DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2024 Páx. 19027

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de xaneiro de 2024, polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da instalación eléctrica denominada LMTS e centro de interconexión punto fronteira Ameixeira, no concello de Crecente (Pontevedra), que promove Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L. (expediente IN407A 2022/542-4).

Para cumprir o disposto no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a Xefatura Territorial de Pontevedra dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de xaneiro de 2024, polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da instalación eléctrica denominada LMTS e centro de interconexión punto fronteira Ameixeira, no concello de Crecente (Pontevedra), que promove Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L. (expediente IN407A 2022/542-4), que se recolle como anexo desta resolución.

Contra o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 21 de febreiro de 2024

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de xaneiro de 2024, polo que
se outorga a autorización administrativa previa e de construción, se declara, en concreto, a utilidade pública e a prevalencia sobre un monte veciñal en man
común da instalación eléctrica no concello de Crecente (expediente IN407A 2022/542-4)

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 23.11.2022, a empresa Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e centro interconexión punto fronteira Ameixeira.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun novo centro de interconexión para repartir cargas, o que posibilita alimentar a rede no caso de avaría do centro de interconexión existente. Este centro unirase coa rede de distribución de UFD Distribución Electricidad, S.A. a través dunha liña de media tensión subterránea (en diante, LMTS) de 12 metros de lonxitude; constará dun conxunto de medida e protección adecuados, e será xestionado de maneira remota. As actuacións están previstas no lugar de Amexeira, no concello de Crecente (Pontevedra).

Segundo. Mediante a Resolución do 6 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da referida instalación eléctrica, publicándose a dita resolución no Diario Oficial de Galicia núm. 73, do día 17 de abril, no diario Faro de Vigo do 17.6.2023, no Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como no taboleiro de anuncios do Concello de Crecente, desde o 16.3.2023 ata o 2.5.2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.

Así mesmo, mediante escrito do 6 de marzo de 2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora, neste caso a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Ameixeira.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións da CMVMC de Ameixeira. A continuación resúmese o seu contido:

A servidume de paso, a superficie ocupada polo centro de interconexión e a superficie necesaria para xestión da biomasa veranse completamente perdidas desde o punto de vista forestal que é o uso actual da superficie.

A afección será moito maior debido á necesidade de conectar o centro de interconexión á rede de UFD. Isto implicará novas instalacións eléctricas que forzosamente irán ao lado das que agora se proxectan.

Contaminación visual das instalacións que supón unha intrusión visual severa que repercute no valor do monte.

Impactos negativos da instalación tales como: perda útil de aproveitamento de madeira, procesos erosivos, peor regulación hídrica, perda da capacidade de fixación do CO2, perda da riqueza faunística, maior risco de electrocución de aves, maior risco de incendios forestais, interferencias con operacións silvícolas e maiores dificultades para os labores de extinción de incendios.

As instalacións proxectadas non melloran o servizo eléctrico na parroquia de Ameixeira, xa que a empresa Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L. non proporciona servizo eléctrico nesta zona.

Riscos para a saúde humana.

No caso de chegar á expropiación forzosa, deberá xustificar que a utilidade ou interese social da instalación proxectada está por encima do interese social do monte veciñal en man común.

Terceiro. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación da Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L.:

Trátase dunha instalación moi reducida que ocupa unha superficie de 36 m2 dos cales 21 m2 se refiren á construción dunha faixa perimetral.

Ao ser unha instalación que ocupa unha superficie total en planta de 14,47 m2, cunha altura de 2,58 m, a afección paisaxística e visual é insignificante.

Proxéctase sobre unha superficie de terreo que se encontra totalmente deserta de vexetación, conforme se aprecia nas imaxes que se facilitan.

Trátase dunha construción pechada, que prevé a posible entrada e saída de trazados de maneira subterránea, precisamente para minimizar o impacto sobre os núcleos poboacionais máis próximos.

Ao se tratar dunha liña soterrada non ten cabida a alusión aos riscos de incendio e danos á fauna da zona.

Cuarto. A Xefatura Territorial de Pontevedra solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Crecente.

O 19.6.2023, o Concello no seu informe conclúe que as actuacións pretendidas considéranse compatibles, a priori, co planeamento urbanístico vixente, logo de outorgamento das autorizacións e informes sectoriais preceptivos. Así mesmo, refire que deberán cumprirse as cautelas recollidas nese informe. O 13.7.2023 o promotor manifestou a súa conformidade.

Quinto. O 12.6.2023, en cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deuse traslado do proxecto e das alegacións da CMVMC de Ameixeira ao Servizo de Montes de Pontevedra para que emitisen informe, de ser o caso, sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do aproveitamento afectado.

Sexto. O 23.6.2023, o Servizo de Montes emitiu informe en que indica a compatibilidade do aproveitamento afectado coa actuación proposta, sen prexuízo doutros informes preceptivos, sempre que se cumpra o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no cumprimento das distancias de plantación, así como a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios de Galicia, sobre as distancias de protección previstas para manter as faixas exixidas.

Sétimo. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra analizaron todas as alegacións presentadas, emitindo o 7.6.2023 o correspondente informe, en que concluían que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Oitavo. O 16.10.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra fixo un requirimento á solicitante en relación co contido do proxecto de execución que foi contestado o 22.11.2023.

Noveno. O 28.11.2022, os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra emiten informe de referencia do punto 5 do artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución e a súa emenda, no que non se presentan obxeccións de carácter técnico para continuar coa tramitación do procedemento de autorización correspondente.

Consideracións legais e técnica:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para facer esta proposta con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

O Consello da Xunta de Galicia é competente para adoptar o acordo proposto, de conformidade co disposto no artigo 53.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro,de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 12 metros de lonxitude, con orixe no centro de interconexión proxectado (punto fronteira Ameixeira) e final no centro de seccionamento de UFD.

Centro de interconexión, punto fronteira Ameixeira, con celas prefabricadas en envolvente metálica de illamento e corte en SF6.

A instalación está situada en Ameixeira, no municipio de Crecente (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal, o titular concretará o valor que considere como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permítelle ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

En relación coa declaración de utilidade pública e a urxente ocupación que leva implícita, sinálase que os artigos 54 da Lei 24/2013 e 140 do Real decreto 1955/2000 establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e exercicio da servidume de paso. Esta declaración de utilidade pública esténdese aos efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais.

O artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000, ademais recolle que para o recoñecemento en concreto da utilidade pública destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

En relación cos campos electromagnéticos, os valores están por debaixo dos límites indicados no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radio eléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas. En canto aos valores de campo eléctrico nas liñas eléctricas soterradas son nulos, debido ao efecto de apantallado do terreo e dos condutores e a súa conexión a terra.

No tocante aos efectos ambientais, destácase que as características desta instalación eléctrica non obrigan á tramitación do procedemento de avaliación ambiental simplificada ou ordinaria.

Quinta. Respecto da concorrencia de utilidades públicas da referida infraestrutura eléctrica cos terreos dos montes afectados (montes veciñais en man común), cómpre indicar o seguinte:

En cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, o Servizo de Montes de Pontevedra emitiu informe indicando a compatibilidade do aproveitamento afectado coa actuación proposta. O promotor debe realizar un acto de disposición coa comunidade propietaria do monte, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Polo que respecta ao MVMC, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, establece no seu artigo 6.1 que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais. En consecuencia, e para os efectos de poder iniciar, de ser o caso, o correspondente expediente expropiatorio, cómpre declarar a prevalencia da utilidade pública da instalación sobre a utilidade pública do MVMC afectado.

Conforme o indicado, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Outorgar á empresa Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e centro interconexión punto fronteira Ameixeira (expediente IN407A 2022/542-4).

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. Declarar a prevalencia da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica co MVMC de Amexeira, no concello de Crecente (Pontevedra).

Este acordo axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. As características das instalacións que se autorizan axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial de Pontevedra acompañada da seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.