DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2024 Páx. 19410

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 36/2024, do 7 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello das Neves, do treito inicial da estrada provincial EP-4204 entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+550.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello das Neves e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron, o día 13 de xaneiro de 2023, un convenio de colaboración para levar a cabo a execución do proxecto denominado Mellora da mobilidade peonil na EP-4204 As Neves-Estación, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+550.

A cláusula quinta deste convenio ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia ao concello do treito inicial da estrada provincial EP-4204 As Neves-Estación, de 550 metros e coincidente cos puntos quilométricos 0+000 e 0+550.

A Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión ordinaria levada a cabo o día 24 de novembro de 2023, aceptou o cambio de titularidade proposto.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, indica que os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídas no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

O treito da estrada EP-4204 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou proposta favorable á transferencia de titularidade do treito inicial da EP-4204, entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+550.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello das Neves, do treito inicial da estrada EP-4204.

Estrada

Denominación da estrada

p.q.i

p.q.f

Lonx. (Km)

EP-4204

As Neves-Estación

0+000

0+550

0,550

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación, no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello das Neves, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade