DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2024 Páx. 19018

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de febreiro do 2024 polo que se declara de interese autonómico o Proxecto de mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola de Coren en Ourense.

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Secretaría Xeral de Industria dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de febreiro do 2024, polo que se declara de interese autonómico o Proxecto de mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola de Coren en Ourense, cuxo texto íntegro se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o devandito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2024

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de febreiro de 2024 polo que
se declara de interese autonómico o Proxecto de mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola de Coren en Ourense

Feitos.

1. O 17.4.2023 a empresa Cooperativas Orensanas, S.C.G. (Coren) presentou, a través do Rexistro electrónico da Xunta de Galicia, a solicitude de declaración de interese autonómico do Proxecto de mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola, que se vai implantar no concello de Ourense, acompañada da proposta de actuación, de conformidade co exixido no artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Da referida proposta de actuación, que desenvolve os diferentes extremos exixidos no artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, despréndese o seguinte:

• O Grupo Coren, con máis de 60 anos de historia, é a maior cooperativa agroalimentaria cárnica de España. A facturación anual de todas as empresas que conforman o grupo supera os 1.000 millóns de euros, o que lle permite posicionarse como unha das empresas tractoras do sector agroalimentario galego.

• O obxecto do proxecto para o que se solicita a declaración de interese autonómico, segundo se recolle na proposta de actuación, é a ordenación e planificación urbanística e territorial da ampliación da industria alimentaria existente para mellorar os seus procesos produtivos e satisfacer a demanda; a reestruturación das instalacións actuais; e a construción dunha nova plataforma de preparación de pedidos e loxística asociada ás súas instalacións actuais.

• As características e particularidades do proceso produtivo fan inviable que as novas instalacións se poidan executar noutra localización, desligadas do Centro de Procesado Avícola de Santa Cruz de Arrabaldo. Por iso, preténdese instrumentar mediante un Proxecto de interese autonómico (PIA) o proceso de planificación e xestión do territorio que permita obter o solo necesario para acometer as obras de urbanización e edificación previstas e necesarias, dado que o vixente instrumento de ordenación urbanística non o permite.

• A necesidade de recorrer a un instrumento de intervención directa na ordenación do territorio como son proxectos de interese autonómico (PIA) xurde das limitacións ao desenvolvemento urbanístico provocadas pola ausencia dun planeamento municipal actualizado (a vixente data de 1986) e adaptado á vixente Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que posibilite a ampliación das instalacións existentes na súa localización actual.

• O obxectivo do PIA é mudar a clasificación de solo rústico a solo urbano non consolidado de uso industrial do solo incluído dentro do ámbito da actuación, establecendo ademais as condicións urbanísticas apropiadas para a execución das edificacións necesarias para o dito uso.

• O ámbito de actuación conta cunha superficie de 226.196 m2 (22,6 hectáreas), nos que se inclúen tanto as instalacións actuais do Centro de Procesado Avícola como os terreos necesarios para a súa ampliación nas orientacións leste e oeste. Este conxunto de actuacións complementaríase cunha mellora dos accesos ao complexo industrial (a ampliación da vía de servizo existente e a incorporación dun segundo acceso a través dunha rotonda de nova execución) e coa ampliación de prazas de aparcamento.

• O proxecto está aliñado co Plan estratéxico de Galicia 2030, concretamente co eixe 3. Competitividade e crecemento, en particular coas prioridades 3.1. Mellorar as capacidades de investigación e innovación e a adopción de tecnoloxías avanzadas, dada a automatización e dixitalización do centro de procesado, e coa prioridade 3.5. Aproveitar as potencialidades de Galicia cara a un sector primario moderno e competitivo.

• O proxecto suporá un investimento de 94,5 millóns de euros para consolidar o complexo industrial de Coren. Coa implantación das novas liñas produtivas e de organización loxística, a empresa pretende lograr o obxectivo de converter este centro nun complexo de produción e loxística alimentaria clave a nivel autonómico e nacional, cuns volumes e ritmos de produción únicos, así como posicionarse na comercialización de novos produtos alimentarios con crecente demanda no mercado. A creación dunha nova liña de procesado de subprodutos cárnicos (en concreto, proteínas hidrolizadas, cunha capacidade media de 2,5 tn/h, o que lle permitirá a Coren converterse no principal produtor destas proteínas de calidade alimentaria altamente demandadas no mercado).

Adicionalmente, nas futuras instalacións crearanse máis de 100 postos de traballo directos, dos que o 60 % serán femininos e ata o 90 % en réxime de contratación indefinida, que se sumarán aos 950 traballadores actuais do Centro de Procesado Avícola.

2. En canto ao procedemento de declaración de interese autonómico, no artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, disponse que a consellería competente por razón da materia deberá emitir informe sobre a procedencia da declaración solicitada, no prazo de dous meses. A este respecto, o 14.9.2023 a Secretaría Xeral de Industria solicitou o referido informe ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), pola súa condición de órgano adscrito a esta consellería para o desenvolvemento económico de Galicia.

O 13.10.2023, á vista da documentación achegada, o Igape emitiu o informe favorable sobre a procedencia da declaración solicitada, no que respecta ás características nas que se fundamenta o interese autonómico, segundo o disposto nas epígrafes 1ª e 2ª da letra c) do artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, conclúe o seguinte:

• «Polo exposto, e segundo a documentación achegada, conclúese que o Proxecto de mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola de Coren, ten impacto relevante e incidencia territorial económica e social en Galicia».

• «Á vista de todo o anterior, Igape emite informe favorable sobre a contribución ao desenvolvemento económico de Galicia, do proxecto: mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola, promovido por Cooperativas Ourensanas, S.C.G. Coren».

3. En cumprimento do exixido no artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, o 17.10.2023 a Secretaría Xeral de Industria solicitoulle informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU). O 7.12.2023 a DXOTU remitiu o seu informe á Secretaría Xeral de Industria, asinado na mesma data, no que se conclúe o seguinte: «Analizada a documentación achegada, considérase que o obxecto do proxecto de interese autonómico para a mellora e ampliación do Centro de Procesado Avícola de Coren, situado en Santa Cruz de Arrabaldo, no concello de Ourense, responde ás finalidades que para estes instrumentos de ordenación do territorio se sinalan na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e resulta coherente coas determinacións das directrices de ordenación do territorio de Galicia e outros instrumentos de ordenación do territorio concorrentes, e pode continuarse a súa tramitación segundo o disposto no artigo 42 da citada lei».

4. En cumprimento do exixido no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, o 7.12.2023 a Secretaría Xeral de Industria deulle audiencia ao Concello de Ourense por un prazo de 2 meses. O 30.1.2024 o Concello de Ourense remitiulle á Secretaría Xeral de Industria o seu informe do 26.1.2024, no que se conclúe o seguinte: «Tendo en conta os antecedentes acaídos neste ámbito, así como a proposta de actuación para a declaración de interese autonómico do Proxecto de modernización, mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo, para a elaboración do documento do Proxecto de interese autonómico entendemos que haberá que ter en conta o sinalado nos puntos anteriores nos documentos que se redacten sen prexuízo de manifestar non ter inconveniente en que se declare de interese autonómico obxecto desta fase».

Consideracións legais e técnicas.

1. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento de declaración de interese autonómico, regulado na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

3. De conformidade co Decreto 59/2023, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), este último organismo é a consellería competente en materia de industria, e dentro desta, a Secretaría Xeral de Industria ten atribuídas as competencias para o impulso e a tramitación dos procedementos para a declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico, proxecto de interese autonómico, proxecto tractor ou para calquera outra declaración análoga vinculada ao impulso económico e industrial.

De acordo con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto de mellora e ampliación do proceso produtivo e loxístico do Centro de Procesado Avícola de Coren en Ourense.

2. O órgano competente, por razón da materia, para a tramitación do expediente é a Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, e debe esta consellería cumprir co procedemento legal establecido.

3. As determinacións contidas no referido proxecto, unha vez aprobado definitivamente por este consello, vincularán o planeamento do Concello de Ourense, na provincia de Ourense, que terá que adaptarse a elas dentro dos prazos que para tal efecto se determinen.