DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 2024 Páx. 20252

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Marco, sito nos concellos de Rois e Brión (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN408A 2021/041).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L., en relación coa autorización administrativa previa do parque eólico Marco, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 6.8.2021, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto de interese autonómico do parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental.

Segundo. O 1.10.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 4.10.2021 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 10.6.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, concluíndo que as coordenadas dos 6 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

Cuarto. O 28.6.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, remitiulle a documentación do expediente á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación).

Quinto. Mediante o Acordo do 16 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e proxecto de interese autonómico (PIA) do parque eólico Marco, nos concellos de Rois e Brión (A Coruña) (expediente IN408A 2021/041), a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o proxecto de interese autonómico (PIA) da LAT 66 kV evacuación parque eólico Marco, nos concellos de Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela (expediente IN408A 2022/005) e o estudo de impacto ambiental (EIA) conxunto do parque eólico Marco (expediente IN408A 2021/041) e da LAT 66 kV evacuación parque eólico Marco (expediente IN408A 2022/005).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 19.1.2023. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados polo parque eólico e pola súa liña de evacuación (Santiago de Compostela, Brión, Rois e Ames), e na Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).

Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.

Sexto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Brión, Concello de Rois, Dirección Xeral de Aviación Civil, Mas Móvil, Orange, Telefónica, Vodafone, Red Eléctrica de España, S.A.U., Retegal e Retevisión.

A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 25.1.2023, Concello de Brión, o 19.1.2023, Telefónica, o 23.12.2022, Orange, o 29.12.2022, Red Eléctrica de España, S.A.U., o 2.10.2023, Retegal, o 19.1.2023 e Retevisión, o 17.1.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Sétimo. O 23.10.2023 a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento. O 24.10.2023 a xefatura territorial emitiu o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Oitavo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Publica, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Concello de Brión.

O 7.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico e á súa liña de evacuación, que se fixo pública mediante Anuncio do 8 de novembro de 2023, da dita Dirección Xeral (DOG núm. 221, do 21 de novembro).

Tal e como se recolle no antecedente de feito quinto, a información pública efectuouse de forma conxunta para o parque eólico e a súa liña de evacuación. Porén, os respectivos proxectos tramítanse en expedientes independentes de forma que, unha vez emitida a declaración de impacto ambiental, a tramitación correspondente á liña de evacuación continuou na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Noveno. O 30.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente. As modificacións introducidas consisten, con carácter xeral, no desprazamento dos aeroxeradores 3 e 4 e da torre meteorolóxica TM_MR01, na eliminación das posicións 5 e 6 e da torre meteorolóxica TM_MR02, incluíndo a súas infraestruturas asociadas (vieiros de acceso e gabias) e no cambio do modelo de aeroxerador nas posicións 1 e 2.

Décimo. O 22.12.2023 a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando o proxecto de execución refundido Proxecto de Execución. Parque Eólico Marco. Decembro 2023, asinado o 21.12.2023 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do ICAI, así como o shape final das infraestruturas do parque eólico e as separatas para as seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público e de servizos de intereses xerais afectados: Augas de Galicia, Concello de Rois, Dirección Xeral de Aviación Civil, Más Móvil, Orange, Red Eléctrica de España, Retegal, Retevisión, Telefónica e Vodafone.

Décimo primeiro. O 9.1.2024 o promotor solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativa.

Décimo segundo. O 23.1.2024 a Xefatura Territorial da Coruña efectuou un requirimento ao promotor sobre o contido do proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 22.12.2023, ao que fai referencia o antecedente de feito décimo.

Norvento, S.L. contestou ao dito requirimento o 2.2.2024, achegando documentación complementaria.

Décimo terceiro. O 2.2.2024 a xefatura territorial emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto achegado polo promotor o 22.12.2023, mencionado no antecedente de feito décimo.

Décimo cuarto. O 6.2.2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a configuración definitiva do proxecto, concluíndo que todas as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Décimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia de 24 MW, segundo informes do xestor da rede do 7.4.2021 e 18.6.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación) e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro) e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 23.10.2023 a Xefatura Territorial emitiu informe de tramitación no que se recollen as respostas destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«...

a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos acumulativos e sinérxicos incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5-10 km arredor dos aeroxeradores do parque eólico Marco e a súa liña de evacuación, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Olerón, Monte Treito, Monte Piquiño, Singular Padrón e as LAT 66 kV evacuación PE Marco, lat 66 kV evacuación PE Olerón, LAT 66 kV PE Monte Treito-Rois, LAT evacuación PES Padrón, LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, LAT 220 kV Tambre II Santiago II, LAT 66 kV DC Tambre II-Rois-Padrón, LAT 220 kV Santiago II-San Caetano, LAT 220 kV Mesón-Santiago II.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013, cando di que: «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000, para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e entende por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental indicar que estas cuestións serán tidas en conta na declaración de impacto ambiental que debe emitir a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, onde se recollerán as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concello de Brión, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Desenvolvemento Rural, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal, da SX Meteoroloxía e Cambio Climático (Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático) e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

c) En canto ás afeccións ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia informou o 25.1.2023 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas nos informes emitidos.

d) No expediente consta un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 3.2.2023, favorable condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, da documentación e información de determinados aspectos que se relacionan no informe.

e) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 8.2.2023 que a área delimitada polo proxecto do parque eólico Marco suporá a ocupación dos MVMC de Susamontes, Parapico e Abelendo, San Miguel, Quintáns, Rioboo e Vilar de Abade e de Sorribas; os dous primeiros xestionados pola Administración forestal.

Para a determinación das afeccións haberá que ter en conta, ademais das superficies do pleno dominio e das servidumes que operen para cada elemento do parque de acordo coa súa normativa sectorial, as superficies necesarias para o cumprimento das distancias de plantación recollidas no anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia. Tamén haberá que ter en conta a delimitación das faixas de xestión de biomasa consonte os artigos 20 e 20.bis da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Na xestión de cortas do arboredo deberase cumprir o establecido no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos nos montes ou terreos forestais de xestión privada.

O parque eólico ocupará infraestruturas de defensa contra os incendios forestais, en concreto, devasas, e tamén pode influír sobre a operatividade dun punto de auga para carga de helicópteros.

f) En relación á existencia de instalacións adscritas á defensa contra incendios, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 12.6.2023 favorablemente tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais...).

g) En relación coa afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 6.2.2023 e 19.6.2023 que indica que, polo que atinxe á afección sobre os afloramentos rochosos, non se consideran aceptables as valoracións efectuadas na documentación presentada e, en consecuencia, deberanse axustar as posicións e/ou as plataformas dos aeroxeradores MR-01, MR-02, MR-03, MR-04 e MR-05, de tal modo que se evite a destrución dos afloramentos rochosos afectados por eles.

No caso das torres meteorolóxicas (especialmente TM-01), debe revisarse a necesidade das plataformas previstas, que tamén afectan afloramentos.

No caso da subestación, para evitar a afección a unha forma rochosa na parte de ampliación (sur), debería estudarse que a ampliación se produza cara ao norte ou noutra posición que non produza alteración dos afloramentos.

h) En relación aos efectos da posible contaminación lumínica provocada polo balizamento dos aeroxeradores, a instalación das balizas luminosas é unha imposición da normativa de seguridade aérea, tal e como establece a Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

i) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

j) No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 10.6.2022, recóllese que: «Comprobados os vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal do concello de Rois do 21.1.2002 e Plan xeral de ordenación municipal do concello de Brión do 26.6.2003) e as coordenadas dos 6 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

k) Respecto das alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 16.12.2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e proxecto de interese autonómico (PIA) do parque eólico Marco nos concellos de Rois e Brión (A Coruña), (expediente IN408A 2021/041), solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o proxecto de interese autonómico (PIA) da LAT 66 kV evacuación parque eólico Marco nos concellos de Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela (A Coruña), (expediente IN408A 2022/005), o estudo de impacto ambiental (EIA) conxunto do parque eólico Marco (expediente IN408A 2021/041) e da LAT 66 kV evacuación parque eólico Marco (expediente IN408A 2022/005).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron a disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Brión e Rois, no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como no Portal de Transparencia e Goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

l) En relación aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, que deberán ser compensadas axeitadamente polo promotor aos titulares dos terreos.

m) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia se entenderá aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

n) En canto á pretendida saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia e falta de xustificación da necesidade do parque eólico, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa, e polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.

Existe unha falsa percepción sobre que a potencia eléctrica instalada actualmente proveniente de enerxías renovables é suficiente para cubrir as necesidades enerxéticas de Galicia; neste sentido, segundo o recente informe O sector enerxético galego: presente e futuro elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña, o 75 % dos recursos enerxéticos de Galicia son importados».

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, segundo o establecido no artigo 41 da lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, no seu punto 1, establece o seguinte:

«1. Non obstante o previsto no artigo 34 desta lei en relación co outorgamento conxunto da autorización administrativa previa e de construción, atendendo aos prazos para o cumprimento dos fitos establecidos polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, a Administración autonómica, por solicitude do promotor, poderá outorgar de forma separada a autorización administrativa previa cando se cumpran os requisitos necesarios para esta, coa finalidade de posibilitar o cumprimento dos fitos expresados.

Nestes casos, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei».

Tal e como se recolle no antecedente de feito décimo primeiro, e de acordo coa mencionada disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 decembro, o 9.1.2024 o promotor solicitou o outorgamento de forma separada da autorización administrativa previa.

Quinto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque Marco, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 7.11.2023, e recollida no antecedente de feito oitavo desta resolución:

a) Na dita declaración, o órgano ambiental resolve o seguinte:

«Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Marco e a súa liña de evacuación en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Marco.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no Estudo de Impacto Ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Marco, sito nos concellos de Rois e Brión (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 24 MW.

As características principais do parque eólico son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, nº 23, 27003 Lugo.

Denominación: parque eólico Marco.

Potencia autorizada/evacuable: 24 MW.

Concellos afectados: Rois e Brión (A Coruña).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, contados a partir do outorgamento da presente autorización administrativa previa, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 da citada lei.

2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

4. Con carácter previo ao outorgamento da autorización administrativa de construción, a promotora deberá presentar ante esta Dirección Xeral, para a configuración definitiva do proxecto, a autorización da Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA).

Así mesmo, para a obtención da autorización administrativa de construción, e no que respecta aos condicionados técnicos emitidos en relación co proxecto de execución que, de ser o caso, se autorice, terase en conta o previsto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Así mesmo, de acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA. Asemade, de acordo co punto 4.1.5 da DIA, e en relación cos informes emitidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública, o promotor deberá achegar con carácter previo ao inicio das obras, a documentación e información dos aspectos neles indicados. No caso de que a documentación e información relativa aos citados aspectos non se presente no prazo indicado ou, presentada en prazo, non resulte abonda ou adecuada para a acreditación destes, entenderase que o estudo non cumpre cos requisitos desde o punto de vista sanitario.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais