DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15625

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANUNCIO do 8 de febreiro de 2024 polo que se emprazan as persoas interesadas para seren notificadas por comparecencia no expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do Plan de sectorización para a ampliación do parque empresarial Lalín 2000, 4ª fase, Pontevedra.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), mediante a Resolución do 3 de outubro de 2023, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 17 de outubro, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar inicialmente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do plan de sectorización para a ampliación do parque empresarial Lalín 2000, 4ª fase (Pontevedra).

Segundo. Someter a información pública polo prazo dun mes, mediante inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia, os citados proxectos de expropiación forzosa, para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que xulguen convenientes, en particular, no que atinxe á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos.

Así mesmo, daráselle audiencia ao Concello de Lalín e notificaráselle ao Ministerio Fiscal e á Delegación Provincial do Ministerio de Economía e Facenda e, para os efectos previstos no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicarase no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado.

Igualmente, os expedientes estarán expostos polo prazo dun mes á disposición das persoas interesadas no Concello de Lalín e nas oficinas da Área Provincial do IGVS en Pontevedra, sitas na rúa Alcalde Hevia, 7, Pontevedra, das 9.00 ás 14.00 horas, ademais da páxina web do IGVS, http://igvs.xunta.gal/

Durante o antedito prazo, todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as alegacións que consideren oportunas dirixidas á Área Provincial do IGVS en Pontevedra, no enderezo rúa Alcalde Hevia, 7, 36071 Pontevedra, así como nos lugares establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Terceiro. Notificar individualmente as valoracións ás persoas que aparecen como titulares de bens e dereitos nos expedientes, mediante traslado literal da correspondente folla de prezo xusto e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que poidan formular alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación.

Incorpórase como anexo a relación inicial de bens, dereitos e titulares».

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de intentada a notificación persoal nos termos establecidos na dita Lei 39/2015, emprázanse as persoas interesadas que se sinalan no anexo para seren notificadas por comparecencia.

A comparecencia para coñecer o contido íntegro do acordo adoptado polo director xeral do IGVS deberá efectuarse no prazo de quince días, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, na Área Provincial do IGVS en Pontevedra, sita na rúa Alcalde Hevia, 7, Pontevedra, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

A eficacia desta notificación queda supeditada á súa publicación no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.

Transcorrido o dito prazo sen efectuarse a comparecencia, a notificación entenderase producida desde o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

Predio

Referencia catastral

Persoas para notificar

5

36024A154001250000BQ

Teresa Granja S-S,

María Dolores González Granja

56

36024A154000630000BQ

Nicasio H. Blanco Rodríguez

64

36024A154002160000BB

Graciela Lamas Diéguez

107

36024A153007390000BJ

Nicasio H. Blanco Rodríguez

118

36024A153007310000BF

Nicasio H. Blanco Rodríguez

119

36024A154000700000BF

Nicasio H. Blanco Rodríguez

131

36024A154001950000BT/

36024A154001950001ZY

Teresa Granja S-S,

María Dolores González Granja

138

36024A154002010000BR

Teresa Granja S-S,

María Dolores González Granja