron os cambios nas solucións de evacuación dos parques eólicos de Serra do Faro e Coto Frío, tras o procedemento de valoración do proxecto por parte da Comisión de Seguimento do Concurso Eólico.

3. Mediante a Resolución do 29.7.2021 desta dirección xeral, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes á LAT 132 kV colectora de SE Serra do Faro-SE Valdepereira, promovido por Serra do Faro, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

4. O 28.4.2022 esta dirección xeral remitiulle a documentación do expediente á xefatura territorial de Ourense, en diante xefatura territorial, por ser a unidade tramitadora e para os efectos de que se continuase coa tramitación ata a remisión do expediente completo, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009, do 22 de decembro).

5. Mediante o Acordo do 18.5.2022 da Xefatura Territorial de Ourense sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto da referida instalación eléctrica. O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) número 100, do 25.5.2022 (en adiante, IP 1) e nos xornais La Región e Faro de Vigo do 27.5.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados, da Xefatura Territorial de Ourense e no portal de transparencia da actual Consellería de Economía, Industria e Innovación para a súa consulta pública polo tempo regulamentario. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

6. Mediante o Acordo do 5.4.2023, da Xefatura Territorial de Ourense, someteuse a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación do proxecto da referida instalación eléctrica. O dito acordo publicouse no DOG número 73, do 17.4.2023 (en diante, IP 2) e nos xornais La Región e Faro de Vigo da mesma data. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados, da Xefatura Territorial de Ourense e no portal de transparencia da actual Consellería de Economía, Industria e Innovación para a súa consulta pública polo tempo regulamentario. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

7. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e o previsto nos artigos 127, 131 e 146 do Real decreto 1955/2000, a Xefatura Territorial de Ourense remitiu as separatas do proxecto de execución durante os trámites de información pública realizados (IP 1 e IP 2) aos organismos e entidades determinados para a emisión dos seus correspondentes condicionados técnicos. Os informes recibidos foron remitidos á promotora para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos.

8. En cumprimento do trámite de consultas, cabe sinalar que o 1.7.2022 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal achegou o informe emitido na data 30.6.2022 polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial por solicitude do Servizo da Propiedade Forestal.

9. O 1.6.2023 o Servizo de Minas da Xefatura Territorial emite informe en se que se recollen os dereitos mineiros vixentes afectados na área delimitada pola infraestrutura de evacuación do proxecto obxecto deste expediente, dereitos todos caducados. A Sección de Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra informa que en data 23.6.2022 os terreos sobre os cales está proxectada a instalación obxecto desde expediente na provincia de Pontevedra non están afectados por ningún dereito mineiro, o cal foi ratificado de novo o 6.6.2023.

10. O 21.12.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao proxecto das Instalacións da liña colectora, que se fixo pública mediante o Anuncio do 22.12.2023 do órgano ambiental (DOG número 5, do 8.1.2024).

11. En canto á concorrencia das utilidades públicas da referida instalación eléctrica con posibles aproveitamentos forestais afectados ou montes veciñais en man común, cómpre indicar o seguinte:

a) O 22.11.2023 e o 24.11.2023, nos informes emitidos polo Servizo de Montes, comprobouse que a liña de referencia afecta, entre outros, trece (13) montes veciñais en man común. O 3.1.2024 a promotora achega a súa resposta cos seus compromisos e manifesta a súa conformidade.

b) O 7.2.2024 e o 21.2.2024 o Servizo de Montes emitiu informes sobre a compatibilidade da infraestrutura eléctrica, conforme o artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que foron remitidos pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e nos cales se emite informe favorable sobre a compatibilidade da infraestrutura eléctrica sobre as comunidades de montes veciñais en man común afectadas.

12. Por todo o anterior, ao abeiro dos seguintes preceptos, proponse que se eleve ao Consello da Xunta de Galicia a adopción do acordo referido:

a) Artigo 45.6 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no cal se establece que, no caso de que as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellería, a declaración de utilidade pública do parque eólico e, de ser o caso, a declaración de compatibilidade ou prevalencia serán realizadas polo Consello da Xunta de Galicia.

b) Disposición adicional terceira da Lei 8/2009, na cal se establece que as solicitudes de autorización correspondentes a infraestruturas de evacuación dos parques eólicos se tramitarán segundo as disposición establecidas nesta lei, no que fose de aplicación, sendo os órganos competentes para a súa autorización os establecidos no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais