DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 2024 Páx. 20267

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Marco, sito nos concellos de Rois e Brión (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN408A 2021/041).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Marco.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Marco, sito nos concellos de Rois e Brión (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 24 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, contados a partir do outorgamento da presente autorización administrativa previa, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 da citada lei.

2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

4. Con carácter previo ao outorgamento da autorización administrativa de construción, a promotora deberá presentar ante esta Dirección Xeral, para a configuración definitiva do proxecto, a autorización da Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA).

Así mesmo, para a obtención da autorización administrativa de construción, e no que respecta aos condicionados técnicos emitidos en relación co proxecto de execución que, de ser o caso, se autorice, terase en conta o previsto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Así mesmo, de acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data 7.11.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA. Asemade, de acordo co punto 4.1.5 da DIA, e en relación cos informes emitidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública, o promotor deberá achegar con carácter previo ao inicio das obras, a documentación e información dos aspectos neles indicados. No caso de que a documentación e información relativa aos citados aspectos non se presente no prazo indicado ou, presentada en prazo, non resulte abonda ou adecuada para a acreditación destes, entenderase que o estudo non cumpre cos requisitos desde o punto de vista sanitario.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 6.8.2021, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto de interese autonómico do parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental.

2. O 1.10.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 4.10.2021 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 10.6.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, concluíndo que as coordenadas dos 6 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

4. O 28.6.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, remitiulle a documentación do expediente á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).

5. Mediante o Acordo do 16 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e proxecto de interese autonómico (PIA) do parque eólico Marco, nos concellos de Rois e Brión (A Coruña) (expediente IN408A 2021/041), a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o proxecto de interese autonómico (PIA) da LAT 66 kV evacuación parque eólico Marco, nos concellos de Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela (expediente IN408A 2022/005) e o estudo de impacto ambiental (EIA) conxunto do parque eólico Marco (expediente IN408A 2021/041) e da LAT 66 kV evacuación parque eólico Marco (expediente IN408A 2022/005).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 19.1.2023. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados polo parque eólico e pola súa liña de evacuación (Santiago de Compostela, Brión, Rois e Ames), e na Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).

Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.

6. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Brión, Concello de Rois, Dirección General de Aviación Civil, Más Móvil, Orange, Telefónica, Vodafone, Red Eléctrica de España, S.A.U., Retegal e Retevisión.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 25.1.2023, Concello de Brión, o 19.1.2023, Telefónica, o 23.12.2022, Orange, o 29.12.2022, Red Eléctrica de España, S.A.U., o 2.10.2023, Retegal, o 19.1.2023 e Retevisión, o 17.1.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

7. O 23.10.2023 a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento. O 24.10.2023 a xefatura territorial emitiu o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Publica, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Concello de Brión.

O 7.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico e á súa liña de evacuación, que se fixo pública mediante Anuncio do 8 de novembro de 2023, da dita Dirección Xeral (DOG núm. 221, do 21 de novembro).

Tal e como se recolle no antecedente de feito quinto, a información pública efectuouse de forma conxunta para o parque eólico e a súa liña de evacuación. Porén, os respectivos proxectos tramítanse en expedientes independentes de forma que, unha vez emitida a declaración de impacto ambiental, a tramitación correspondente á liña de evacuación continuou na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

9. O 30.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente. As modificacións introducidas consisten, con carácter xeral, no desprazamento dos aeroxeradores 3 e 4 e da torre meteorolóxica TM_MR01, na eliminación das posicións 5 e 6 e da torre meteorolóxica TM_MR02, incluíndo a súas infraestruturas asociadas (vieiros de acceso e gabias) e no cambio do modelo de aeroxerador nas posicións 1 e 2.

10. O 22.12.2023 a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando o proxecto de execución refundido Proxecto de execución. Parque eólico Marco. Decembro 2023, asinado o 21.12.2023 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do ICAI, así como o shape final das infraestruturas do parque eólico e as separatas para as seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público e de servizos de intereses xerais afectados: Augas de Galicia, Concello de Rois, Dirección General de Aviación Civil, Más Móvil, Orange, Red Eléctrica de España, Retegal, Retevisión, Telefónica e Vodafone.

11. O 9.1.2024 o promotor solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativa.

12. O 23.1.2024 a Xefatura Territorial da Coruña efectuou un requirimento ao promotor sobre o contido do proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 22.12.2023, ao que fai referencia o antecedente de feito décimo.

Norvento, S.L. contestou ao dito requirimento o 2.2.2024, achegando documentación complementaria.

13. O 2.2.2024 a xefatura territorial emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto achegado polo promotor o 22.12.2023, mencionado no antecedente de feito décimo.

14. O 6.2.2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a configuración definitiva do proxecto, concluíndo que todas as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

15. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia de 24 MW, segundo informes do xestor da rede do 7.4.2021 e 18.6.2022.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais