DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 5 de marzo de 2024 Páx. 16951

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 29/2024, do 22 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Grove duns treitos antigos da estrada EP-9101.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante o decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 9 de xuño de 2022, o Concello do Grove e a Deputación Provincial de Pontevedra formalizaron un convenio de colaboración para a execución do proxecto denominado Mellora da seguridade viaria na EP-9101 O Grove-Igrexa de San Vicente do p.q. 1+000 ao p.q. 2+550.

Conforme a cláusula quinta do dito convenio, a súa sinatura ten o carácter de solicitude de inicio de procedemento de transferencia ao concello dos seguintes treitos antigos da estrada provincial EP-9101 O Grove-San Vicente:

• Treito antigo de 143 metros lineais situado no p.q. 0+630 (marxe esquerda).

• Treito antigo de 106 metros lineais situado no p.q. 1+160 (marxe esquerda).

• Treito antigo de 104 metros lineais situado no p.q. 1+990 (marxe esquerda).

• Treito antigo de 160 metros lineais situado no p.q. 2+300 (marxe esquerda).

A Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión ordinaria do día 24 de novembro de 2023, aceptou o cambio de titularidade proposto.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos antigos da estrada EP-9101 que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de febreiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Grove dos seguintes treitos antigos da estrada EP-9101:

Denominación

p.q.

Lonxitude (km)

Treito antigo no lugar de Franqueira

0+630 ME da EP-9101

0,143

Treito antigo no lugar de Bazoteiro

1+160 ME da EP-9101

0,106

Treito antigo no lugar de Carracedo de Abaixo

1+990 ME da EP-9101

0,104

Treito antigo no lugar de Pradiño

2+300 ME da EP-9101

0,160

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello do Grove, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de febreiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade