DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2024 Páx. 19413

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2024 pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Portomarín de declaración do núcleo urbano dese municipio como Zona de Grande Afluencia Turística.

Vista a solicitude, presentada polo Concello de Portomarín, da declaración do dito concello como Zona de Grande Afluencia Turística, de acordo co disposto no artigo 9.5 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, ten en consideración os seguintes

Feitos:

1º. Con data do 15 de xaneiro de 2019, o Concello de Portomarín remitiu á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a certificación do acordo do Pleno, adoptado por unanimidade en data do 28 de xuño de 2018, no que solicita da Consellería de Economía, Industria e Innovación a declaración do núcleo urbano de Portomarín como Zona de Grande Afluencia Turística, para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, autorizándose a apertura desde o mes de abril ata o mes de novembro, ambos incluídos, das 9.00 ás 22.00 horas.

Tras os oportunos requirimentos, foron achegados os seguintes informes, exixidos polo artigo 9.1 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia:

– Informe favorable da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Lugo.

– Informe favorable da Federación de Comercio de Lugo.

– Informe favorable da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo.

– Informe favorable da Asociación Intersectorial de Autónomos e Profesionales da Provincia de Lugo.

– Informe favorable da Unión Provincial en Lugo da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF).

– Informe favorable da Asociación de Consumidores en Acción FACUA-Galicia.

2º. Con data do 14 de novembro de 2023, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Conselleria de Economía, Industria e Innovación achegou á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación anterior, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente, de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

3º. Con data do 19 de xaneiro de 2024, tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o informe favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de Zona de Grande Afluencia Turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, no que se sinala:

Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano aos que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á que deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire a alínea 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido na alínea 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta á que se refire a alínea 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de Zona de Grande Afluencia Turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de Zona de Grande Afluencia Turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

4. Para os efectos do establecido no punto 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte deste nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos, ou ben no número de segundas residencias, respecto das que constitúen residencia habitual.

b) Que teña sido declarado Patrimonio da Humanidade o no que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

e) Proximidade a áreas portuarias nas que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen.

Cuarto. A proposta motivada do Concello de Portomarín, aprobada pola unanimidade do Pleno da corporación local, sinala como xustificación da solicitude que o concello de Portomarín é un dos puntos claves dentro do Camiño de Santiago Francés, e recibe ao ano 75.000 visitantes, o que multiplica por 48 a poboación local.

Quinto. O informe emitido pola Axencia de Turismo de Galicia, respecta da declaración do Concello de Portomarín como Zona de Grande Afluencia Turística, que tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo en data do 19 de xaneiro de 2024, sinala:

«(...) no concello de Portomarín concorren algunhas das circunstancias previstas no artigo 5.4 da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais para declarar unha Zona de Grande Afluencia Turística. A saber:

– Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos, ou ben no número de segundas residencias, respecto das que constitúen a residencia habitual.

Son varias as fontes que permiten medir e observar a oferta de aloxamento turístico en Portomarín. Dunha banda, o REAT –Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas– amosa que no pasado ano 2022, o concello de Portomarín ten 65 establecementos que ofertan 1.424 prazas, boa parte das cales se localizan na área proposta como Zona de Grande Afluencia Turística. Algo máis da metade da oferta corresponde aos albergues, tipoloxía destinada principalmente ao peregrino, con peso tamén importante do segmento hoteleiro –representa o 30 % do total das prazas–.

Por outra banda, e segundo achega o INE, a través da operación experimental “Medición do número de vivendas turísticas en España e a súa capacidade: operación experimental”, a porcentaxe de vivendas turísticas sobre o total de vivendas censadas en Portomarín sitúase no 3,75 % neste ano 2023 –mes de febreiro–. Esta cifra supera a media dos concellos do contorno e tamén é a máis alta de todos os concellos localizados no Camiño Francés.

Obsérvase, por tanto, unha concentración importante da oferta de aloxamento –regrada e non regrada– na área proposta como Zona de Grande Afluencia Turística.

– Que se localice nela un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

Neste sentido, segundo se desprende da listaxe de Bens de Interese Cultural publicado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, o Concello de Portomarín ten declarados dous elementos BIC como monumento e conxunto histórico –a Igrexa de San Nicolás e o Conxunto Asolagado de Portomarín–. Pertence, ademais, ao territorio histórico do Camiño Francés, declarado como tal en 1962, e ao Ben de Interese Cultural e Paisaxe Cultural Ribeira Sacra –declarado como tal en 2018–.

Ademais dos requisitos anteriores, Portomarín localízase no trazado do Camiño francés a Santiago e, en consecuencia, recibe a un número importante de peregrinos. Non en van localízanse no concello tres albergues públicos e 23 albergues privados, que ofertan en total 793 prazas –o 56 % do total das prazas de aloxamento do concello (...)».

Vistos os precedentes citados, especialmente o acordo do Pleno do Concello de Portomarín adoptado por unanimidade, e o informe Axencia de Turismo de Galicia, que constata o cumprimento das condicións que xustifican a declaración do núcleo urbano do concello de Portomarín como Zona de Grande Afluencia Turística,

RESOLVO:

1º. Aprobar a proposta motivada do Concello de Portomarín de declaración do núcleo urbano do municipio como Zona de Grande Afluencia Turística, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, autorizándose a apertura desde o mes de abril ata o mes de novembro, ambos incluídos, das 9.00 ás 22.00 horas.

2º. A declaración de Zona de Grande Afluencia Turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3º. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de Zona de Grande Afluencia Turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no artigo 9.1 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación
P.D. (Orde do 9.2.2023; DOG núm. 34, do 17 de febreiro)
José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía,
Industria e Innovación