DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20730

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2023/237-4).

Expediente: IN407A 2023/237-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS GON805, CS Xurdán, reforma CT Tarela-Pazos (36CHP9) e substitución de apoios na LMTA GON805.

Concello: Nigrán.

Feitos:

1. O 24.4.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS GON805, CS Xurdán, reforma CT Tarela-Pazos (36CHP9) e substitución de apoios na LMTA GON805.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións, nos lugares de Grolos e A Nogueira, no concello de Nigrán (Pontevedra):

Instalación dun centro de seccionamento prefabricado 4L 3TC, compacto de manobra exterior, telecontrolado por GPRS/FO que se conectará á liña de media tensión GON805.

Substitución do bloque compacto prefabricado 2L1P de 160 kVA do centro de transformación Tarela-Pazos (36CHP9) por un bloque 2L1P de 250 kVA, compacto de manobra exterior telecontrolado por GPRS/FO e telexestionado.

Retirada dos apoios 9S5E2N0S//D39, 9S7N59CD//D39-2, 9SA47E40//D39-3, 9SCLHU0S//D39-4 e 9TE7DQQN.

Retirada do ITC 36HCS9 situado no apoio 9S5E2N0S//D39-1 e do XS 36HRB6 do apoio 9SA47E40//D39-3.

Substitución do XS 36HRB7 situado no apoio 9SLPB5GG//D39-10 por un SXS.

Desmonte de 585 metros dos tramos GON8053133, GON8053053, GON8053057 e GON8053134, entre o apoio 9S4DMAMC//D39 e o apoio proxectado.

Nos tramos GON80553155 e GON80553160 substitúense os apoios de formigón 9SH1VTF3//D39-7, 9SH0EX8E//D39-7-1 e 9SGH7QXO//D39-7-2 por tres apoios de celosía C 3000/14, C 1000/14 e C 1000/12.

Substitución de 185 metros de condutor LA-30 por LA-56 entre os apoios proxectados C 3000/14 e C 1000/12.

Desmonte de 8 metros do tramo GON8053129 desde o apoio 9S348LEX//D36 ata a liña de media tensión subterránea GON8053129 e de 24 metros do tramo GON8053094 desde o apoio 9SA47E40//D39-3 ata o CT Camiño do Xurdán.

Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 3185 metros para alimentar o centro de seccionamento.

2. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Mediante escrito do 5.5.2023 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación a todas as persoas titulares das parcelas afectadas pola declaración de utilidade pública solicitada pola empresa promotora, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 5.6.2023 e do 3.7.2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 8.6.2023 e do 6.7.2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 5 de maio de 2023 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 2.6.2023.

Xornal Faro de Vigo: 26.5.2023.

Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán, desde o 16.5.2023 ata o 5.7.2023, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56 de 185 metros de lonxitude, con orixe na LMTA existente GON8053093, no apoio proxectado C-3000/14 e final na LMTA existente GON8053160, no apoio proxectado C-1000/12.

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, en catro actuacións. A primeira é de 921 metros, con orixe na LMTA existente GON8053083, mediante un paso aéreo subterráneo no apoio existente 9S348LEX//D36 no camiño Teixugueira, e final no centro de seccionamento proxectado. A segunda actuación é de 904 metros, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final na LMTS existente GO8053129, na arqueta proxectada fronte ao número 3 do camiño Teixugueira. A terceira é de 69 metros, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no centro de transformación camiño do Xurdán (36CPH4). A cuarta é de 1.291 metros, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no centro de transformación Tarela-Pazos (36CHP9).

Centro de seccionamento prefabricado 4L-3 TC, situado na parcela con referencia catastral 54035A036000310000HT, camiño de Xurdán.

Reforma do centro de transformación Tarela-Pazos 36CHP9, situado no camiño do Sarabio e San Román, fronte ao Pazo de Brito, consistente na substitución da aparellaxe existente por un bloque compacto 2L1P de 250 kVA, con RT 20000/400 V.

A instalación esta situada nos lugares de Grolos e A Nogueira, no municipio de Nigrán (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS GON805, CS Xurdán, reforma CT Tarela-Pazos (36CHP9) e substitución de apoios na LMTA GON805, expediente IN407A 2023/237-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta xefatura territorial acompañada da seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 29 de febreiro de 2024

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra