DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2024 Páx. 18040

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade da encarga á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para a execución dos traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (avespa velutina).

En virtude do establecido no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da seguinte encarga:

– Resolución do 7 de febreiro de 2024, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se lle encarga á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a execución dos traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (avespa velutina).

– Actividade: traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (avespa velutina).

– Natureza e alcance da encarga:

Trátase dunha encarga a un medio propio, de acordo cos artigos 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro; 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) é unha sociedade mercantil pública autonómica das previstas no artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, que de acordo co artigo 1.4 dos seus estatutos ten «a consideración de medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico».

Seaga encargarase da xestión de avisos de presenza de niños de avespa velutina segundo o Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática.

– Financiamento: o orzamento de execución ascende a un millón setecentos setenta e catro mil novecentos dezanove euros con noventa e oito céntimos (1.774.919,98 €), que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.141A.227.42 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024, na cal existe crédito adecuado e suficiente.

– Prazo de vixencia: comezará o día da sinatura da encarga (7 de febreiro de 2024) e estenderase ata o 30 de decembro de 2024, e poderá prorrogarse nos termos que se determinen antes da finalización da encarga.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

Elena Muñoz Fonteriz
Secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes