DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2024 Páx. 18954

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pro Xanxián.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pro Sanxián, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 17 de xullo de 2023, Miguel Ángel Gil Español, secretario do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pro Sanxián constituíuna a entidade Xorxios, S.L., representada polo seu administrador único Mateo Martínez Álvarez, mediante escritura pública outorgada o 13 de xuño de 2023, ante o notario da Guarda (Pontevedra) José Manuel Rodríguez Casal, con número de protocolo 898.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto principal a reactivación da vida rural da aldea de San Xián (O Rosal, Pontevedra) e, subsidiariamente, o fomento do desenvolvemento rural de Galicia.

Para a consecución dos seus fins, de conformidade co indicado no seu artigo 7, poderá realizar as seguintes actividades:

a) A investigación de novos cultivos que se poidan implantar na zona.

b) A creación e mantemento dunha plataforma común de apoio veciñal para a venda dos seus produtos agrarios, creando canles de venda, sistemas loxísticos e estándares de calidade.

c) O fomento da cultura e do turismo da zona a través da divulgación da vida rural e da posta en valor das tradicións e costumes das persoas con maior idade, favorecendo, tamén, a transición xeracional.

d) A promoción do paisaxismo e a reordenación territorial.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, á identidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Mateo Martínez Álvarez, como presidente; Juan Manuel Cabezón González, como vicepresidente; Miguel Ángel Gil Español, como secretario, e Florencio Sobrino Pérez e José María Treinta Pérez, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Pro Sanxián, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 9 de febreiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 39, do 23 de febreiro) clasificouse de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Pro Sanxián, e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural (DOG nº 9, do 22 de decembro), corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pro Sanxián, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Pro Sanxián.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Medio Rural.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural