DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15615

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2024, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de protección oficial de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións en réxime de arrendamento para o concello de Vilagarcía de Arousa (expediente PO-2007/701).

De acordo co que se establece no artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 8 de febreiro de 2024,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións en réxime de arrendamento (vivendas vacantes), expediente PO-2007/701, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

Número de vivendas: as vacantes que se produzan ao longo do ano.

Expediente: PO-2007/701.

Localización das vivendas: Bosque dos Desamparados, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Tipoloxía das vivendas e composición familiar:

– Vivendas dun ou dous dormitorios: para unidades familiares de 1, 2 ou 3 membros (maiores de 60 anos e menores de 35 anos).

Segundo. Cualificación das vivendas

As vivendas do expediente PO-2007/701 foron cualificadas definitivamente por Resolución do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra o 13 de xuño de 2011, como vivendas de protección oficial de promoción pública, en réxime de arrendamento e destinadas a colectivos especiais:

– Persoas maiores de 60 anos.

– Persoas menores de 35 anos.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en arrendamento.

Cuarto. Condicións das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, sendo maiores de 60 anos e menores de 35 anos de idade, como titulares dunha unidade familiar, reúnan os seguintes requisitos:

1. Na data desta resolución de inicio, estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa.

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples.

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da que non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015 do Instituto Galego da Vivenda e Solo).

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de vixencia ou a baixa no citado rexistro en calquera momento anterior ao acordo da comisión que aprobe a lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

Réxime de arrendamento.

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións a que houbera lugar.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa ata a data de hoxe.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Sétimo. Número de solicitantes que integrarán as listas

Serán 25 as persoas demandantes seleccionadas entre todas as que figuren inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa.

A orde de confección das referidas listas virá determinada pola orde de selección que se derive do sorteo.

Oitavo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Noveno. Asignación de vivendas

Cando se produzan as vacantes na promoción con número de expediente PO2007/701, no concello de Vilagarcía de Arousa, estas serán adxudicadas aos integrantes da lista por orden de prelación, sen prexuízo de que ao abeiro do establecido no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Área Provincial do IGVS proceda á determinación da vivenda que lle corresponde a cada adxudicatario tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial de aqueles, notificándolles a adxudicación.

Tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo de renda.

As persoas adxudicatarias definitivas disporán dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e, no caso de aceptar, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo. Data do sorteo

O sorteo celebrarase ás 10.00 horas do día 14 de marzo de 2024, ante o notario de Pontevedra que fora designado mediante quenda notarial.

Décimo primeiro. Vixencia das listas

A lista definitiva deste procedemento manterá a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda de novas listas definitivas.

b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás cales ofertar as vivendas.

Pontevedra, 8 de febreiro de 2024

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda