DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20736

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 8 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Vaqueira e se cancela a garantía económica depositada por Greenalia Wind Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (IN408A/2017/039).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 8 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Vaqueira e se cancela a garantía económica depositada por Greenalia Wind Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan.

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Vaqueira, sito no concello de Outes (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16 de xaneiro de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Vaqueira (expediente IN408A/2017/039).

3. Cancelar a garantía depositada por Greenalia Wind Power, S.L.U. o 13 de decembro de 2017, por importe de 126.000 € e número de rexistro 3351/2017, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Vaqueira.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 13 de decembro de 2017, Greenalia Power, S.L. (actualmente, Greenalia Wind Power, S.L.) depositou unha garantía económica, por importe de 126.000 € e número de rexistro 3551/2017, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Vaqueira.

2. O 15 de decembro de 2017, Greenalia Wind Power, S.L. presentou telematicamente, ao abeiro do procedemento IN408A, a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica para o proxecto denominado do parque eólico Vaqueira, sito no Concello de Outes, ao abeiro da Lei 8/2009. O 7 de marzo de 2018, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

3. O 14 de outubro de 2019, Greenalia Wind Power, S.L. presentou unha solicitude de modificación substancial consistente con carácter xeral na eliminación da subestación e no desprazamento da torre metereolóxica. O 1 de abril de 2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

4. O 30 de xuño de 2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. Mediante o Acordo do 29 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Vaqueira, no concello de Outes. O dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia, o 28 de outubro de 2021 (DOG nº 208).

6. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Concello de Outes, Deputación Provincial da Coruña, Retegal, S.A., UFD e Cellnex Telecom, S.A. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Defensa do Monte e do Instituto de Estudos do Territorio. O 16 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Vaqueira, que a fixo pública mediante o Anuncio do 17 de xaneiro de 2023 (DOG nº 14, do 20 de xaneiro).

7. O 9 de maio de 2023, Greenalia Wind Power, S.L. comunicoulle a esta dirección xeral a conformidade co arquivamento do expediente administrativo do proxecto do parque eólico Vaqueira (expediente IN408A/2017/039) ante a imposibilidade de continuar coa tramitación do proxecto, a teor da formulación da declaración de impacto ambiental, desfavorable e solicitou a devolución da garantía económica citada no antecedente de feito primeiro.

8. O 4 de xullo de 2023, esta dirección xeral notificoulle ao promotor o inicio do procedemento de arquivamento de expediente, e abre o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

9. Nesta dirección xeral non consta ningunha alegación ao antedito acordo.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais