DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2024 Páx. 21281

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases do procedemento para a formación de listas de funcionarios aspirantes a ser propostos como membros voluntarios dos tribunais nos procedementos selectivos convocados por esta academia (código de procedemento PR461M).

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 32.7 que a Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.

En desenvolvemento desta previsión, o artigo 2.2 do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, establece que a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos mediante a asunción da convocatoria das prazas vacantes dos seus corpos de policía local, incluídas, de ser o caso, as de auxiliares de policía local ou dos postos de vixilantes municipais, de non existir no concello corpo da Policía Local, requirirá a subscrición do oportuno convenio a través da consellería competente en materia de seguridade.

Dentro deste marco regulador, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Academia Galega de Seguridade Pública (en adiante, a Agasp), asinou convenios con diferentes concellos galegos para a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios de acceso ás diferentes categorías dos seus corpos de policía local, ás prazas de auxiliar de policía local ou de vixilantes municipais.

No artigo 6.2 do citado Decreto 115/2017, do 17 de novembro, sinálase que o nomeamento dos órganos de selección destes procedementos selectivos unitarios lle corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade e que, ademais, un dos seus cinco membros e o seu suplente deben ser propostos pola Comisión de Coordinación das Policías Locais (en diante, CCPL).

Na sesión realizada o día 1 de xuño de 2022, a CCPL acordou establecer un procedemento para realizar a súa proposta do membro titular do tribunal e o seu suplente, de acordo cos principios de transparencia, profesionalidade, obxectividade e imparcialidade.

De conformidade co artigo 34.5 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, os membros dos órganos de selección deben pertencer aos corpos, escalas ou categorías que requiran un título de nivel igual ou superior ao exixido para participar no proceso selectivo.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é aprobar as bases do procedemento para a formación de listas de funcionarios aspirantes a ser propostos pola CCPL como membros voluntarios dos tribunais nos procedementos selectivos convocados pola Agasp, por delegación dos concellos con convenio, para a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios de acceso ou procesos de provisión ás diferentes categorías dos seus corpos de policía local, ás prazas de auxiliar de policía local ou de vixilantes municipais.

O código do procedemento regulado nesta resolución é o PR461M.

Segundo. Ámbito de aplicación

Estas bases e as convocatorias que na súa virtude se realicen vinculan a Administración e persoas que participen no correspondente procedemento.

Terceiro. Requisitos das persoas aspirantes

1. As persoas interesadas en participar neste procedemento, no caso de tribunais para o acceso ás categorías de policía, oficial, para vixilantes municipais e para auxiliares de policía local, deberán posuír na data da presentación da súa solicitude e mantelos durante a súa permanencia na listaxe correspondente, os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira dun corpo da Policía Local nun dos concellos de Galicia e atoparse en situación de servizo activo nun corpo da Policía Local.

b) No caso de tribunais para policía ou oficial de policía, ter a categoría para a cal solicita a súa inclusión ou unha superior.

c) No caso de tribunais para policía ou oficial de policía, ter a titulación requirida para o acceso á categoría para a cal solicita a súa inclusión ou unha superior.

2. As persoas interesadas en participar neste procedemento, no caso de tribunais para o acceso a prazas de inspector, inspector principal, intendente e intendente principal, deberán posuír na data da presentación da súa solicitude e mantelos durante a súa permanencia na listaxe correspondente os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira dun corpo da Policía Local ou dunha Administración pública nun dos concellos de Galicia.

b) Ter a categoría para a que solicita a súa inclusión ou unha superior, para o caso de ser funcionario/a de carreira dun corpo da Policía Local.

c) Estar en servizo activo na categoría para a cal solicita a súa inclusión ou nunha superior, para o caso de ser funcionario/a de carreira do corpo da Policía Local.

d) Estar en servizo activo nunha praza do mesmo grupo para a cal solicita a súa inclusión ou nunha superior, para o caso de ser funcionario/a de carreira de calquera Administración pública nun dos concellos de Galicia.

e) Ter a titulación requirida para o acceso á categoría para a cal solicita a súa inclusión ou unha superior.

Cuarto. Exclusións

1. Non poderán solicitar a súa participación neste procedemento as persoas que estean incluídas nalgún dos seguintes supostos:

a) Persoal de elección ou de designación política, persoal funcionario interino, persoal laboral temporal ou persoal eventual.

b) Empregados públicos que realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas ou colaborasen dalgún modo en centros de preparación de oposición nos cinco anos anteriores, na mesma escala e categoría profesional para que se presenta a solicitude.

2. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non poderá posuírse esta en representación ou por conta de ninguén.

Quinto. Normas específicas

1. As persoas que cumpran os requisitos e sexan integrantes das listas só poderán formar parte dun tribunal como vogal titular ao mesmo tempo.

2. Nos procedementos en que poden solicitar as persoas funcionarias non pertencentes a un corpo da Policía Local de Galicia recollidos no resolvo terceiro, punto 2, terán preferencia as persoas funcionarias de carreira dun corpo da Policía Local, de xeito que unicamente poderán ser designados membros dun tribunal para a categoría correspondente cando non exista ningún aspirante a ser membro do tribunal pertencente a un corpo da Policía Local na devandita lista.

3. Serán causas de abstención para participar como membro dun tribunal concreto, aqueles aspirantes integrados nunha listaxe a, que concurran ademais das circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ser membros en servizo activo no mesmo corpo da Policía Local para o cal se convocan as prazas vacantes ou ter o súa residencia na mesma localidade que a das prazas convocadas.

Sexto. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que figurará no anexo I desta resolución.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Non se admitirá máis dunha solicitude por persoa solicitante. Na solicitude deberá indicar todas as categorías en que desexa intervir, sempre que cumpra os requisitos para formar parte do tribunal que cualificará o proceso correspondente.

5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) desta resolución.

Sétimo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas en participar no procedemento deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Relación dos méritos que se acrediten, por cada unha das epígrafes que constan especificadas no anexo II.

b) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados. A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde en que figura cada un dos méritos na relación de méritos.

c) Certificado acreditativo da categoría dos corpos de policía que posúe, con indicación da data de nomeamento como funcionario de carreira.

d) Certificado de Celga 4 ou equivalente, no caso de non ser expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitavo. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais non universitarios (bacharelato, técnico ou equivalente).

d) Títulos oficiais universitarios.

e) Certificado de Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Noveno. Procedemento

1. O procedemento iniciarase tras a publicación desta resolución no DOG.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Agasp publicará no DOG e na páxina web da Agasp a resolución pola que se declaren con carácter provisional as persoas admitidas en cada procedemento coa súa puntuación, ordenadas de maior a menor en función do resultado da aplicación do baremo recollido no anexo II, e as persoas excluídas, coa indicación do motivo da exclusión.

3. As persoas excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución na páxina web da Agasp para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no procedemento, non consten nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada, así como aquelas que non estean de acordo coa súa valoración dos méritos.

Non se poderá emendar a presentación de solicitudes fóra do prazo habilitado para estes efectos. As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará na páxina web da Agasp.

4. Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas admitidas, a Dirección Xeral da Agasp elaborará e publicará na páxina web da Agasp para cada categoría a listaxe de persoas que solicitaron a participación voluntaria nos tribunais, ordenadas de maior a menor puntuación. No caso de existiren na correspondente listaxe persoas admitidas non pertencentes a un corpo de policía local por estar así previsto nestas bases, elaborarase unha lista específica ordenada co mesmo criterio sinalado no punto anterior, pero só poderán ser elixidos membros dun tribunal cando concorran os supostos previstos no número 2 do resolvo quinto.

Décimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Publicación dos actos

1. Publicaranse na páxina web da Agasp a relación provisional de persoas admitidas e non admitidas e a relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas.

2. Na páxina web da Agasp (https://agasp.xunta.gal) publicaranse tamén as demais resolucións do procedemento.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Proposta da Comisión

1. A persoa titular da Dirección Xeral da Agasp proporá, en nome da Comisión de Coordinación, os aspirantes a seren vogal titular e vogal suplente en cada tribunal, por rigorosa orde de puntuación de entre os que figuren na correspondente listaxe.

Así, nomearase en primeiro lugar o aspirante da máxima puntuación como vogal titular e o seguinte en puntuación como suplente. Na seguinte proposta da Comisión de Coordinación para un tribunal da mesma categoría, o vogal designado suplente será o novo vogal titular e o seu suplente será o terceiro en puntuación, e así sucesivamente.

Todo isto tendo en conta as normas específicas establecidas no resolvo quinto.

2. As persoas seleccionadas para formar parte do tribunal serán notificadas electronicamente da súa selección e deberán contestar expresamente no prazo de 2 días hábiles desde a posta á disposición da notificación electrónica.

3. Unha vez manifestada a vontade de participar como membro voluntario nos procesos de acceso, as posibles renuncias sobrevidas con posterioridade deberán ser xustificadas e comunicadas á Dirección Xeral da Agasp antes da publicación do nomeamento do tribunal. Non obstante, se as causas alegadas non se consideran eximentes, a persoa titular da Dirección Xeral da Agasp poderá propoñer o nomeamento forzoso como membro do tribunal que corresponda.

4. A Dirección Xeral da Agasp dará conta, en cada sesión da CCPL, das propostas efectuadas de acordo con este procedemento.

Décimo cuarto. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, e sen prexuízo de que o interesado poida presentar calquera outro recurso que considere conveniente.

Décimo quinto. Efectos

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG.

A Estrada, 18 de marzo de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO II

Baremo para a valoración das solicitudes

Epígrafes

Descrición dos méritos que se van valorar

Valoración parcial

(en puntos)

Valoración máxima por epígrafe

1. Titulacións académicas oficiais

– Título universitario de posgrao, doutor ou equivalente

– Título universitario de grao, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente

– Técnico superior, diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado superior en Criminoloxía, Ciencias Policiais ou equivalente

– Bacharelato técnico ou equivalente

3,00

2,00

1,50

0,50

4,00 puntos

2. Antigüidade como funcionario/a de carreira

– Cada ano de servizo, ou fracción superior a 6 meses, nos corpos da Policía Local

– Cada ano de servizo, ou fracción superior a 6 meses, noutro corpo de seguridade

– Cada ano de servizo, ou fracción superior a 6 meses, noutro corpo de calquera Administración pública

0,20

0,10

0,05

4,00 puntos

3. Formación profesional e docencia

Como alumno da Agasp ou en actividades conveniadas:

– Cada hora en actividades de tipo presencial

– Cada hora en actividades de formación en liña

Como alumno noutras actividades alleas á Agasp:

– Cursos ou actividades ata 20 horas

– Cursos ou actividades entre 21 e 40 horas

– Cursos ou actividades entre 41 e 70 horas

– Cursos ou actividades entre 71 e 100 horas

– Cursos ou actividades entre 101 e 200 horas

– Cursos ou actividades de máis de 200 horas

AS

0,015

0,010

0,20

0,35

0,45

0,50

0,75

1,00

AP

0,025

0,020

0,30

0,50

0,65

0,75

1,00

1,30

8,00 puntos

Como profesor da Agasp ou en actividades conveniadas:

– Cada hora en actividades de tipo presencial

– Cada hora en actividades de formación en liña

Como profesor noutras actividades alleas á Agasp:

– Cada hora en actividades de tipo presencial

– Cada hora en actividades de formación en liña

0,020

0,015

0,015

0,010

4. Distincións e recompensas oficiais

– Placa individual ao mérito da Policía Local

– Placa colectiva ao mérito da Policía Local

– Medalla ao mérito da Policía Local

– Medalla ou cruz ao mérito policial doutros corpos

– Distincións do órgano colexiado competente do concello

2,00

1,50

1,00

0,75

0,25

2,00 puntos

5. Idiomas

Coñecemento de idiomas, distintos do español e do galego, acreditados por certificado de EOI:

A) Ciclos.

– Certificado de superación do ciclo elemental

– Certificado de superación do ciclo superior

B) Niveis.

– Certificado de superación do nivel básico

– Certificado de superación do nivel intermedio

– Certificado de superación do nivel avanzado

Só se terá en conta o ciclo ou nivel de máis valor dos que se acrediten

1,00

2,00

0,65

1,30

2,00

4,00 puntos

6. Lingua galega

Coñecemento da lingua galega, segundo acreditación:

–Celga 1

–Celga 2

–Celga 3

–Celga 4

–Curso de iniciación

–Curso de perfeccionamento

–Curso de linguaxe administrativa de nivel medio

–Curso de linguaxe administrativa de nivel superior

Só se terá en conta o título de máis nivel dos que se acrediten

0,25

0,50

0,75

1,00

0,75

1,00

1,50

2,00

2,00 puntos

missing image file
missing image file
missing image file