DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2024 Páx. 18000

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de febreiro de 2024 pola que se aproban os estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores
e Tesoureiros de Administración Local de Ourense

Exposición de motivos

Os colexios territoriais de secretarios locais constituíronse polo Real decreto, do 6 de setembro de 1925, ampliado aos interventores locais pola Real orde do 17 de decembro de 1925. Posteriormente, o Regulamento de funcionarios de Administración local, aprobado polo Decreto do 30 de maio de 1952 (BOE do 28 de xuño), dispuxo no seu artigo 99, puntos 1 e 2, e no 203, a existencia obrigatoria dos colexios territoriais de secretarios, interventores e depositarios. Estes artigos indicaban:

Artigo 99. 1. Os funcionarios de Administración local poderán constituírse en colexios territoriais. 2. Os pertencentes a corpos nacionais formarán Colexio na forma establecida polas disposicións vixentes, ou que en diante se diten.

Artigo 203. 1. En todas as provincias españolas, con sede na súa capital, existirá un Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Depositarios, que exercerá a representación dos tres corpos e do cal serán membros con carácter obrigatorio todos os que estean incluídos nas correspondentes escalas. 2. O Colexio Nacional terá a súa sede en Madrid e será o órgano de superior xerarquía profesional respecto dos colexios provinciais e dos compoñentes dos corpos cuxa representación lle incumbe, para os fins que lle están atribuídos. 3. O Colexio Nacional e os provinciais terán o carácter de corporacións de dereito público afectas ao Ministerio da Gobernación, e rexeranse polos regulamentos aprobados pola Dirección Xeral de Administración Local, que determinarán a súa organización, funcionamento, réxime económico, fins sociais e profesionais, facultades disciplinarias e demais cuestións que procedan.

En desenvolvemento desta norma, aprobouse o Regulamento dos Colexios de Secretarios, Interventores e Depositarios de Administración Local, do 31 de xullo de 1953 (BOE do 7 de agosto), que foi modificado polo Regulamento do 2 de febreiro de 1978 (BOE do 18 de febreiro). A exixencia de adaptación á Constitución dos estatutos e demais disposicións que regulaban os colexios de funcionarios existentes no momento da entrada en vigor da disposición adicional segunda da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, na redacción dada a esta pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, cumpriuse mediante o Real decreto 1912/2000, do 24 de novembro, que aproba os estatutos xerais da organización colexial de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local, modificados polos agora vixentes, aprobados mediante o Real decreto 353/2011, do 13 de marzo, a cuxo contido se adecúa a esta modificación dos estatutos do Colexio de SITAL de Ourense.

TÍTULO I

Sobre a organización colexial

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, denominación e contido

Estes estatutos teñen por obxecto regular a organización, funcionamento e réxime xurídico do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da provincia de Ourense.

Artigo 2. Personalidade e natureza xurídica

1. O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense é unha corporación de dereito público constituída conforme a lei, con estrutura interna e funcionamento democráticos, integrada por funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á escala administrativa de igual nome a través das subescalas de secretaría, intervención-tesouraría e secretaría-intervención.

2. O Colexio ten personalidade xurídica propia e capacidade de obrar plena para o cumprimento dos seus fins.

3. O acrónimo da corporación é Cosital Ourense.

Artigo 3. Fins do Colexio

Son fins do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense:

a) A representación da profesión e dos intereses xerais e profesionais dos colexiados, especialmente nas súas relacións coas administracións e co resto dos poderes públicos.

b) A defensa dos colexiados e dos intereses xerais da profesión.

c) A colaboración coas administracións públicas competentes para a ordenación da profesión e o apoio e mantemento do seu correcto exercicio por parte dos colexiados.

d) Calquera outro que afecte ou se refira aos funcionarios representados, así como aqueles que recolle o artigo 8 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A realización de cantas actuacións redunden na mellora e beneficio dos intereses xerais da cidadanía destinataria das funcións públicas reservadas aos secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local.

Artigo 4. Sede e ámbito territorial

1. O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense ten a súa sede na rúa Ramón Cabanillas, 3, 2º A, da cidade de Ourense.

2. O seu ámbito territorial de actuación circunscríbese á provincia de Ourense.

3. O cambio de sede require acordo da Xunta de Goberno, que se deberá ratificar posteriormente en asemblea xeral.

4. Os órganos colexiados de Cosital Ourense poderán realizar reunións, ademais de na sede territorial, en calquera local sito nos municipios do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, por acordo da Xunta de Goberno.

Artigo 5. Relacións institucionais

En todo o que fai referencia aos aspectos institucionais e corporativos, así como ao contido da profesión, previstos na Lei de colexios profesionais e nestes estatutos, o Colexio relacionarase coas administracións públicas a través do órgano que teña atribuída esta competencia.

Artigo 6. Portelo único e Servizo de Atención aos Consumidores e Usuarios

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único recollido na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, quen integra a profesión poida, a través dun único punto, por vía electrónica, a distancia e de forma gratuíta, realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a consideración de interesados, recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución dos expedientes, incluída a notificación dos disciplinarios cando non for posible por outros medios, ser convocados ás asembleas xerais e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada da organización colexial.

2. O portelo único conterá a información a que se refire a lexislación básica sobre colexios profesionais para a mellor defensa dos dereitos da cidadanía destinataria da actividade dos profesionais que agrupa a organización colexial, en especial o acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado.

3. O Colexio disporá dun Servizo de Atención aos Consumidores e Usuarios co fin de que estes e as súas asociacións e organizacións poidan presentar no Servizo, directamente ou por vía electrónica e a distancia, as súas queixas ou reclamacións referidas á actividade colexial ou dos colexiados.

CAPÍTULO II

Funcións do Colexio e actividade colexial

Artigo 7. Funcións do Colexio

Compete a este colexio profesional, no seu ámbito territorial, o exercicio das funcións consignadas na lexislación básica nacional e autonómica sobre colexios profesionais e, en particular, as seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis xerais e as especiais, os estatutos e regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais.

b) Velar polo cumprimento dos deberes profesionais dos colexiados, a súa ética e a súa dignidade profesional.

c) Tutelar e defender os dereitos e intereses que afecten cada unha das subescalas en que se integra a profesión e os dos funcionarios pertencentes a elas, exercer a representación e a defensa duns e outros ante as administracións públicas, institucións, tribunais e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e procedementos disciplinarios afecten os intereses profesionais.

d) Aprobar os seus estatutos e as súas modificacións, de conformidade co establecido na lexislación autonómica. Esta aprobación deberá ser ratificada posteriormente por acordo do órgano competente do Consello Xeral de Colexios de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de España, unha vez comprobada a adecuación destes á lexislación sobre colexios profesionais e aos estatutos do Consello Xeral.

e) Coñecer os recursos que se interpoñan contra os acordos dos seus órganos de goberno.

f) Manter e estreitar a unión, compañeirismo e harmonía entre todos os colexiados, e promover a súa participación na xestión colexial.

g) Estimular e facilitar o perfeccionamento profesional, ben sexa directamente, ben colaborando con centros de investigación e formación; organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e análogos.

h) Divulgar as disposicións legais e as instrucións e ordes das autoridades para o mellor coñecemento e cumprimento polos colexiados e informar estes de cantas cuestións poidan afectarlles no ámbito profesional.

i) Impulsar, a través de publicacións, conferencias, cursos de formación e canto medios procedan, o estudo do dereito e técnicas de administración que afecten os profesionais colexiados, así como colaborar, cando sexan requiridos, na formación das autoridades, cargos e persoal ao servizo das administracións públicas.

j) Asesorar as autoridades e administracións públicas nas cuestións relacionadas co exercicio das funcións reservadas aos funcionarios pertencentes ao Colexio, emitindo os informes, ditames e consultas pertinentes.

k) Manter relacións permanentes de información, comunicación e colaboración co Consello Xeral e, no caso de que se constitúa, co Consello Autonómico.

l) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, asistencia, de previsión e análogos que sexan de interese para os colexiados.

m) Promover a solución por procedementos de arbitraxe dos conflitos que por motivos profesionais se susciten entre colexiados.

n) Atender as solicitudes de información sobre os colexiados e as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

o) Atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

p) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

Artigo 8. Memoria anual

1. O Colexio queda suxeito ao principio de transparencia na súa xestión, e para este fin a Xunta de Goberno elaborará unha memoria anual e elevaraa á Asemblea Xeral para a súa aprobación. Esta memoria conterá, polo menos, a seguinte información:

a) Informe anual de xestión económica que inclúa os gastos de persoal suficientemente desagregados e especifique a suma total das axudas de custo percibidas polos membros de cada Xunta de Goberno.

b) Importe das cotas aplicables, desagregadas por concepto e tipo de servizos prestados, e as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística sobre os procedementos informativos e sancionadores en instrución ou firmes, indicando a infracción, tramitación e eventual sanción, con protección, en todo caso, dos datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística sobre queixas e reclamacións dos consumidores ou usuarios ou das súas asociacións ou organizacións, a súa tramitación e motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, con protección, en todo caso, dos datos persoais.

e) Cambios no contido dos códigos deontolóxicos.

f) Normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros da Xunta de Goberno.

2. A memoria anual farase pública na páxina web do Colexio no primeiro semestre de cada ano.

Artigo 9. Reforma dos estatutos e da aprobación e modificación dos regulamentos do Colexio

1. A iniciativa para a reforma dos estatutos e modificación dos regulamentos do Colexio correspóndelle á Xunta de Goberno.

2. A modificación dos estatutos requirirá o cumprimento dos seguintes trámites:

1º. Información a todos os colexiados das modificacións propostas, cunha antelación mínima dun mes.

2º. Voto favorable da maioría absoluta dos asistentes á asemblea, sempre que esta cifra represente un terzo do número legal dos colexiados exercentes. Conseguido este requisito, deberán ser elevados ao Consello Xeral, de acordo co establecido no artigo 7.d) destes estatutos.

3º. Comunicación á consellería competente da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa publicación no seu boletín territorial (Diario Oficial de Galicia), logo de cualificación de legalidade.

3. En todo caso, os estatutos do Colexio adaptaranse ás normas legais ou regulamentarias que se diten para regular o réxime xurídico dos colexios profesionais e o exercicio das profesións tituladas, ou resulten aplicables aos colexios, sen prexuízo da plena vixencia destas normas.

4. Os regulamentos colexiais non poderán vulnerar o establecido nos estatutos e publicaranse na páxina web do Colexio.

CAPÍTULO III

Sistema normativo

Artigo 10. Sistema normativo

O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense réxese pola lexislación básica nacional en materia de colexios profesionais e a autonómica ditada no seu desenvolvemento, por estes estatutos e polos regulamentos de réxime interior que desenvolvan estes, que serán visados polo Consello Xeral.

CAPÍTULO IV

Dos colexiados

Artigo 11

1. Conforme a doutrina establecida polo Tribunal Constitucional, e de conformidade co disposto no artigo 15.2 dos estatutos xerais, a colexiación ten carácter voluntario. Para causar alta como persoa colexiada só se exixirán os dous requisitos que se enumeran a continuación, sen prexuízo do réxime singular dos membros de honra:

a) Pertencer a unha das subescalas que conforman a escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) Tomar posesión nun posto de traballo con funcións públicas reservadas a algunha das subescalas pertencentes a unha corporación ou administración do ámbito territorial do Colexio.

2. Unha vez adquirida a condición de colexiado, só se deixará de pertencer ao Colexio por baixa voluntaria ou pola imposición da pena ou sanción disciplinaria colexial ou perda da condición de funcionario público nos supostos previstos no Estatuto básico do empregado público, con excepción da xubilación.

Sección I. Clases de colexiados

Artigo 12. Clases de colexiados

1. Os membros do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense poden ser colexiados exercentes, non exercentes e de honra.

2. Serán membros exercentes as persoas colexiadas cando, na súa condición de persoal funcionario, se encontren en situación de servizo activo en calquera das administracións públicas.

3. Serán colexiados non exercentes aqueles/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional que non se encontren en ningún dos supostos descritos no punto 2 anterior, os que, tendo pertencido á dita escala, se encontren en situación de xubilación, de sanción de emprego e soldo, e mentres dure a suspensión provisional ou inhabilitación cautelar que se poida acordar na tramitación dun procedemento sancionador ou proceso xudicial.

Sección II. Réxime de colexiación

Artigo 13. Colexiados

1. A colexiación terá carácter voluntaria para todos os funcionarios a que se refire o parágrafo anterior e nos termos do artigo seguinte.

2. Para a colexiación, o Colexio disporá dos medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar a súa petición por vía telemática.

Artigo 14. Procedemento de ingreso

1. As persoas que poidan causar alta como colexiadas poderán solicitar en calquera momento a súa incorporación ao Colexio.

2. A solicitude de alta deberá presentarse, de ser o caso, no modelo que estableza este colexio. No caso de que a solicitude estea incompleta ou non se faga no modelo establecido, requirirase o solicitante para que a emende nun prazo de dez (10) días hábiles. En caso de non atender adecuadamente ao requirimento, enténdese que desiste da súa solicitude de alta.

3. A solicitude de alta deberá resolvela de modo expreso o presidente. No caso de que se denegue a solicitude de alta, deberá motivarse a denegación.

4. O nomeado adquirirá automaticamente todos os dereitos e contraerá todos as obrigacións establecidas nestes estatutos e nos xerais da organización colexial desde o momento en que adquira a condición de colexiado.

Artigo 15. Domicilio dos colexiados

Cada colexiado comunicará ao Colexio o seu domicilio ou un enderezo electrónico para a notificación para todos os efectos colexiais. Salvo que o colexiado sinale expresamente outro, reputarase como domicilio o lugar onde se sitúe o posto de traballo.

Sección III. Dereitos e obrigacións dos colexiados

Artigo 16. Dereitos dos colexiados

Ademais dos que lles corresponden conforme o disposto na lexislación vixente, son dereitos dos colexiados:

a) Concorrer, con voz e voto, ás asembleas.

b) Dirixirse aos órganos de goberno formulando peticións, queixas e propostas, ou recadando información sobre a actividade colexial. En todo caso, a petición de información deberá exercerse de modo que non sexa abusiva e permita o funcionamento correcto do Colexio.

c) Elixir e ser elixido, neste último suposto con exclusión dos xubilados, como presidente do Colexio ou restantes cargos directivos da Xunta de Goberno nas condicións e mediante os procedementos que se establecen nestes estatutos.

d) Requirir a intervención do Colexio ou o seu informe, cando cumpra.

e) Ser amparado polo Colexio en canto afecte a súa condición de funcionario e o exercicio das funcións que lle son propias.

f) Gozar das concesións, beneficios, dereitos e vantaxes que se lles outorguen aos colexiados en xeral, para si ou para as súas familias.

g) Examinar os libros e a documentación do Colexio, logo de solicitude dirixida ao presidente da Xunta de Goberno.

h) Cantos outros poidan establecerse por acordo da Xunta de Goberno ou, de ser o caso, pola Asemblea Xeral.

Artigo 17. Deberes e obrigacións dos colexiados

Son deberes xerais dos colexiados:

a) Someterse á normativa legal e estatutaria, ás normas e aos usos propios da deontoloxía profesional e ao réxime disciplinario colexial.

b) Observar unha conduta digna da súa condición e do cargo que exerza e desempeñar este con honradez, celo, competencia e imparcialidade.

c) Establecer, manter e estreitar as relacións de unión e compañeirismo que deben existir entre todos os funcionarios que forman a escala.

d) Comparecer ante os órganos colexiais cando sexan requiridos para iso.

e) Comunicar ao Colexio calquera acto de intrusionismo profesional ou exercicio ilegal da profesión do cal teñan coñecemento.

Son obrigacións especiais dos colexiados:

a) Contribuír puntualmente ao sostemento económico do Colexio.

b) Declarar na debida forma a súa situación administrativa e as demais circunstancias relativas á súa condición de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, no que afecte os seus dereitos e obrigacións colexiais.

c) Acatar e cumprir os acordos que adopten os órganos do Colexio na esfera das súas competencias.

d) Comunicar ao Colexio a súa toma de posesión e cesamento, así como cantas circunstancias de orde profesional sexan relevantes para o cumprimento das súas funcións colexiais.

Artigo 18. Violación de dereitos profesionais

Cando un colexiado considere que a autoridade ou Administración ante a cal actúa coarta a independencia e liberdade necesarias para cumprir os seus deberes profesionais ou que non se lle garda a consideración debida ao prestixio da súa profesión, poderá facelo constar así ante o propio órgano de que se trate e dar conta á Xunta de Goberno do Colexio, e, se esta considera fundada a queixa, adoptará as medidas oportunas para amparar a liberdade e a independencia e prestixio profesionais.

Artigo 19. Tutela corporativa

O Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense velará polos medios legais ao seu alcance para que se removan os impedimentos de calquera clase que se opoñan á intervención en dereito dos seus colexiados, así como para que se recoñeza a exclusividade da súa actuación e o exercicio das funcións reservadas conforme o establecido nas leis.

Artigo 20. Incumprimento de obrigacións económicas

Se calquera colexiado incorre en mora, o presidente do Colexio requirirao para que satisfaga a súa débeda no prazo máximo dun mes. Se pasa outro mes desde o requirimento sen que faga efectivo os seus débitos colexiais, o colexiado moroso quedará automaticamente suspendido dos dereitos que lle recoñece este estatuto. A suspensión manterase ata o debido cumprimento dos seus deberes económicos colexiais, sen prexuízo da súa eventual reclamación xudicial pola vía procedente.

Sección IV. Perda da condición de colexiado

Artigo 21. Perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Baixa voluntaria comunicada por escrito.

d) Polo incumprimento dos deberes económicos para co Colexio.

e) Inhabilitación xeral ou especial para cargo público por sentenza xudicial firme de inhabilitación para o exercicio da profesión.

f) Sanción disciplinaria firme de separación de servizo.

g) Así mesmo, perderán a condición de colexiados os que perdan a condición de funcionarios nos supostos do Estatuto básico do empregado público (EBEP).

2. A perda da condición de colexiado non librará do cumprimento das obrigacións vencidas.

Artigo 22. Efectos da suspensión

A sanción de emprego e soldo comporta o paso á situación de colexiado non exercente, coa limitación de dereitos correspondentes, o tempo que dure a suspensión. Igual ocorre nos supostos de suspensión cautelar de emprego e soldo acordada en vía penal ou administrativa mentres non se dite resolución firme condenatoria ou sancionadora.

A suspensión ou inhabilitación terá que comunicarse ao Consello Xeral do Colexio Nacional.

CAPÍTULO V

Organización interna

Sección I. Organización básica e complementaria

Artigo 23. Organización básica

Os órganos básicos de goberno do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense serán:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) A Presidencia.

d) A Vicepresidencia.

Artigo 24. Organización complementaria

A Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán acordar a constitución de comisións, formadas por un mínimo de tres membros, con carácter temporal ou permanente, para estudo, emisión de informes ou redacción de propostas de resolución sobre calquera asunto da competencia deste colexio, para o estudo e proposta de resolución de cuestións xerais de interese para os colexiados ou para a organización de cursos, relatorios e xornadas.

Sección II. A Asemblea Xeral

Artigo 25. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral dos colexiados é o órgano supremo de expresión de vontade do Colexio e réxese polos principios de participación igual e democrática de todos os colexiados.

2. O lugar ordinario de reunión será a sede do Colexio en Ourense, salvo que se acordase a súa realización telemática; nese caso, aquela será a sede virtual.

3. Todos os colexiados teñen o dereito de asistir, con voz e voto, á asemblea xeral. A participación nela é un acto persoal, aínda que poderá ser exercida mediante representación por outro colexiado, outorgada por escrito e para unha sesión determinada, que para a súa acreditación, da dita representación, deberá enviarse unha comunicación previa á sede colexial cunha antelación mínima de vinte e catro horas ao comezo da correspondente sesión, aínda que cada colexiado asistente unicamente poderá ter representación ou delegación de voto dun máximo de tres colexiados non asistentes. Exclúese a posibilidade de acudir mediante representación ás asembleas extraordinarias e a aquelas en que se debata unha moción de censura, nas cales si estará permitido o voto por correo.

Os seus acordos, validamente adoptados, obrigan todos os membros do Colexio, calquera que sexa o sentido do seu voto, mesmo os ausentes, representados ou non, na asemblea.

Artigo 26. Das sesións da Asemblea Xeral

1, As sesións da Asemblea Xeral poden ser de tres tipos: sesións ordinarias, extraordinarias e extraordinarias urxentes.

2. A Asemblea Xeral realizará sesión ordinaria con periodicidade anual dentro do cuarto trimestre de cada ano natural, no día e na hora que determine a Xunta de Goberno.

3. A Asemblea Xeral realizará sesión extraordinaria nos seguintes casos:

a) Cando o considere conveniente o presidente, para debater e decidir calquera asunto de interese colectivo que non se poida demorar ata a seguinte asemblea ordinaria.

b) Por petición dunha terceira parte, polo menos, dos membros da Asemblea. Neste caso, unha vez recibida a correspondente solicitude na sede do Colexio, referendada polas sinaturas dos solicitantes e coa exposición dos motivos en que se funda a petición, o presidente deberá convocar a sesión no prazo máximo de quince (15) días hábiles seguintes e non se poderá demorar a súa realización por máis de dous meses desde que o escrito se presentase, seguindo o procedemento previsto para a asemblea ordinaria.

c) Cando se presente unha moción de censura, que se tramitará de conformidade co previsto no artigo 48 destes estatutos.

Nas sesións extraordinarias non se poderán tratar máis asuntos que os incluídos na orde do día.

3. Todas as sesións da asemblea xeral, tanto ordinarias como extraordinarias, serán convocadas polo presidente, con expresa indicación da orde do día, o lugar, a data e a hora en que deberán ter lugar e se a asemblea se realiza con carácter presencial ou telemático, quen se deberá dirixir ao correo electrónico de cada colexiado con, polo menos, unha antelación á data da súa realización de quince días hábiles no caso das ordinarias, e de dous días hábiles para as extraordinarias, salvo casos de urxencia, que deberá ser ratificada pola maioría simple dos asistentes á propia asemblea.

4. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa asistencia de, polo menos, un terzo do número legal dos membros que integren o censo actualizado, presentes ou debidamente representados. En segunda convocatoria, que terá lugar trinta minutos máis tarde da hora fixada para a primeira, quedará validamente constituída calquera que sexa o número de asistentes, aínda que, en todo caso, coa presenza do secretario e presidente ou de quen legalmente os substitúa.

Para o non previsto nestes estatutos ou, de ser o caso, no Regulamento de réxime interior, o réxime xurídico, organización e funcionamento da Asemblea axustarase ás normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 27. Dos debates e da adopción de acordos

1. Os puntos que se van tratar serán os dispostos na orde do día, conforme a numeración en que aparezan. Nas sesións ordinarias da Asemblea Xeral de colexiados poderán incluírse puntos na orde do día, por petición de calquera membro da Asemblea, e deberase aprobar a súa inclusión co voto afirmativo da maioría absoluta dos asistentes. Non se admite esta posibilidade nas asembleas extraordinarias para tratar unha moción de censura.

Cada punto iniciarase mediante a súa lectura polo secretario ou quen legalmente o substitúa, e a continuación abrirase un debate, moderado polo presidente. Cando este considere que xa están achegados todos os puntos de vista, ordenará que se proceda á votación coa seguinte orde: aceptación ou rexeitamento das emendas á totalidade, aceptación ou rexeitamento das emendas parciais e aceptación ou rexeitamento da proposta de acordo.

Todos os membros da Asemblea terán voz e voto, excepto aqueles que estean suspendidos na condición de colexiados como consecuencia dunha sanción disciplinaria.

2. Con carácter xeral, os acordos adóptanse por maioría simple e os empates dirimiraos o voto de calidade do presidente. Como excepción, requírese maioría absoluta dos asistentes á asemblea, sempre que esta cifra represente un terzo do número legal dos colexiados exercentes, para a adopción dos seguintes acordos:

a) Para autorizar os actos de disposición ou de gravame sobre bens inmobles propiedade do Colexio.

b) Para a aprobación ou modificación dos estatutos colexiais e regulamentos.

c) Acordar a fusión con outros colexios territoriais de Galicia ou a integración no Consello Autonómico.

d) Para que prospere unha moción de censura contra a Presidencia e a Xunta de Goberno.

3. As votacións dos órganos colexiados poderán ser ordinarias, nominais ou secretas. As votacións nominais ou secretas realizaranse cando o solicite a maioría simple dos colexiados presentes.

Artigo 28. Funcións da Asemblea Xeral

Son atribucións propias e exclusivas da Asemblea Xeral:

a) A aprobación e modificación dos estatutos e do Regulamento de réxime interior do Colexio, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para ditar a normativa de desenvolvemento correspondente.

b) A aprobación da conta xeral de cada exercicio vencido.

c) A aprobación dos orzamentos, por proposta da Xunta de Goberno.

d) A aprobación da memoria anual de actividades do Colexio, por proposta da Xunta de Goberno.

e) A fixación de cotas ordinarias e extraordinarias.

f) A autorización de actos de disposición de bens inmobles propios e dereitos reais constituídos sobre estes, así como dos restantes bens patrimoniais que figuren inventariados.

g) O control da xestión da Xunta de Goberno, do presidente e do vicepresidente, recadando informes e adoptando, de ser o caso, as oportunas resolucións.

h) A disolución do Colexio e, en tal suposto, o destino dos seus bens, para elevar a correspondente proposta ao órgano competente da Comunidade Autónoma.

i) A elección do presidente do Colexio e dos integrantes da Xunta de Goberno.

j) Aprobar a liquidación do orzamento anual do Colexio.

k) Acordar a fusión con outros colexios territoriais de Galicia ou a integración no Consello Autonómico.

i) Aprobar a moción de censura contra a Xunta de Goberno e o presidente.

Sección III. A Xunta de Goberno

Artigo 29. A Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno é o órgano de administración e dirección ordinaria do Colexio, que exerce as atribucións non reservadas á Asemblea Xeral nin asignadas por estes estatutos a outros órganos colexiais.

A Xunta de Goberno está integrada por nove (9) membros.

Na primeira sesión que realice, a Xunta de Goberno designará entre os seus membros o vicepresidente, o secretario, o interventor e o tesoureiro, e poderá designar, se se considera oportuno, os correspondentes suplentes destes cargos para actuar como tales en caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos titulares, fóra do presidente, cuxo suplente será o vicepresidente.

Poderán formar parte da Xunta de Goberno todos os colexiados exercentes que se encontren en pleno uso dos seus dereitos colexiais, sempre que non se encontren condenados por sentenza firme que comporte a suspensión para exercer cargos públicos ou fosen obxecto de sanción disciplinaria grave ou moi grave neste ou noutros colexios, mentres non quede extinguida a correspondente responsabilidade, e se estean ao día nas súas obrigacións económicas co Colexio.

Artigo 30. Duración do mandato

Os cargos da Xunta serano por un prazo de catro anos, transcorridos os cales se renovarán, de acordo coas previsións destes estatutos, e poderán ser reelixidos. Unha vez tomada posesión, comportará necesariamente o cesamento na Xunta a concorrencia de calquera das causas previstas no artigo 47 destes estatutos.

Artigo 31. Das sesións da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno poderá realizar sesións ordinarias ou extraordinarias.

A Xunta de Goberno realizará sesión ordinaria polo menos con carácter trimestral, na data e na hora que designe o presidente, de acordo co calendario que para cada mandato ou exercicio concreto aprobe a propia Xunta.

A Xunta de Goberno realizará sesión extraordinaria, cando así o acorde a Presidencia, por propia iniciativa ou por petición do vinte por cento dos seus compoñentes.

Ás sesións da Xunta de Goberno poderán ser convocados os vogais suplentes da candidatura electa deste órgano de goberno, para que asistan a elas con voz pero sen voto.

Nas sesións extraordinarias non se poderán tratar máis asuntos que os incluídos na orde do día.

Todas as sesións da Xunta de Goberno, tanto ordinarias como extraordinarias, serán convocadas polo presidente, con expresa indicación da orde do día, o lugar, a data e a hora en que deberán ter lugar e se a súa realización ten carácter presencial ou telemático, para o cal se lles dará traslado por calquera medio telemático aos membros da Xunta cunha antelación mínima de dous días naturais ao da data da súa realización, salvo nos casos de urxencia, que deberá ser ratificada pola propia Xunta de Goberno co voto da maioría dos asistentes.

As sesións presenciais da Xunta de Goberno terán lugar na sede social do Colexio, sen prexuízo da facultade deste órgano de decidir a realización dunha sesión determinada noutro lugar ou municipio, sempre dentro do ámbito territorial do Colexio.

A Xunta de Goberno quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa asistencia de, polo menos, cinco (5) dos membros que a integran.

En segunda convocatoria, que terá lugar quince minutos máis tarde da hora fixada para a primeira, quedará validamente constituída coa asistencia de, polo menos, un terzo dos membros que a integren. Será preciso, en todo caso, a asistencia do presidente e do secretario ou daqueles que legalmente os substitúan.

Para o non previsto nestes estatutos ou, de ser o caso, no Regulamento de réxime interior, o réxime xurídico, organización e funcionamento da Xunta de Goberno axustarase ás normas contidas nos artigos 15 a 18, 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 32. Das atribucións da Xunta de Goberno

Son competencias propias e exclusivas da Xunta de Goberno:

a) Convocar eleccións a membros da Xunta de Goberno.

b) Designar, de entre os seus membros, o vicepresidente do Colexio, o secretario, interventor e tesoureiro, así como aqueles que, de ser o caso, os poidan substituír en caso de ausencia.

c) Determinar o réxime interior do Colexio e das súas oficinas, e o sistema de documentación.

d) Velar polo cumprimento e a execución dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral e promover as iniciativas que pola dita asemblea lle sexan encomendadas.

e) Elaborar e proporlle á Asemblea Xeral o Regulamento de réxime interior e as súas modificacións.

f) Acordar o que proceda en relación coas peticións, propostas e informes de colexiados, institucións, autoridades e entidades públicas e privadas ou particulares, e os que teñan que dirixirse a eles.

g) Levar a cabo as xestións oportunas para impedir e perseguir o intrusionismo.

h) Acordar a sinatura de convenios con entidades públicas, privadas ou particulares.

i) Acordar os actos de contratación e disposición que sexan necesarios, dentro dos límites do orzamento.

j) Acordar a constitución de comisións para estudo, emisión de informes ou redacción de propostas de resolución sobre calquera asunto da competencia deste colexio, para o estudo e a proposta de resolución de cuestións xerais de interese para os colexiados ou para a organización de cursos, relatorios, xornadas, etc.

k) Modificar o orzamento anual do Colexio e sometelo a ratificación da Asemblea Xeral.

l) Aprobar a memoria anual de actividades.

m) Intervir, adoptando os acordos que procedan, nos conflitos que se poidan suscitar entre colexiados e entre estes e calquera clase de autoridades, entidades públicas e privadas e particulares.

n) Exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados no marco do establecido na lei e nestes estatutos.

o) A contratación do persoal por parte do Colexio, a asignación de tarefas a este, a resolución dos seus contratos e, de ser o caso, a aplicación das sancións que procedan, incluído o despedimento, de acordo coa normativa vixente que sexa de aplicación.

p) O exercicio de accións administrativas e/ou xudiciais en defensa do Colexio ou, de ser o caso, dos colexiados.

q) Informar sobre calquera asunto que sexa sometido á consideración do Colexio por calquera entidade pública ou privada.

Artigo 33. Vogais da Xunta de Goberno

Os vogais da Xunta de Goberno colaboran na xestión e administración do Colexio asistindo ás reunións da Xunta e desempeñando as tarefas e responsabilidades que lles asigne esta ou a Asemblea Xeral, e forman parte, así mesmo, das comisións ou ponencias para as cales sexan designados.

Sección IV. A Presidencia e a Vicepresidencia do Colexio

Artigo 34. O presidente do Colexio

O presidente exerce a representación legal do Colexio e preside a Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno, velando pola debida execución dos seus acordos.

Artigo 35. Das atribucións do presidente

Como órgano de representación e dirección do Colexio, son competencias propias e exclusivas do presidente:

a) Exercer a representación do Colexio e de todos os seus órganos nas súas relacións cos poderes públicos, institucións e corporacións de calquera tipo, así como coas persoas físicas e xurídicas. A representación pode ser obxecto de delegación en calquera outro membro da Xunta de Goberno.

b) Convocar e presidir as sesións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral, e decidir os empates con voto de calidade. Como excepción, a convocatoria das sesións extraordinarias da Asemblea Xeral para a votación dunha moción de censura é competencia da Xunta de Goberno.

c) Executar os acordos que a Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral adopten no exercicio das súas respectivas atribucións.

d) Adoptar, en caso de urxencia, as resolucións administrativas ou xudiciais necesarias, e dar conta ao órgano competente para a súa ratificación na primeira sesión que teña lugar.

e) Asistir como representante do Colexio ás asembleas do Consello Xeral.

f) Designar representantes do Colexio en tribunais, comisións ou organismos de conformidade coas normas vixentes e coas peticións de autoridades de calquera Administración pública, e dar conta de todo iso á Xunta de Goberno.

g) Outorgar poderes, asinar contratos e autorizar a apertura de contas en entidades bancarias, así como a constitución e cancelación de todo tipo de depósitos e hipotecas, e dar conta á Xunta de Goberno na primeira sesión que teña lugar.

h) Velar pola correcta conduta profesional dos colexiados e polo decoro e o prestixio do Colexio.

i) Pór en coñecemento da Xunta de Goberno e da Administración pública competente os casos de intrusionismo profesional de que teña noticia, co fin de que uns e outros adopten os acordos que proceda.

j) Formar o proxecto de orzamento anual e render as contas unha vez liquidado cada exercicio.

k) Aprobar altas e baixas dos colexiados.

l) Calquera outra que non estea expresamente atribuída á Asemblea Xeral ou á Xunta de Goberno.

Artigo 36. O vicepresidente do Colexio

Correspóndelle ao vicepresidente do Colexio substituír o presidente en todas as súas funcións nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

O presidente e a Xunta de Goberno poderán delegar no vicepresidente todas as atribucións que consideren necesarias para o mellor goberno e administración do Colexio.

Sección V. Da Secretaría, da Intervención e da Tesouraría

Artigo 37. Do secretario do Colexio

1. O secretario é o membro da Xunta de Goberno que exerce a fe pública de todos os actos e acordos emanados dos órganos do Colexio, expedindo as certificacións que sexan oportunas e levando e custodiando os libros de actas e resolucións. Son funcións do secretario do Colexio:

a) A preparación dos asuntos que se deban de incluír na orde do día das sesións da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral, e a asistencia ao presidente na realización da convocatoria e a súa notificación aos membros do órgano correspondente.

b) Dar fe e levantar a acta das sesións da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral, transcribíndoas aos correspondentes libros de actas debidamente autorizadas coa súa sinatura e co visto e prace do presidente.

c) Transcribir ao libro de resolucións de Presidencia as ditadas por aquela, así como as que se adopten pola súa delegación, e dar fe delas.

d) Autorizar, co visto e prace do presidente, as credenciais dos cargos directivos e do persoal empregado do Colexio.

e) Expedir, co visto e prace do presidente, certificación de todos os documentos baixo a súa custodia.

f) Redactar anualmente unha memoria descritiva das actividades do Colexio.

g) Asistir e asesorar o presidente no exercicio das súas atribucións.

h) Levar e autorizar os rexistros e ficheiros de colexiados.

i) Notificar os actos e acordos.

j) A xestión e custodia do Rexistro de Entrada e Saída de documentos.

2. A Xunta de Goberno poderá designar un vicesecretario. En casos de ausencia, enfermidade ou vacante deste ou do secretario titular, designarase un dos vogais para que exerza a fe pública.

Artigo 38. Do interventor do Colexio

O interventor é o membro da Xunta de Goberno ao cal lle corresponde o control interno da xestión económico-financeira e orzamentaria do Colexio. Son funcións do interventor do Colexio:

a) Redactar o proxecto de orzamento anual do Colexio.

b) Expedir os documentos soporte de operacións do orzamento e de operacións non orzamentarias, de conformidade cos acordos adoptados e ordes da Presidencia.

c) Proporlle ao presidente, quen elevará a proposta á Xunta de Goberno, as modificacións de crédito orzamentarias, redactando estas.

d) Levar os libros de contabilidade correspondentes.

e) A custodia dos documentos e libros da contabilidade.

f) Redactar anualmente a memoria descritiva da situación económica do Colexio.

g) Expedir certificacións con referencia aos documentos cuxa custodia lle compete.

h) Formular a liquidación do orzamento e preparar a conta xeral para sometela a coñecemento da Xunta de Goberno e aprobación da Asemblea Xeral.

i) Asinar, conxuntamente co presidente e co tesoureiro, os documentos para disposición de fondos do Colexio.

Artigo 39. Do tesoureiro do Colexio

O tesoureiro é o membro da Xunta de Goberno ao cal lle corresponde o manexo e a custodia de fondos e valores pertencentes ao Colexio. Son funcións do tesoureiro do Colexio:

a) Custodiar os fondos do Colexio, así como os talóns de contas correntes.

b) Efectuar os pagamentos e cobramentos, cos requisitos debidos.

c) Realizar os arqueos de fondos do Colexio.

d) Levar os libros necesarios para desenvolver debidamente as súas funcións.

e) Asinar, conxuntamente co presidente e co interventor, os documentos para disposición de fondos do Colexio.

TÍTULO II

Da elección e cesamento dos membros dos órganos de goberno

CAPÍTULO I

Elección dos membros da Xunta de Goberno

Artigo 40. Forma de provisión

Cada catro anos, a Xunta de Goberno realizará eleccións ordinarias, nas cales os seus compoñentes serán elixidos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto por todos os colexiados con dereito a voto. Todos os seus membros serán funcionarios de carreira exercentes, nos termos establecidos no punto 2 do artigo 12 destes estatutos.

Cada elector poderá outorgar o seu voto a unha lista pechada formada por nove membros, na cal se poderán incluír suplentes. Nas candidaturas deberase especificar cal dos membros se presenta como candidato a presidente.

Deberá garantirse, na medida do posible, a paridade entre homes e mulleres na composición da Xunta de Goberno e a presenza de todas as subescalas.

Cada elector só poderá dar o seu voto a unha candidatura.

Con todo, cando a Xunta de Goberno quede integrada por un número de membros inferior a cinco, deberán convocarse eleccións anticipadas no prazo de dous meses desde o cesamento que dea lugar ao presuposto de feito que motive a convocatoria. A Xunta de Goberno cesante constituirase en comisión xestora.

Artigo 41. Electores

Serán electores todas as persoas colexiadas con dereito a voto, con excepción daquelas que na data da convocatoria das eleccións non estean ao día no pagamento das cotas colexiais.

Artigo 42. Convocatoria

1. A convocatoria de asemblea extraordinaria electoral acordaraa a Xunta de Goberno e será efectuada pola Presidencia, mediante anuncio no Boletín Oficial da provincia e comunicación a todas as persoas colexiadas, que se realizará preferentemente por medios electrónicos. Nesta convocatoria determinarase o calendario electoral, establecendo os períodos correspondentes ás reclamacións contra o censo electoral, datas de presentación de candidaturas e posibles reclamacións contra estas.

2. Na mesma sesión en que se acorde a convocatoria da asemblea extraordinaria electoral, a Xunta de Goberno aprobará con carácter provisional o censo electoral e disporá a súa exposición pública no taboleiro de anuncios da sede do Colexio, para que todas as persoas interesadas poidan examinalo e presentar reclamacións durante un prazo de dez (10) días hábiles.

3. Transcorrido o período de exposición ao público do censo electoral, a Xunta de Goberno resolverá as reclamacións formuladas contra este e acordará a súa aprobación definitiva.

4. Cando se aprobe o censo electoral determinaranse os colexiados que formarán parte da Mesa de idade, e deberán designarse suplentes. Deberá notificarse a designación como membro da Mesa de idade e admitiranse renuncias por causas xustificadas. As renuncias deberán ser aceptadas pola Xunta de Goberno.

5. A impugnación do censo electoral non suspende o proceso electoral.

Artigo 43. A presentación e proclamación de candidaturas

1. Unha vez aprobado definitivamente o censo electoral, poderán presentarse candidaturas ata dez (10) días antes do día en que estea prevista a realización da asemblea electoral.

Estas candidaturas deberán estar asinadas por todas as persoas que as integren ou ben aceptadas persoalmente mediante escrito dirixido á Secretaría da Xunta de Goberno.

2. Antes do oitavo día anterior ao da realización da asemblea electoral, a Secretaría da Xunta de Goberno comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos anteriormente e proclamará as candidaturas presentadas. Contra a resolución da Secretaría poderase interpor recurso nos tres (3) días hábiles seguintes ao da proclamación de candidaturas ante a Xunta de Goberno, e deberá ser resolto no prazo dos tres (3) días hábiles seguintes ao da súa presentación e comunicado ás persoas interesadas, así como publicado no taboleiro de anuncios da sede do Colexio territorial. A impugnación da proclamación das candidaturas non suspende o proceso electoral.

Artigo 44. A asemblea electoral para a elección de cargos directivos

1. No día e na hora fixados, constituirase a asemblea electoral, baixo a dirección da Mesa de idade. Actuará como presidente o membro da mesa de maior idade e como secretario o de menor idade.

2. A votación terá lugar na sede do Colexio ou local habilitado para o efecto.

3. A votación será libre, igual, directa e secreta. Só poderán votar os que aparezan na lista do censo electoral con dereito a voto.

4. As persoas electoras que queiran exercer o dereito ao voto por correo poderán facelo desde a data de proclamación de candidaturas ata o mesmo día en que teña lugar a asemblea electoral. Computaranse como válidos os votos que se reciban na sede do Colexio ata a hora de comezo da asemblea electoral. Entenderanse nulos os votos que se reciban con posterioridade ao comezo da asemblea.

5. Os votos emitidos por correo deberán emitirse nun sobre pechado en que se inclúa a papeleta territorial que será remitida ás persoas electoras que o soliciten con antelación suficiente á Secretaría da Xunta de Goberno. O sobre en que se insira o voto deberá presentarse con outro no cal se incorpore a fotocopia do DNI, e deberán remitirse os dous á Secretaría da Xunta de Goberno facendo constar no exterior que se trata dun voto por correo.

6. Para proceder á votación chamarase a cada unha das persoas presentes por orde alfabética para que deposite o seu voto na urna habilitada para o efecto, nun sobre debidamente pechado, no cal introducirá unha papeleta coa candidatura a que lle outorga o seu voto.

7. Terminada a votación presencial, a Presidencia da mesa introducirá os votos recibidos por correo. Seguidamente, procederase ao reconto e á proclamación das persoas electas que forman parte da candidatura, de acordo co disposto no artigo seguinte.

8. Se a asemblea se realiza a distancia ou telematicamente, deberá asegurarse a comunicación entre os asistentes en tempo real durante a sesión e disporanse os medios necesarios para garantir o segredo do voto. Os integrantes da Asemblea serán informados, con antelación suficiente á data de realización da sesión electoral, do protocolo necesario para tal fin.

9. No suposto de presentación dunha única candidatura, a Mesa de idade procederá a proclamar electos os candidatos propostos, sen necesidade de votación nin de escrutinio.

Artigo 45. Proclamación de membros electos e toma de posesión dos cargos directivos

1. Realizado o escrutinio, procederase á proclamación dos membros electos da Xunta de Goberno e do presidente, correspondentes á candidatura que maior número de votos obtivese.

2. En caso de producirse empate en número de votos de dúas candidaturas, serán proclamados electos os membros da candidatura cuxo candidato a presidente teña maior antigüidade como habilitado nacional e, de persistir o empate, aquela en que o candidato a presidente teña maior idade.

3. Realizada a proclamación de membros electos, a Mesa de idade daralles posesión do seu cargo e quedará formalmente constituída a Xunta de Goberno do Colexio Territorial.

4. A Xunta de Goberno reunirase en sesión extraordinaria nos dez (10) días seguintes ao da realización da asemblea electoral e, na dita sesión, elixiranse de entre os seus membros as persoas que exercerán as funcións de vicepresidencia, secretaría, intervención e tesouraría do Colexio, dos que tamén se poderán designar suplentes.

5. No prazo de cinco (5) días desde a constitución da Xunta de Goberno deberase comunicar esta aos órganos competentes que determine a lexislación vixente, incluídos os determinados nos estatutos xerais da organización colexial.

Artigo 46. Comisión Xestora

No caso de que, unha vez convocadas as eleccións, non se presente ningunha candidatura, a Xunta de Goberno cesante constituirase en comisión xestora, coas mesmas atribucións establecidas para a Xunta de Goberno e o seu presidente nestes estatutos. Con todo, a Comisión Xestora deberá convocar novas eleccións no prazo de seis meses desde a súa constitución.

Artigo 47. Cesamentos e provisión de vacantes

1. Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas seguintes causas:

a) Falta de concorrencia dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

b) Expiración do termo ou prazo para o cal foron elixidos.

c) Renuncia.

d) Sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave.

e) Condena por sentenza firme que comporte a inhabilitación para o exercicio de cargos públicos. As vacantes serán cubertas polos candidatos que figurasen como suplentes na última candidatura electa pola orde en que figurasen nela.

2. Producirase o cesamento colectivo da Xunta de Goberno en caso de prosperar a moción de censura contra a súa xestión.

3. En caso de cesamento do presidente, exercerá as súas funcións o vicepresidente ata a seguinte asemblea que teña lugar. Na dita asemblea elixirase novo presidente de entre os membros da Xunta de Goberno que opten ao cargo. No caso de que só opte ao cargo un membro da Xunta de Goberno, este será nomeado automaticamente presidente.

CAPÍTULO II

Da moción de censura

Artigo 48. Moción de censura

Sempre que transcorrese un ano do seu mandato e antes de que falten seis meses para o final, poderá presentarse unha moción de censura contra a Xunta de Goberno e o seu presidente, que deberá ser referendada, como mínimo, pola cuarta parte do número de membros da Asemblea e deberá conter unha candidatura alternativa, e deberán motivarse as razóns ou feitos en que se sustenta. Unha vez presentada, a Secretaría da Xunta de Goberno acreditará que se cumpre este requisito e a Xunta de Goberno convocará asemblea electoral nos trinta días hábiles seguintes ao de recepción na sede corporativa da documentación preceptiva. Unha vez debatido o contido da moción, procederase á súa votación e deberase obter o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados para que prospere.

TÍTULO III

Do réxime económico

CAPÍTULO I

Recursos

Sección I. Ingresos en xeral

Artigo 49. Recursos económicos

Para o cumprimento dos seus fins, o Colexio disporá dos seguintes recursos económicos:

a) As rendas, produtos e xuros do seu patrimonio.

b) As doazóns, legados, herdanzas e subvencións dos que o Colexio poida ser beneficiario.

c) As achegas, de ser o caso, de entidades públicas e privadas.

d) O rendemento das súas actividades, servizos ou prestacións derivadas do exercicio de funcións colexiais, incluídas as publicacións.

e) Os beneficios dos seus contratos e concertos con entidades públicas, entidades privadas e particulares.

f) O importe das cotas ordinarias e extraordinarias que satisfagan os colexiados.

g) Os que por calquera outro concepto procedan, de conformidade coa normativa aplicable.

Sección II. Cotas colexiais

Artigo 50. Clases de cotas

As cotas que, para o sostemento do Colexio, están obrigados a satisfacer os colexiados serán de dúas clases: ordinarias e extraordinarias.

Artigo 51. Cotas ordinarias

As cotas ordinarias determinaranse de conformidade coas seguintes regras:

a) Para as persoas colexiadas exercentes, serán as fixadas pola Asemblea Xeral para cada exercicio económico e non poderán ser de importe inferior ao establecido no artigo 21.a) dos estatutos xerais da organización colexial.

b) Para o colexiados non exercentes, cuxa situación administrativa sexa excedencia voluntaria ou servizos especiais, observarase o que dispoña a Asemblea Xeral.

Artigo 52. Cotas extraordinarias

As cotas extraordinarias, que deberán ter como finalidade afrontar gastos non correntes que teña que afrontar o Colexio, deberán ser aprobadas na asemblea xeral, que, ademais de establecer o seu importe, deberá fixar o prazo de pagamento.

Artigo 53. Pagamento e recadación de cotas

O pagamento das cotas realizarase mediante domiciliación bancaria. Para estes efectos, os colexiados deberán asegurarse de que exista saldo suficiente na conta e de que o Colexio dispón do número de conta actualizado.

Se calquera colexiado incorre en mora, o presidente do Colexio requirirao para que satisfaga a súa débeda no prazo máximo dun mes. Transcorrido outro mes desde o requirimento sen que fixese efectivos os seus débitos colexiais, o colexiado moroso quedará automaticamente suspendido dos dereitos e obrigacións que lle recoñecen estes estatutos. A suspensión manterase ata o debido cumprimento das súas obrigacións económicas colexiais, sen prexuízo da súa eventual reclamación xudicial pola vía procedente e da posible apertura do correspondente procedemento disciplinario.

Cando o colexiado estea en situación de débeda de dúas cotas, este comportamento fará presumir a vontade do colexiado de darse de baixa do Colexio. Nestes supostos, a Xunta de Goberno acordará, de oficio, a baixa do Colexio do colexiado. A baixa producirá efecto o último día natural do mes en que a Xunta de Goberno acorde a baixa do colexiado.

CAPÍTULO II

Do orzamento

Artigo 54. Orzamento

O réxime económico do Colexio é orzamentario. O orzamento será único e comprenderá a totalidade de ingresos e gastos do Colexio, e deberá referirse ao ano natural. A aprobación do orzamento anual será competencia da Asemblea Xeral e será elaborado pola Xunta de Goberno, de acordo co seguinte procedemento: durante o terceiro trimestre de cada ano, o presidente formará e presentará o proxecto de orzamento anual para o exercicio seguinte á Xunta de Goberno, e esta, logo de informe favorable do interventor, procederá á súa aprobación ou ao seu rexeitamento, formando, neste caso, un orzamento alternativo. O orzamento, tanto nos seus estados de gastos como de ingresos, estruturarase, polo menos, por capítulos, artigos e, de ser o caso, conceptos e subconceptos, e poderá incorporar áreas de gasto, grupos de programas e programas, na forma prevista para a Administración local. En todo caso, os orzamentos deberán conter, como mínimo, a seguinte documentación: memoria da Presidencia, informe da Intervención e estados de ingresos e gastos.

Unha copia certificada do orzamento será remitida ao Consello Xeral de Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local e, de ser o caso, ao Consello Autonómico.

Artigo 55. Contas anuais

O Colexio levará un sistema de contabilidade que permita o seguimento e control de todas as súas operacións, así como determinar a composición e a situación do seu patrimonio. Anualmente formarase a conta xeral, que incluirá a mesma documentación que a dunha corporación local e que deberá ser aprobada pola Xunta de Goberno unha vez recibido informe do interventor e dando conta á Asemblea Xeral.

TÍTULO IV

Recompensas e sancións

CAPÍTULO I

Réxime de honras e distincións

Artigo 56. Honras e distincións

1. O Colexio poderá outorgar premios e distincións para recoñecer os méritos dos colexiados ou daquelas persoas que se distinguisen especialmente no cumprimento dos fins do Colexio ou lle prestasen unha especial colaboración.

2. Para ese efecto, a proposta poderá ser presentada ante a Asemblea Xeral pola Xunta de Goberno ou unha décima parte dos colexiados, achegando unha memoria en que se expoñan os méritos contraídos. Despois da correspondente deliberación, a decisión correspóndelle unicamente á Asemblea mediante votación nominal e secreta, e outorgarase se se acada, polo menos, o voto favorable da maioría dos seus membros.

3. Non se lles poderán conceder premios nin distincións a colexiados mentres sexan membros da Xunta de Goberno ou de calquera das comisións do Colexio, salvo en casos excepcionais apreciados libremente pola propia Xunta de Goberno.

4. Contra os acordos que outorguen ou deneguen premios ou distincións non caberá recurso ningún.

5. Poderánselles conceder a aqueles colexiados ou autoridades ou institucións nos cales concorran méritos profesionais extraordinarios, dedicación ou á xestión en favor dos intereses xerais da profesión.

6. A súa entrega farase de forma solemne, en cerimonia pública e coincidindo sempre con algunha data ou efeméride significativa para o Colexio.

7. O Colexio poderá recoñecer méritos relevantes en favor da profesión en xeral ou do Colexio en particular, de persoa colexiada, outorgando o título de colexiado de honra, e cando se trate de persoas non colexiadas que se distinguiron especialmente no cumprimento dos fins do Colexio ou lle prestaron unha especial colaboración.

8. A placa de colexiado distinguido outorgaráselle a aquel colexiado que se distinguise dun modo especial no cumprimento dos seus deberes profesionais ou na realización de traballos en favor da profesión e, en todo caso, outorgaráselles a aqueles que se xubilen.

CAPÍTULO II

Réxime disciplinario

Artigo 57. Potestade disciplinaria

O Colexio exercerá a potestade disciplinaria e sancionadora para corrixir as accións e omisións que realicen os colexiados tal e como se tipifican e sancionan nos estatutos xerais da organización colexial de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local.

Artigo 58. Competencia para o exercicio da potestade disciplinaria

A Xunta de Goberno exercerá a potestade disciplinaria con respecto ás infraccións cometidas polos colexiados. Na falta de atribución de competencia polos estatutos do Consello Autonómico, a potestade disciplinaria con respecto ás infraccións cometidas polos membros da Xunta de Goberno será exercida polo Consello Xeral.

Artigo 59. Procedemento sancionador

1. Non se poderá impor ningunha sanción colexial sen instrución previa de expediente disciplinario. O procedemento sancionador que cómpre seguir para depurar a eventual responsabilidade disciplinaria deberá axustarse aos principios da potestade sancionadora e do procedemento sancionador consagrados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Poderase acordar a suspensión provisional da condición de colexiado cando a gravidade dos feitos imputados o aconselle, durante o tempo máximo de tramitación do expediente, salvo a paralización do procedemento imputable ao interesado.

2. O procedemento iniciarase sempre de oficio, mediante acordo ou resolución do órgano competente, con independencia do modo polo que tivese coñecemento dos feitos.

3. O órgano competente para incoar o expediente sancionador será o que o sexa para impor a sanción. A este órgano corresponderalle designar libremente, de entre os colexiados, o instrutor e o secretario do citado expediente.

4. Antes de iniciar o procedemento, poderán realizarse dilixencias previas encamiñadas a determinar se concorren as circunstancias que xustifiquen tal iniciativa. Estas actuacións orientaranse, de modo especial, a determinar coa maior precisión posible os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación da persoa ou persoas que poidan resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nun e noutros. En todo caso, estas actuacións previas deberán ser acordadas pola Xunta de Goberno.

5. Instruído o expediente, o instrutor formulará proposta de resolución, que se notificará para o efecto de que poidan formular alegacións. Despois elevará o actuado á Xunta de Goberno para que dite a resolución, que deberá estar motivada.

Artigo 60. Prescrición de infraccións e sancións

O réxime de prescrición das infraccións e das sancións é o previsto nos estatutos xerais.

TÍTULO V

Do persoal ao servizo do colexio

CAPÍTULO I

Do persoal

Artigo 61. Réxime xurídico do persoal

Para o exercicio das súas funcións, o Colexio poderá seleccionar persoal suficientemente cualificado, seguindo os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

O persoal seleccionado someterase a calquera das modalidades de contrato de traballo previstas na lexislación laboral.

A selección e o nomeamento do persoal ao servizo do Colexio será competencia da Xunta de Goberno.

TÍTULO VI

Réxime xurídico dos acordos e disposicións colexiais

Artigo 62. Réxime xurídico

O Colexio axustará a súa actuación ás normas de dereito administrativo, salvo nas súas relacións laborais ou civís, que quedarán suxeitas ao réxime xurídico correspondente.

A lexislación vixente sobre réxime xurídico do sector público e procedemento administrativo común será de aplicación supletoria, na falta de previsións contidas na lexislación básica nacional e autonómica de desenvolvemento, e estatutos xerais da organización colexial de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local.

Os acordos e resolucións do Colexio serán executivos e poderán ser impugnados directamente, ante a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na súa lei reguladora, unha vez esgotados os recursos corporativos contra eles, en caso de interpoñerse estes.

Con todo, contra os actos e acordos dos órganos dos colexios ou os actos de trámite, se estes últimos deciden directa ou indirectamente o fondo do asunto, determinan a imposibilidade de continuar o procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderá interporse recurso de alzada, ante o respectivo consello autonómico, e, no caso de non se ter constituído este, ante o Consello Xeral, na forma e nos prazos regulados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 63. Libros de actas e resolucións

No Colexio levaranse tres libros autorizados coa sinatura do secretario e co visto e prace do presidente, mediante o sistema de follas soltas numeradas correlativamente, baixo a responsabilidade daquel, nos cales se transcribirán, respectivamente, as actas de sesións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, e as resolucións da Presidencia. As follas soltas encadernaranse para formar volumes.

TÍTULO VII

Fusión e disolución do Colexio

Artigo 64. Fusión do Colexio

1. Segundo o previsto no artigo 4 dos estatutos xerais da organización colexial, mediante acordo da maioría absoluta dos asistentes á asemblea, sempre que esta cifra represente un terzo do número legal dos colexiados exercentes e logo de coñecemento do Consello Xeral de Colexios, o Colexio Territorial de Ourense poderá fusionarse cos colexios territoriais existentes no ámbito da nosa comunidade autónoma, para a constitución doutro colexio cun ámbito territorial que exceda os límites provinciais. Mesmo se poderá acordar a integración nun colexio territorial único para a Comunidade Autónoma de Galicia.

A creación dun novo colexio por fusión requirirá, en todo caso, a aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de informe, de ser o caso, do Consello Galego de Colexios respectivo.

2. Tamén por acordo da maioría absoluta dos asistentes á asemblea, sempre que esta cifra represente un terzo do número legal dos colexiados exercentes, este colexio territorial poderá promover a creación do Consello Autonómico de Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Galicia e integrarse nel. Unha vez creado o Consello Autonómico, poderase delegar na dita corporación o exercicio das funcións que se consideren oportunas.

Artigo 65. Disolución do Colexio

1. A disolución de Cosital Ourense será acordada, por proposta da Xunta de Goberno, por acordo da maioría absoluta dos asistentes á asemblea, sempre que esta cifra represente un terzo do número legal dos colexiados exercentes. O acordo de disolución comporta que a Xunta de Goberno se constitúa en Xunta de Goberno liquidadora, e o seu mandato prorrogarase ata a liquidación total do patrimonio colexial.

2. O acordo de disolución publicarase no Boletín Oficial da provincia.

3. O patrimonio social destinarase, en primeiro lugar, a cubrir o pasivo. Ao remanente patrimonial sobrante do activo restante daráselle o destino que acorde a Asemblea Xeral no acordo de disolución, que terá en conta os termos previstos na normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional primeira. Código ético

Sen prexuízo do disposto nestes estatutos, o Código ético profesional aprobado na VI Asemblea xeral de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local que tivo lugar na cidade de Salamanca o 14 de maio de 2005 rexerá a actuación dos profesionais que integran a organización colexial e o seu texto deberá permanecer sempre accesible por vía telemática tanto para os profesionais como para os cidadáns destinatarios da súa actividade. En todo caso, a organización colexial promoverá políticas de igualdade de xénero, tenderá á representación paritaria en todos os seus órganos e velará pola asunción de novos valores éticos que faciliten o achegamento á cidadanía e a modernización da Administración para adaptala ás novas demandas sociais, tales como a orientación ao público, colaboración, información, diálogo e resolución de conflitos, traballo en equipo e impulso das novas tecnoloxías.

Disposición adicional segunda. Celebración a distancia

A Asemblea, a Xunta de Goberno, a Comisión Xestora e a Mesa Electoral poderán realizar sesións a distancia por medios telemáticos cando así se faga constar motivadamente nas convocatorias.

Disposición adicional terceira. Utilización dos xéneros feminino e masculino

As mencións que fan estes estatutos ao presidente, aos colexiados, funcionarios, cidadáns, usuarios e consumidores entenderanse referidas indistintamente á presidenta ou presidente, ás colexiadas ou colexiados, funcionarias ou funcionarios, cidadás ou cidadáns, usuarias ou usuarios e consumidoras ou consumidores.

Disposición adicional cuarta. Días hábiles

Para o cómputo de días hábiles, teranse en conta os correspondentes á cidade de Ourense.

Disposición transitoria

A actual Xunta de Goberno e o seu presidente seguirán exercendo plenamente as súas funcións conforme estes estatutos ata que se produzan novas eleccións por finalización do seu mandato. Tres meses antes de que conclúa o período de mandato, procederase a convocar eleccións de conformidade co previsto nestes estatutos.

Disposición derrogatoria

Coa aprobación destes estatutos queda derrogado calquera anterior estatuto que fose aprobado en asemblea xeral.

Disposición derradeira

A entrada en vigor destes estatutos producirase o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.