DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 1 de marzo de 2024 Páx. 16466

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 22 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria dos Premios Ángela Ruiz Robles á Excelencia Académica para o alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2022/23 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

O 9 de novembro de 2017 o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou o Plan de excelencia do Sistema universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que permitía dar un novo salto de calidade ás universidades galegas e seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia.

Incardinado no mencionado plan, no ano 2019 iniciouse a convocatoria dos premios de excelencia académica de grao, que pretenden motivar o alumnado universitario a mellorar o seu currículo ao recoñecer unha actitude de compromiso e esforzo no estudo e premiar a persoa que obtén as mellores cualificacións en cada curso da traxectoria académica.

Desde o ano 2023, os premios denomínanse Premios Ángela Ruiz Robles á Excelencia Académica, baseándose na traxectoria docente e innovadora desta muller, que desenvolveu a súa carreira en Ferrol e puxo os seus coñecementos ao servizo desinteresado da súa contorna. Ángela Ruiz Robles, entre outros méritos, inventou e rexistrou en 1949 a patente do antecedente do libro electrónico.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar os Premios Ángela Ruiz Robles á Excelencia Académica para o alumnado de grao do curso académico 2022/23 no Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Os premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivo as mellores cualificacións no curso 2022/23 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Concederase un premio por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao, agás no derradeiro curso, e en cada un dos centros en que se impartan.

Para o alumnado dos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos ditos programas.

No suposto de que o/a alumno/a estea matriculado/a en materias de varios cursos, segundo o programa de estudos, entenderase, para os efectos desta orde, que o curso polo cal opta ao premio será aquel en que estea matriculado/a de máis créditos. Na circunstancia de que o número de créditos sexa o mesmo, interpretarase que opta ao premio polo curso superior.

Artigo 3. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, cunha contía global de 613.800 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

No ámbito de aplicación desta convocatoria están incluídos:

1. Os graos oficiais impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Os programas de simultaneidade de graos impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 5. Requisitos para obter os premios

O alumnado, para poder ser premiado, deberá cumprir os seguintes requisitos:

1. Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.

2. Ter no curso académico 2022/23 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.

3. Ter superado no curso académico 2022/23, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos matriculados, os cales, como mínimo, serán 60, excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados e os créditos optativos, cursados a maiores, que non sexan necesarios para obter a titulación.

4. Estar matriculado da mesma titulación no curso 2023/24.

5. A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no Protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

6. No cálculo da nota media só se terán en conta os créditos matriculados no curso académico 2022/23. Para ese cálculo, non computarán as cualificacións obtidas por créditos recoñecidos, validados ou adaptados nin os créditos optativos, cursados a maiores, que non sexan necesarios para obter a titulación.

7. Asi mesmo, computarán para o cálculo da nota media as materias recoñecidas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento para efectos plenos.

8. En caso de empate na nota media entre varias persoas, realizarase o desempate atendendo, en primeiro lugar, ao maior número de matrículas de honra; en segundo lugar, ao maior número de sobresalientes; e, por último, ao maior número de notables, obtidos no curso académico 2022/23.

Artigo 6. Dotación do premio

1. Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.100 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

2. No caso de existir remanente de crédito, as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 puntos recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezando desde os expedientes con maior nota media.

Artigo 7. Procedemento para determinar os premios

1. Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. O órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia deberá:

a) Publicar na páxina web da universidade a relación provisional do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos nesta convocatoria.

b) As persoas interesadas disporán dun prazo de 5 días desde a súa publicación para efectuar as súas reclamacións ante o órgano que publica en cada unha das universidades.

c) A universidade correspondente, unha vez resoltas as reclamacións formuladas, publicará na súa páxina web a relación definitiva do alumnado proposto para o premio.

Nesa publicación informarase de que a dita relación lle será remitida á Secretaría Xeral de Universidades para que, xunto coas listaxes definitivas das outras universidades, sexa publicada na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal

Así mesmo, indicarase que, desde a publicación da listaxe definitiva das universidades na web da dita consellería, o alumnado proposto terá que manifestarlle a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de 10 días. Para iso utilizará o anexo II desta orde e advertiralle que, de non presentala nese prazo, se entenderá que renuncia ao premio.

d) A proposta de cada universidade remitiráselle á Secretaría Xeral de Universidades mediante a certificación incluída como anexo I desta orde. Nela constan os datos correspondentes ás persoas coa nota media máis alta en cada un dos cursos dos plans de estudos oficiais de grao de cada centro, así como dos programas de simultaneidade de grao.

e) A proposta presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para remitila será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A Secretaría Xeral de Universidades, unha vez recibidas as propostas das universidades do Sistema universitario de Galicia, publicará na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, www.edu.xunta.gal, unha única listaxe co alumnado proposto.

As persoas propostas para o premio deberán manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de 10 días, segundo o indicado no punto 2.c) deste artigo.

A aceptación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Proposta de resolución

Unha vez analizada a documentación remitida polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a Secretaría Xeral de Universidades elevaralle un informe proposta ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a adxudicación dos premios, mediante a correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución de concesión dos premios incluirá a listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes.

2. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e mediante ela entenderanse notificadas, para todos os efectos, as persoas premiadas. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal

3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a alumno/a no anexo II da orde, da cal deberá ser titular.

Artigo 11. Compatibilidade e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As persoas beneficiarias deberán devolver o premio no caso de que se probe que foi outorgado indebidamente.

Artigo 12. Réxime xurídico

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e as disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da dita Lei 1/2016, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file