DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7439

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Traspielas, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Traspielas, no concello de Fornelos de Montes.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 2 de outubro de 2023, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Traspielas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Traspielas, no concello de Fornelos de Montes (expediente RE22051).

O 18.9.2023, o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022 e número de solicitude 2022/2380319, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Traspielas solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Traspielas (ID 2765). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22051. Consta no expediente:

– Informe técnico da revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común de Traspielas de setembro de 2022. Asinada o 17.9.2023 pola enxeñeira forestal, núm. 482 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Traspielas do 8.9.2022 da aprobación en asemblea xeral do 26.6.2022

– Cartografía en formato dixital.

A revisión parcial do esbozo afecta tres tramos en que o monte veciñal limita coas propiedades particulares dos núcleos de poboación de Traspielas, San Amaro e Freaza, todos eles localizados na parroquia de Traspielas no termo municipal de Fornelos de Montes.

– Tramo I: inmediación do núcleo de poboación de Traspielas.

– Tramo II: inmediación do núcleo de poboación de San Amaro.

– Tramo III: inmediación do núcleo de poboación de Freaza.

O límite definido para cada un dos tres tramos acadouse polos traballos de levantamento topográfico, revisión da documentación histórica, cartográfica e xudicial existente.

Segundo. O obxecto da revisión parcial do esbozo é parte do perímetro do MVMC de Traspielas con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 1.2.79 e unha superficie inicial de 969 ha. Proponse a modificación en tres tramos no perímetro cos propietarios particulares dos núcleos de poboación de Traspielas, San Amaro e Freaza.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Traspielas dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360235 e vixente ata 2029.

– O esbozo presentado da CMVMC de Traspielas respecta as liñas de deslindamento aprobadas polo Xurado de MVMC de Pontevedra:

– Edicto do 5 de decembro de 2014, polo que se aproba o deslindamento entre a CMVMC de Traspielas e a CMVMC de San Xurxo (DOG núm. 245, do 23 de decembro)

– Edicto do 19 de xullo de 2018, polo que se aproba o deslindamento entre a CMVMC de Traspielas e a CMVMC de Santa María de Salceda (DOG núm. 150, do 7 de agosto).

– Orde do 3 de maio de 2016, pola que se aproba o primeiro tramo do deslindamento parcial dos montes da CMVMC de Atios (DOG núm. 96, do 23 de maio) estremeiria co MVMC de Traspielas.

– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 937,24 has e 4,17 km. Non se modifican os límites do MVMC de Traspielas.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial do MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Traspielas (Fornelos de Montes), expediente RE22051, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do MVMC de Traspielas proposta polo Servizo de Montes é a achegada pola CMVMC de Traspielas (concello de Fornelos de Montes) e queda definida consonte os datos reflectidos no antecedente de feito terceiro e a cartografía que consta no dito expediente».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Traspielas e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Traspielas clasificado a prol da CMVMC de Traspielas (Fornelos de Montes), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 29 de decembro de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de
Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra