DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7442

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Santa Eulalia, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Eulalia de Batalláns, no concello das Neves.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 2 de outubro de 2023, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Santa Eulalia da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Eulalia de Batalláns, no concello das Neves (expediente RE22007).

O 18.9.2023, o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 29.8.2022 e número de solicitude 2022/2148462, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Santa Eulalia de Batalláns solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Santa Eulalia (ID 2911). Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo do monte Santa Eulalia de xullo de 2022. Asinada polo enxeñeiro de montes Rafael Altamirano.

– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Santa Eulalia de Batalláns do 17.8.2022 da aprobación en asemblea do 17.7.2022

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica o esbozo do MVMC, no perímetro cos propietarios particulares, pola súa antigüidade non reúne as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas. Indica que a clasificación do MVMC de Santa Eulalia procede en gran parte do MUP 330-3º que utilizou como planimetría base e apoiado polo catastro do 56 e de medicións GPS nos puntos dubidosos ou con discrepancias catastrais. A revisión de esbozo limítase á totalidade do perímetro con propietarios particulares e no resto do perímetro con diversas CMVMC respecta os lindes dos esbozos previos excepto nun tramo coa CMVMC de Cerdeira que conta con deslindamento xudicial (toma de razón polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 30.6.2015) co número de expediente PO-DESX-01-15. A CMVMC de Santa Eulalia de Batalláns na memoria asinada por técnico competente en materia forestal achega documentación suficiente que acredita a proposta da revisión do esbozo.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o MVMC de Santa Eulalia con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 5.2.1980 e unha superficie inicial clasificada de 568 has.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal non consta superficie de xestión pública nin actos de disposición no MVMC que modifiquen a superficie de clasificación. Así mesmo, dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 3600260.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto é de 544,51 has e 18,15 km, e definido segundo o indicado na memoria técnica do seguinte xeito:

Monte: Santa Eulalia.

Superficie: 544,5148 has.

Linde sur: parroquias de San Xosé de Ribarteme e San Xoán de Cerdeira.

Linde norte: concellos de Salvaterra (parroquia de Uma) e A Cañiza (parroquia da Franqueira).

Linde leste: concello da Cañiza (parroquias de Franqueira e Luneda).

Linde oeste: parroquia de San Pedro de Batalláns.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Santa Eulalia de Batalláns (As Neves), expediente RE22007, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo total do MVMC de Santa Eulalia proposta polo Servizo de Montes é a achegada pola CMVMC de Santa Eulalia de Batalláns (concello das Neves) e queda definida consonte os datos reflectidos no antecedente de feito terceiro e a cartografía que consta no dito expediente».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Santa Eulalia e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado provincial por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo total do monte veciñal Santa Eulalia clasificado a prol da CMVMC de Santa Eulalia de Batalláns (As Neves), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 29 de decembro de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra