DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Antas, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Antas, no concello da Lama.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 2 de outubro de 2023, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Antas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Antas, no concello da Lama (expediente RE22059).

O 18.9.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 e co número de solicitude 2022/2395398 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Antas solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Antas (ID 2808). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22059. Consta no expediente:

– Memoria descritiva e xustificativa da revisión de esbozo do monte veciñal en man común de Antas (concello da Lama) de setembro de 2022. Asinada polo enxeñeiro forestal núm. 296 do COETF de Galicia (modificada o 3.7.2023).

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Antas do 25.9.2022 da aprobación en asemblea xeral do 25.9.2022.

– Cartografía en formato dixital.

Para a determinación dos límites do monte estableceuse coa cartografía catastral e identificando aquelas parcelas que pertencen ao monte. Tamén se tivo en conta a descrición dos límites que se nomean na carpeta ficha, os límites dos concellos do Instituto Xeográfico Nacional, documentación histórica, cartográfica e xudicial.

Segundo. O obxecto da revisión total do esbozo é o perímetro do MVMC de Antas con Resolución do Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra do 30 de abril de 1979 e unha superficie inicial de 433 ha. Revísase o perímetro con propietarios particulares (axústase a catastro) e coa CMVMC de Seixido, CMVMC de Xende, CMVMC de Xesta e CMVMC da Lama.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Antas dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360289 e vixente ata 2032.

– O esbozo presentado pola CMVMC de Antas, no linde coa CMVMC de Xende, respecta a Sentenza do 17.1.2005 do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Pontevedra do xuizo ordinario 117/2004 que traza a liña divisoria entre ambas CMVMC.

– O esbozo presentado pola CMVMC de Antas respecta os deslindes en trámite: CMVMC de Seixido (DC22112), CMVMC de Xesta (DC22113) e CMVMC da Lama (DC22116).

– Constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC pero non se reflicten na proposta de esbozo achegada.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 292,18 ha e 31,53 km.

Nome: monte de Antas.

Superficie: 292,18 ha.

Norte: predios de particulares.

Sur: monte veciñal de Xesta e Xende.

Leste: monte veciñal de Seixido.

Oeste: monte veciñal da Lama.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Antas (A Lama), expediente RE22059, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo total do MVMC Antas proposta polo Servizo de Montes é a achegada pola CMVMC de Antas (concello da Lama) e queda definida consonte os datos reflectidos no antecedente de feito terceiro e a cartografía que consta no dito expediente».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Antas e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo total do monte veciñal denominado Antas clasificado a prol da CMVMC de Antas (A Lama), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 29 de decembro de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra