DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 2024 Páx. 6160

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e mellora de infraestruturas de investigación e de ensaio e experimentación no marco da RIS3 Galicia 2021-2027, susceptibles de ser cofinanciadas pola Unión Europa no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN607E).

BDNS (Identif.): 740272.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia validamente inscritos, no momento da presentación da solicitude, no Rexistro Estatal de Centros regulado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro.

Segundo. Obxecto

Estas axudas teñen por obxecto o fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio a investimentos para a creación e mellora de infraestruturas de investigación e de apoio á experimentación. Esta mellora das súas capacidades estará orientada a facilitar o seu crecemento potenciando a súa excelencia no ámbito internacional e a reforzar as súas actividades de transferencia cara ao tecido produtivo, especialmente no caso de pemes.

Estes apoios defínense na procura da máxima eficiencia e eficacia do financiamento público e, por este motivo, as infraestruturas solicitadas deberán:

– Estar orientadas á xeración de capacidades nos ámbitos estratéxicos da RIS3 galega 2021-2027 nos cales, polo tanto, Galicia ten potencial para acadar vantaxes competitivas.

– Potenciar un uso eficiente dos recursos, evitando solapamentos con infraestruturas xa existentes e fomentando sinerxías entre elas, a través da integración destes investimentos no mapa de investimentos estratéxicos (Innovarede).

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, as ditas axudas para o ano 2024 (código de procedemento IN607E), susceptibles de ser cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027 (obxectivo específico 1.1), consonte o establecido nos artigos 26 e 26 bis do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto Importe

O importe total da convocatoria é de 10.000.000,00 euros, coa seguinte distribución por anos:

Entidades beneficiarias

Aplicación

orzamentaria

2024

2025

2026

Total

Organismos de investigación

09.A2.561A.781.0

2023.00003

5.933.574 €

3.266.426 €

800.000 €

10.000.000 €

A distribución dos fondos entre as anualidades é unha previsión que se deberá axustar tras a valoración das solicitudes de axuda. Con este fin, poderá traspasarse crédito entre as distintas anualidades sen que supoña un incremento do orzamento total.

As axudas desta convocatoria serán susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027; obxectivo político OP1 «Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e a comunicación; prioridade P1A «Transición dixital e intelixente”; obxectivo específico: RSO 1.1. «Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas»: liña de actuación 1.1.01. «Mellora das capacidades dos centros de I+D+i».

Esta convocatoria é susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. A taxa susceptible de cofinanciamento pola Unión Europea é do 60 % e o 40 % restante compútase como investimento privado elixible das entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sexto. Intensidade das axudas e concorrencia

A contía individualizada determinarase en función do custo subvencionable da actuación e das dispoñibilidades orzamentarias, respectando sempre os límites de intensidade previstos nos artigos 26 e 26 bis do Regulamento (UE) nº 651/2014:

Tipo de infraestrutura

Intensidade máxima

Infraestrutura de investigación

50%

Infraestrutura de ensaio e experimentación (infraestrutura tecnolóxica)*

Pequena

empresa

Mediana empresa

Grande

empresa

Límites de intensidades xerais para infraestruturas de ensaio e experimentación

45 %

35 %

25 %

No caso en que, polo menos, o 80 % da capacidade anual da infraestrutura tecnolóxica se asigne a pemes**

50 %

40 %

30 %

*No caso das infraestruturas tecnolóxicas, os centros tecnolóxicos serán considerados como empresas na medida en que desenvolven actividades económicas.

** Segundo o artigo 26 bis do Regulamento (UE) nº 651/2014, a intensidade máxima de axuda no caso das infraestruturas tecnolóxicas poderá incrementarse en 5 puntos porcentuais se dedican, polo menos, o 80 % da súa capacidade anual a ofrecer servizos a pemes.

As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación aos centros ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos, para os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público, nacional ou internacional.

Ningunha entidade poderá recibir unha axuda ao abeiro desta convocatoria por un importe superior a 4.000.000 millóns de euros. Este límite máximo é independente do número de axudas concedidas.

Sétimo. Actividades subvencionables

Serán subvencionables os investimentos, activos materiais e inmateriais, destinados á creación e mellora de infraestruturas de investigación ou infraestruturas tecnolóxicas no marco dos ámbitos de priorización da Estratexia RIS3 2021-2027. Ademais da adquisición de equipamento científico-tecnolóxico, serán subvencionables os investimentos en terreos, edificios ou instalacións para a construción, reforma ou adaptación das instalacións das infraestruturas.

Ambos os tipos de infraestruturas serán complementarios, de xeito que se poden incluír nunha mesma solicitude varias unidades. Tal e como se recolle no artigo 2, unha unidade agrupa os diferentes activos materiais e inmateriais que poden ser considerados elementos dun dos dous tipos de infraestruturas subvencionables. Deste xeito, cada unidade deberá clasificarse como infraestrutura de investigación ou como infraestrutura tecnolóxica e cumprir os requisitos e as condicións aplicables a cada unha delas.

Os activos vinculados a unha infraestrutura de investigación serán considerados a unidade 1 da solicitude, e aqueles activos que formen parte dunha infraestrutura tecnolóxica serán a unidade 2 (véxase anexo I). Cada centro integrará na súa solicitude aquelas unidades que precise: unidade 1, unidade 2 ou ambas, segundo os activos para os cales solicite a axuda. Todas as unidades incluídas nunha mesma solicitude deberán estar relacionadas entre si e ser complementarias. Un mesmo centro poderá presentar varias solicitudes.

O orzamento subvencionable de cada solicitude non pode ser inferior a 450.000 € nin superior a 8.000.000 € (imposto sobre o valor engadido (IVE) non incluído).

Oitavo. Outros datos

Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 90 % da axuda concedida.

As entidades beneficiarias poderán solicitar o pagamento anticipado segundo as seguintes porcentaxes:

− Anualidade 2024: ata o 100 % da subvención concedida nesta anualidade.

− Anualidades sucesivas: ata o 50 % da subvención concedida en cada anualidade.

En ningún caso o importe da totalidade dos anticipos concedidos poderá superar o 80 % da subvención total concedida.

En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (Regulamento de disposicións comúns; en diante, RDC), todas as infraestruturas financiadas ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación