DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2024 Páx. 2000

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra (expediente IN407A 2022/488-4 modificado).

Expediente: IN407A 2022/488-4 modificado.

Promotora: Eléctrica Los Molinos, S.L.

Denominación: LAT 66 kV subestación Bértola-subestación A Reigosa.

Concellos: Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra.

Feitos:

1. O 11.11.2022, Eléctrica Los Molinos, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LAT 66 kV subestación Bértola-subestación A Reigosa.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado 1648, e no que figura un orzamento total de 6.853,95 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación de 5.795 metros dunha liña de alta tensión subterránea a 66 kV para alimentar a subestación A Reigosa, desde a futura subestación eléctrica de 66/220 kV (Bértola) que se conectará con Red Eléctrica de España. As actuacións están previstas nos municipios de Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra.

2. Tras a tramitación do expediente de acordo coa normativa de aplicación, o 14.3.2023, esta xefatura territorial ditou unha resolución pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra (expediente IN407A 2022/488-4), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 21.3.2023 coas seguintes características:

– Liña subterránea de alta tensión a 66 kV, condutor RHZ1-RA+2OL 36/66 kV 1×630 mm2 KAI+H224,7 Al, de 5.795 metros de lonxitude desde a subestación A Reigosa ata a futura subestación Bértola. A liña discorre polos concellos de Vilaboa, Pontevedra e Ponte Caldelas.

3. O 11 e o 27.9.2023, Eléctrica Los Molinos, S.L. achegou un modificado ao proxecto orixinal e un anexo ao modificado, respectivamente.

A modificación presentada ten como obxectivo recoller un trazado alternativo ao proxecto inicial proposto polo Concello de Vilaboa. Este novo trazado implica un aumento na liña subterránea de alta tensión que pasa a ter unha lonxitude total de 6.170 metros. Este cambio afecta a instalación da liña entre os puntos quilométricos p.q. 0+300 ao p.q. 1+440.

4. Os organismos afectados polo cambio proposto son o Concello de Vilaboa e a Deputación Provincial de Pontevedra, por iso esta xefatura territorial solicitoulles un novo informe relacionado coas modificacións propostas.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña subterránea de alta tensión a 66 kV, condutor RHZ1-RA+2OL 36/66 kV 1×630 mm2 KAI + H224,7 Al, de 6.170 metros de lonxitude desde a subestación A Reigosa ata a futura subestación Bértola. A liña discorre polos concellos de Vilaboa, Pontevedra e Ponte Caldelas.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Deixar sen efecto a Resolución do 14 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra (expediente IN407A 2022/488-4).

2. Outorgar a Eléctrica Los Molinos, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV subestación Bértola-subestación A Reigosa, expediente IN407A 2022/488-4 modificado, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

3. Eléctrica Los Molinos, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta xefatura territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 15 de decembro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra