DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 6 de febreiro de 2024 Páx. 11147

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 15 de xaneiro de 2024, da Comisaría de Augas, polo que se notifica o trámite de audiencia do expediente de extinción do título concesional relativo a unha concesión outorgada no río Vilaza ou Miñor, no concello de Gondomar, Pontevedra.

O 2.5.2023, a Dirección de Augas de Galicia ditou acordo de incoación do expediente de extinción, por caducidade, pola interrupción permanente da explotación durante máis de tres anos consecutivos imputable ao titular, da concesión outorgada a Laureano Salgado Rodríguez no río Vilaza ou Miñor, no concello de Gondomar, Pontevedra.

Realizados todos os trámites regulamentarios, e despois de emitir o informe que indica o artigo 165.3 do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, procédese, de conformidade co artigo 165.4 da mesma norma, previamente á emisión da resolución deste procedemento, á apertura do trámite de audiencia no expediente co obxecto de que os que se consideren interesados poidan alegar canto ao seu dereito conveña e presentar os documentos ou xustificacións que consideren pertinentes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), indicando no destino a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia.

Posto que se descoñecen os datos do actual titular do dereito que se está a extinguir, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC), notifícase o dito trámite para que, en cumprimento do artigo 46 da LPAC, os interesados comparezan, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio no TEU do Boletín Oficial del Estado, nas oficinas de Augas de Galicia situadas na rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, para o coñecemento íntegro dos documentos que conforman o expediente e constancia de tal coñecemento. Durante este mesmo prazo poderán formular as alegacións e achegar as probas que consideren oportunas.

Transcorrido o dito prazo sen efectuarse a comparecencia, a notificación entenderase producida desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no TEU do Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

Roberto Arias Sánchez
Comisario de Augas