DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte da Picoña, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Picoña, no concello de Salceda de Caselas.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 2 de outubro de 2023, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte da Picoña da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Picoña, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22061).

O 18.9.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 e con número de solicitude 2022/2396109 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) da Picoña solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) da Picoña (ID 3107). A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22061. Consta no expediente:

– Informe técnico da revisión do esbozo do monte veciñal en man común da Picoña, concello de Salceda de Caselas, de xullo de 2022. Asinada pola enxeñeira forestal núm. 482 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC da Picoña do 15.9.2022 da aprobación en asemblea xeral do 12.6.2022.

– Cartografía en formato dixital.

A zona obxecto de estudo está situada na zona norte do Concello de Salceda de Caselas. Abarca os montes da Picoña (Pedra Ramalla e Chan de Caselas) e a parcela Coto da Cruz, localizados ao norte e nordés da parroquia da Picoña, respectivamente.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro do MVMC da Picoña con Resolución do Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra do 5 de decembro de 1980 e unha superficie inicial de 300 ha. Proponse a modificación do perímetro cos propietarios particulares segundo o monte de utilidade pública 504 e 506 e a actualización dos lindes coa CMVMC de Santa María e CMVMC de San Xurxo (ambas no concello de Salceda de Caselas), a CMVMC de Couso (concello de Ponteareas) e a CMVMC de Atios (concello de Porriño).

O proceso de levantamento topográfico realizouse mediante GPS de precisión centimétrica e seguiuse o plano do antigo monte de utilidade pública nº 504. A revisión parcial do esbozo do MVMC da Picoña levouse a cabo en dous tramos diferenciados:

– Tramo I. Zona oeste, sur e leste da parcela denominada monte da Picoña.

– Tramo II. Parcela denominada Coto da Cruz.

O límite definido para cada un dos dous tramos do MVMC da Picoña acadouse por medio dunha revisión da documentación existente, da cartografía e ortofotos dos distintos anos dispoñibles nas distintas institucións (Instituto Xeográfico Nacional-IXN, Información Xeográfica de Galicia do Instituto de Estudos de Territorio-IET) así como avinzas, sentenzas e deslindes parciais en que participou a Comunidade de Montes Veciñais da Picoña nos últimos anos.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC da Picoña dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 360235 e vixente ata 2029.

– O esbozo presentado da CMVMC da Picoña respecta as liñas de deslinde aprobadas polo xurado de MVMC de Pontevedra:

– Edicto do 5 de decembro de 2014 polo que se aproba o deslinde entre a CMVMC da Picoña e a CMVMC de San Xurxo (DOG núm. 245, do 23 de decembro).

– Edicto do 19 de xullo de 2018 polo que se aproba o deslinde entre a CMVMC da Picoña e a CMVMC de Santa María de Salceda (DOG núm. 150, do 7 de agosto).

– Orde do 3 de maio de 2016 pola que se aproba o primeiro tramo do deslindamento parcial dos montes da CMVMC de Atios (DOG núm. 96, do 23 de maio) lindeira co MVMC da Picoña.

– Non se modifica o linde coa CMVMC de Guláns (concello de Ponteareas).

– A revisión no linde coa CMVMC de Couso (concello de Ponteareas) respecta o expediente en trámite de revisión de esbozo da dita comunidade (RE22035).

– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 294,21 ha e 22,73 km e segundo o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Monte: Pedra Ramalla e Chan de Caselas.

Superficie: 285,73 ha.

Norte: monte veciñal de Couso (concello de Ponteareas).

Sur: monte veciñal de San Xurxo (concello de Salceda de Caselas) e propiedades particulares.

Este: monte veciñal de Guláns (concello de Ponteareas) e monte veciñal de Santa María de Salceda (concello de Salceda de Caselas).

Oeste: monte veciñal de Atios e propiedades particulares (concello do Porriño).

Monte: Coto da Cruz.

Superficie: 8,48 ha.

Norte: estrada municipal e propiedades particulares.

Sur: estrada municipal e propiedades particulares.

Leste: monte veciñal de Santa María de Salceda.

Oeste: propiedades particulares.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC da Picoña (Salceda de Caselas), expediente RE22061, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do MVMC da Picoña proposta polo Servizo de Montes é a achegada pola CMVMC de Picoña (concello de Salceda de Caselas) e queda definida consonte os datos reflectidos no antecedente de feito terceiro e a cartografía que consta no dito expediente».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado A Picoña e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Monte da Picoña clasificado a prol da CMVMC da Picoña (Salceda de Caselas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 29 de decembro de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra