DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 8 de abril de 2024 Páx. 22381

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2024 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de postos de traballo vacantes no cadro de persoal funcionario de administración e servizos.

Mediante a Resolución da Xerencia do 19 de febreiro de 2024 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro) convócase a provisión, polo sistema de libre designación, dos postos de traballo que se relaciona no anexo desta resolución.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no 19 do Regulamento de mobilidade de persoal de administración e servizos da USC, a Secretaría Xeral e a Xerencia emitiron informes motivados en relación cos postos convocados. Nos ditos informes especifícanse tanto os criterios de interese xeral considerados como prioritarios para decidir os nomeamentos, como os méritos e capacidades que as persoas candidatas propostas reúnen para o desempeño dos postos de traballo.

Acreditada a observancia do procedemento, así como o cumprimento por parte do candidato dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria, o xerente no exercicio das competencias delegadas que se lle recoñecen pola Resolución reitoral do 30 de abril de 2020,

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, efectuada pola Resolución da Xerencia do 19 de febreiro de 2024, e adxudicar os postos convocados ao persoal funcionario que se relaciona no anexo desta resolución.

Segundo. O destino adxudicado será irrenunciable, agás que antes de rematar o prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, e a persoa interesada queda obrigada neste caso a comunicarllo á Xerencia no prazo de tres días.

Terceiro. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. No caso de que a persoa adxudicataria do posto reingrese ao servizo activo, o prazo para a toma de posesión será dun mes.

Cuarto. O prazo para tomar posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas de maternidade ou paternidade concedidos á persoa interesada. Igual tratamento terán os supostos de incapacidade temporal, en que o cómputo do prazo posesorio se iniciará a partir da correspondente alta.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo de un mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2024

Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación do posto: secretaría de dirección da Unidade de Xestión Administrativa. Secretaría Xeral.

Número de praza: PF000288.

Subgrupo: C1/C2.

Nivel: 20.

Complemento específico: 10.220,01.

Xornada: mañá.

Localidade: Santiago de Compostela.

Apelidos e nome: Castro Dans, José Manuel.

DNI: ***6547**.

Denominación do posto: secretaría de dirección da Unidade de Xestión Administrativa. Xerencia.

Número de praza: PF000936.

Subgrupo: C1/C2.

Nivel: 20.

Complemento específico: 10.220,01.

Xornada: mañá.

Localidade: Santiago de Compostela.

Apelidos e nome: Sordo Touza, Ánxela.

DNI: *** 0771**.