DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2024 Páx. 1887

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación VAC-AN.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación VAC-AN, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 30 de xuño de 2023, Xosé Manuel Becerra Pallas, vogal do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación VAC-AN constituíuna Anne Margaret Bartlett Nikitik mediante escritura pública outorgada o 12 de abril de 2023 ante a notaria de Lugo Natalia Prieto Alba, co número de protocolo 757. Tras o requirimento do 5 de setembro de 2023, o 6 de outubro a fundadora achegou, entre outra documentación, unha nova escritura outorgada o 20 de setembro de 2023, na mesma localidade e ante a mesma notaria da anterior, co número 1.750 do seu protocolo, en que emendou o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fins:

«–A conservación e difusión do legado do artista José Vázquez Cereijo, así como da súa obra e da súa colección privada, tanto nos aspectos artísticos como intelectuais ou biográficos, no contexto da arte e da cultura galega dos séculos XX e XXI.

– A promoción de actividades de estudo e investigación en todos os campos da cultura, especialmente no da pintura, o gravado e a poesía».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os aspectos relativos á identidade da fundadora; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do Padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do Padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por Anne Margaret Bartlett Nikitik, como presidenta; Silvia Longueira Castro, como vicepresidenta; e Xosé Manuel Becerra Pallas, Mónica María López Alonso, Vania María López Arias, Juan José Casabella López, Xoán Xosé Molina Vázquez, Francisco Ramón Basanta Piñeiro, Pilar Corredoira López, Juan Manuel Bonet Planes, Andrés García Trapiello, Carmen Lamas Pérez e Miguel Ángel Villarino Pérez, como vogais. María López Astorgano exercerá como secretaria non patroa, con voz pero sen voto.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación VAC-AN, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 12 de decembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 242, do 22 de decembro) clasificouse como de interese cultural a Fundación VAC-AN e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante unha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación VAC-AN, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que lle correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación VAC-AN.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; e na demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades