DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20739

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 11 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Tramontana e se cancela a garantía económica depositada por PE Tramontana 4W, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A/2021/030).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 11 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Tramontana e se cancela a garantía económica depositada por PE Tramontana 4W, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Tramontana, sito nos concellos de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia (Ourense) e promovido por PE Tramontana 4W, S.L. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 2 de xuño de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Tramontana (expediente IN408A/2021/030).

3. Cancelar a garantía depositada por PE Tramontana 4W, S.L. o 6 de xullo de 2020, por importe de 1.056.000 € e número de rexistro 444/2020, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Tramontana.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 6 de xullo de 2020 PE Tramontana 4W, S.L. depositou unha garantía económica, por importe de 1.056.000 € e número de rexistro 444/2020, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Tramontana.

2. O 5 de maio de 2021, PE Tramontana 4W, S.L. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Tramontana ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro). O 6 de maio de 2021 notificóuselles o cumprimento dos requisitos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 7 de maio de 2021, PE Tramontana 4W, S.L. presentou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico Tramontana.

3. O de xullo de 2021, PE Tramontana 4W, S.L. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Tramontana ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

O 18 de outubro de 2021 notificóuselles o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

4. O 2 de marzo de 2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. O 28 de outubro de 2022 publicouse no DOG núm. 206 o Acordo do 18 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Tramontana, situado nos concellos de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia, provincia de Ourense (expediente IN408A 2021/030).

6. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Douro, Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello de Baltar, Concello de Cualedro e Concello de Xinzo de Limia.

O 2 de xuño de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Tramontana, que a fixo pública mediante Anuncio do 2 de xuño de 2023 (DOG núm. 114, do 16 de xuño).

7. O 4 de xullo de 2023, esta dirección xeral notificoulle ao promotor o inicio do procedemento de arquivamento de expediente, e abre o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. Nesta dirección xeral non consta ningunha alegación de PE Tramontana 4W, S.L. ao antedito acordo.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais