DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2024 Páx. 21279

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 21 de marzo de 2024 pola que se fixa o prezo privado para a venda ao público dunha publicación editada pola Fundación Cidade da Cultura.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados.

Así mesmo, o artigo 51 da referida lei establece que «os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente poidan aplicarse subvencións reguladoras. Para estes efectos, a consellería correspondente remitirá á de Economía e Facenda, o proxecto normativo xunto coa memoria económica en que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia».

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e logo do informe favorable da Consellería de Facenda e Administración Pública, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único

1. Queda aprobado o prezo privado de venda ao público da publicación editada pola Fundación Cidade da Cultura que se relaciona no anexo.

2. Este prezo entenderase co IVE incluído.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

ANEXO

– Tesouros reais. Obras maestras do Terra Sancta Museum. 40 €.