DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15620

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2024, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias e en espera para vivendas de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións no concello do Porriño.

De acordo co que se establece no artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 8 de febreiro de 2024,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias e en espera para vivendas de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións (vivendas vacantes), que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

Número de vivendas: as vacantes que se produzan ao longo do ano.

Localización das vivendas: no concello do Porriño.

Tipoloxía das vivendas e composición familiar:

Vivendas de un e dous dormitorios: para unidades familiares ou convivenciais de 1, 2 e 3 membros.

Vivendas de tres ou catro dormitorios: para unidades familiares ou convivenciais de 4 ou máis membros.

Segundo. Réxime de adxudicación das vivendas

As vivendas adxudicaranse en arrendamento.

Terceiro. Condicións xerais das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter expedida a credencial de inscrición do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello do Porriño na data desta resolución de inicio e que estean anotadas para as vivendas de protección oficial de promoción pública (sección I).

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM.

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que estean ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador, así como as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda, ou en calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertarlle ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da cal non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono/a, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015 do IGVS).

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de vixencia ou a baixa no citado rexistro en calquera momento anterior ao acordo da comisión que aprobe a lista definitiva de persoas adxudicatarias determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Cuarto. Condicións xerais de carácter económico

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos, prorrogables por períodos anuais, e estarán prohibidos en todo caso a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procederen.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte do/da adxudicatario/a da fianza correspondente.

Quinto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello do Porriño ata a data da presente resolución.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, en canto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio terceiro desta resolución.

Sexto. Número de solicitantes que integrarán as listas

De acordo co previsto no artigo 22.2.h) do mencionado Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, establécense dous lotes, segundo o número de dormitorios das vivendas, e realizarase un sorteo diferenciado para cada un deles, atendendo á seguinte orde: primeiro as de 3 ou 4 dormitorios (para unidades familiares ou convivenciais de 4 ou máis membros) e en segundo lugar as de 1 ou 2 dormitorios (para unidades familiares ou convivenciais de 1, 2 e 3 membros).

Cada un dos lotes estará composto por 10 demandantes entre os inscritos ata a data desta resolución de inicio do procedemento que cumpran o disposto no criterio 3.1 desta resolución.

A orde de confección da referida lista virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

Sétimo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello do Porriño, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Oitavo. Asignación de vivendas

Cando se produzan as vacantes no concello do Porriño, estas serán adxudicadas aos integrantes da lista por orde de prelación, sen prexuízo de que, ao abeiro do establecido no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Área Provincial do IGVS determine a vivenda que lle corresponde a cada persoa adxudicataria tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da súa unidade familiar e convivencial, e notificaralles a adxudicación.

A adxudicación notificada ás persoas interesadas deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo da renda.

As persoas adxudicatarias definitivas disporán dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e, no caso de aceptaren, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Noveno. Data do sorteo

O sorteo terá lugar ás 10.00 horas do día 14 de marzo de 2024 ante o notario de Pontevedra que fose designado mediante quenda notarial.

Décimo. Vixencia da lista

A lista definitiva deste procedemento manterá a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda de novas listas definitivas.

b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás cales ofertar as vivendas.

Pontevedra, 8 de febreiro de 2024

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda