DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2783

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Coruña (expediente IN407A 2023/565-1).

Expediente: IN407A 2023/565-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: instalación de telecontrol en centro de transformación avda. Sardiñeira Aliko-15SBS8.

Concello: A Coruña.

Feitos:

1. O día 17.12.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de mellorar os índices actuais de TIEPI da subministración eléctrica na contorna da avda. Sardiñeira, concello da Coruña, proxéctase a reforma do centro de transformación soterrado CT avda. Sardiñeira Aliko (15SBS8, expediente 50.645) alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT GRN709, procedente da subestación A Grela 2, substituíndo a aparellaxe existente por unha telecontrolada e o transformador de 800 kVA de potencia existente por un de 630 kVA, por estar no final da súa vida útil e ter unha potencia sobredimensionada.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegaron memoria, planos e orzamento co proxecto de execución denominado Instalación de telecontrol en centro de transformación avda. Sardiñeira Aliko-15SBS8, asinado o día 10.11.2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número de colexiado 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Non se solicitou o informe preceptivo a ningunha Administración, organismo nin empresa de servizo público ou de interese xeral, por non existiren afeccións.

4. O día 19.12.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas na avenida da Sardiñeira núm. 36, no concello da Coruña, e as súas características técnicas son as seguintes:

Reforma do CT avda. Sardiñeira Aliko (15SBS8, expediente 50.645) soterrado de 800 kVA en configuración 3L (1 de reserva)+1P en local de edificio sito na avda. Sardiñeira núm. 36, da Coruña, alimentado pola LMT GRN709, procedente da subestación A Grela 2, que pasa a ter unha potencia de 630 kVA e configuración 2L+1P:

– Adecuación de bancadas, caleiros actuais con reposición de tapas en mal estado e limpeza.

– Substitución de reixas metálicas de protección de trafo.

– Construción de bancada para colocación de novas celas.

– Substitución das celas modulares illadas ao aire existentes en configuración 3L+1P, por unhas celas compactas 2L+1P telecontroladas.

– Dótase de bomba de achique para evacuación de posible auga filtrada.

– Substitución de trafo de potencia existente de 800 kVA/15 kV, en mal estado por esgotar a súa vida útil, por un novo de 630 kVA.

– Substitución dos cadros de BT actuais por un novo de 8 saídas e conexión das RBT existentes.

– Limpeza, lixado e pintado de escaleira de acceso e ferraxes interiores.

– Rede interior de terras para conexión con anel actual de terra exterior.

– Pintado de muros interiores e teito.

– Impermeabilización dos cercos das tapas de acceso de maquinaria.

– Substitución de cables ponte desde cela de protección a pasatapas do transformador.

– Substitución de cables ponte BT entre transformador e novo cadro por instalar.

– Limpeza do anterior e instalación de proteccións a cables de interior.

– Limpeza de reixas de ventilación.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 21 de decembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña