DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 5 de marzo de 2024 Páx. 16949

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2024 de cesamento de membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo comunicou o día 10.1.2024 a proposta de cesamento de dúas persoas como membros do referido comité.

Antecedentes:

1. No Decreto 63/2013, do 11 de abril, regúlanse os comités de ética da investigación en Galicia como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal.

Co referido decreto creouse unha rede de comités de ética da investigación con diferentes funcións na avaliación dos estudos de investigación en referencia ao seu ámbito territorial, un deles é o de Santiago-Lugo.

2. Mediante a Resolución do 11 de marzo de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23 de marzo, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no anexo, entre as cales figuraban Ana María Hermida Cao, farmacéutica especialista en farmacia hospitalaria, e Juan Manuel Vázquez Lago, médico especialista en medicina preventiva e saúde pública, os cales presentan agora a súa renuncia por motivos persoais.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que as persoas membro destes comités serán designadas e nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros.

2. O punto 6 do artigo 9 dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, ao criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a.

3. Sobre a composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, o Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo conta con catorce membros e, coa proposta de renuncia, a composición axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 13.2.2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento de Ana María Hermida Cao e Juan Manuel Vázquez Lago como membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade