DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2024 Páx. 11609

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico Monte Agrelo e Muriño, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/058).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 23 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico Monte Agrelo e Muriño, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/058).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A dita Resolución do 23 de xaneiro de 2024 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Monte Agrelo e Muriño, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) e promovido pola sociedade EDP Renovables España, S.L.U. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17 de marzo de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Monte Agrelo e Muriño (expediente IN408A 2020/058).

3. Cancelar a garantía depositada por EDP Renovables España, S.L.U. o 3 de abril de 2020, por importe de 1.984.000 € e número de rexistro 2020/90/268, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Monte Agrelo e Muriño.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 3 de abril de 2020, EDP Renovables España, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 1.984.000 € e número de rexistro 2020/90/268, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Monte Agrelo e Muriño.

2. O 23 de abril de 2020, EDP Renovables España, S.L.U. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Monte Agrelo e Muriño, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

O 22 de novembro de 2020 notificóuselles o cumprimento dos requisitos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 30 de novembro de 2020, EDP Renovables España, S.L.U. presentou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico Monte Agrelo e Muriño.

3. O 7 de decembro de 2021, EDP Renovables España, S.L.U. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Monte Agrelo e Muriño, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

O 15 de marzo de 2022 notificóuselles o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

4. O 20 de abril de 2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. O 29 de agosto de 2022 publicouse, no DOG núm. 163, o Acordo do 19 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Monte Agrelo e Muriño, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) (expediente IN408A 2020/058).

6. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que se someteu o proxecto recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático e Concello de Cabana de Bergantiños.

O 17 de marzo de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Monte Agrelo e Muriño, que fixo pública mediante o Anuncio do 17 de marzo de 2023 (DOG núm. 64, do 31 de marzo).

7. O 3 de xullo de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a EDP Renovables España, S.L.U o Acordo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Monte Agrelo e Muriño, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (expediente IN408A 2020/058).

8. O 11 de xullo de 2023, EDP Renovables España, S.L.U. contestou ao dito acordo solicitando acceso ao expediente e aos informes emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Natural e pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no marco do expediente de referencia.

9. O 11 de xullo de 2023, esta dirección xeral remitiulle a EDP Renovables España, S.L.U. os informes da Dirección Xeral do Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 17 de marzo de 2023.

10. Con posterioridade á emisión dos ditos informes, cos que completan o expediente da tramitación ambiental do parque eólico de referencia, non consta nesta dirección xeral alegación ningunha.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais