DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7425

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Soutelo, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Soutelo, no concello de Forcarei.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 2 de outubro de 2023, respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Soutelo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Soutelo, no concello de Forcarei (expediente RE22063).

O 22.9.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, con número de solicitude 2022/2399897, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Soutelo de Montes, no concello de Forcarei, presenta documentación en relación coa revisión do esbozo do monte Soutelo e solicita a súa aprobación. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22063. Consta no expediente:

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Soutelo do 7.9.2023 da aprobación en asemblea do 16.7.2022.

– Cartografía en formato dixital

– Memoria técnica da revisión do esbozo do monte de Soutelo de agosto de 2022. Asinada polo enxeñeiro forestal número 296 do COETF de Galicia.

Segundo a memoria técnica para a determinación dos límites do monte estableceuse como guía principal a cartografía catastral actualizada, identificando aquelas parcelas catastrais que pertencen ao monte. Tamén se tivo en conta a descrición dos límites que se nomean na carpeta ficha e o límite dos concellos propostos polo IGN. En canto ao límite con particulares, tivéronse en conta os muros que separan os predios particulares do monte.

Segundo. A CMVMC de Soutelo ten os seguintes expedientes de deslindamento en tramitación:

DC22055 e DC22104 coa CMVMC de Sixto; DC22102 coa CMVMC de Lamas; DC22103 coa CMVMC de Sanguñedo; DC22105 coa CMVMC da Ermida e DC23001 coa CMVMC dos Codesás.

Nestes expedientes de deslindamento presenta axustes en formato shape dos esbozos das seguintes comunidades: Lamas, Sanguñedo, Sixto e Os Codesás. Estes axustes coinciden e xustifican as liñas de deslindamento.

Terceiro. O obxecto da revisión do esbozo é o monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Soutelo (ID 2718), con Resolución de clasificación do 15 de xullo de 1976 e unha superficie de 270 ha.

Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal, ten un convenio con elenco número 3615618 e unha superficie de 161 ha. Dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360011-01. Consta un expediente de prevalencia co número PO-11-EXP/01 e unha superficie de 1,013 ha, que corresponde cun tramo da liña de evacuación do parque eólico Masgalán-Campo de Coco situado na CMVMC de Masgalán de Arriba.

Cuarto. A revisión do esbozo proposto ten unha superficie de 289,20 ha (fronte ás 270 ha clasificadas) e un perímetro total de 20,27 e segundo o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Monte: Soutelo.

Superficie: 289,20 ha.

Perímetro: 20,27 km.

Linde norte: monte veciñal de Sanguñedo.

Linde sur: monte veciñal de Sixto e Lamas.

Linde leste: monte veciñal dos Codesás, San Xusto e A Ermida e predios particulares delimitados con muros.

Linde oeste: predios particulares delimitados con muros.

Encravados (xa descontados da superficie total):

– Parcela catastral 36018A05500556 cunha superficie de 1.063 m2.

– Parcelas catastrais: 36018A30000365; 36018A30000366; 36018A30000367, cunha superficie total de 4.300 m2.

– Parcela catastral 36018A30000477 cunha superficie de 67 m2.

Nesta revisión o monte queda dividido en 4 partes, 3 separadas por estradas e a cuarta por parcelas particulares:

Situación

Sup. 1

Perímetro

1

14,66

2,38

2

126,88

10,09

3

143,22

6,64

4

4,45

1,16

Total

289,20

20,27

Quinto. O 1.3.2023, o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Soutelo de Montes, no concello do mesmo nome, expediente RE22063, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Soutelo con ID 2718, pertencente á CMVMC de Soutelo, no concello de Forcarei, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definida consonte o antecedente de feito cuarto e a cartografía que acompaña este informe».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Soutelo e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Soutelo clasificado a prol da CMVMC de Soutelo (Forcarei), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 29 de decembro de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra