DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 4 de xaneiro de 2024 Páx. 660

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Vimianzo (expediente IN407A 2023/345-1).

Expediente: IN407A 2023/345-1.

Promotora: Electra do Foxo, S.L.

Denominación da instalación: CTA Castromil e RBT.

Concello: Vimianzo.

Feitos:

1. O día 26 de xullo de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a subministración de enerxía eléctrica na zona de Castromil (termo municipal de Vimianzo) mediante a reforma do centro de transformación aéreo Castromil, de 100 kVA de potencia (expedientes 51.435, IN407A 2014/115-1 e IN407A 2016/1219-1), a súa recolocación nun apoio contiguo, a substitución do dispositivo XS existente e a instalación dun novo cadro de baixa tensión para a protección das saídas do transformador.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: CTA Castromil e RBT asinado o 26 de xullo de 2023 por Xosé López Seoane, enxeñeiro industrial (colexiado número 2.745, do ICOII de Galicia) co número de visado 20232427, do 26 de xullo de 2023 (ICOII de Galicia).

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitoúselles o preceptivo informe ao Servizo do Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña; Augas de Galicia (Zona Hidrográfica Galicia Norte)-Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Coruña e o Concello de Vimianzo.

No que ao ámbito do Concello de Vimianzo se refire, a súa técnica de Urbanismo emitiu o 30 de agosto de 2023 un primeiro informe co visto e prace do arquitecto municipal con ditame desfavorable que lle foi remitido á empresa promotora. O 21 de novembro de 2023, Electra do Foxo, S.L. presentou perante esta xefatura territorial a súa resposta ao antedito informe, en que se recolle a renuncia a executar unha serie de actuacións recollidas no proxecto todas no rango da baixa tensión, que foi enviada ao Concello de Vimianzo para que, logo da súa avaliación, comunicase a súa conformidade ou oposición á solicitude de autorización administrativa e, se for o caso, emitese o condicionado técnico correspondente.

O 30 de novembro de 2023, o Concello de Vimianzo emite un novo informe favorable para a retirada do CTA de 100 kVA do apoio MT 6-7 e colocación de novos CTA e CBT no apoio MT 5-6 remate de liña e para a instalación de nova acometida soterrada trifásica entre a escola unitaria de Castromil e o salón parroquial/igrexa de Castromil con instalación de arqueta en ambos os extremos.

Non consta no expediente que Augas de Galicia e Patrimonio Cultural se manifestasen sobre a solicitude feita por Electra do Foxo, S.L. nin que establecesen condicionado técnico ningún. Deste xeito, segundo se dispón nos artigos 127.2. e 131.2.b) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, modificado polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, enténdese a conformidade de Augas de Galicia e de Patrimonio Cultural coa autorización da instalación e coas especificacións técnicas propostas no proxecto de execución.

4. O 11 de decembro de 2023 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño de 2023).

Segunda. Lexislación de aplicación.

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas.

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse no lugar de Castromil, concello de Vimianzo.

– Reforma do centro de transformación intemperie Castromil (expediente 51.435) instalado no apoio número 6-7 (MT) consistente na substitución do transformador de 100 kVA de potencia e relación de transformación de 20/0,4 kV existente, por un novo transformador de 100 kVA de potencia e relación de transformación de 20/0,4 kV e baixas perdas, con novos ferraxes e elementos de protección axeitados ás dimensións do transformador. O novo transformador instalarase no apoio nº 5-6 (MT) existente, de formigón tipo HVH-2500/13.

Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 12 de decembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña