DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71964

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO de delegación de competencias de recadación en executiva de diversos tributos e ingresos de dereito público do Concello de Calvos de Randín.

O Pleno da Corporación Provincial, en sesión ordinaria realizada o día 27 de outubro de 2023, aceptou por unanimidade a delegación do Concello de Calvos de Randín na Deputación Provincial do exercicio das competencias de recadación en executiva de diversos tributos e ingresos de dereito público, de conformidade co establecido no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e publícase o citado acordo nos seguintes termos:

«Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Calvos de Randín a favor da Deputación Provincial mediante o Acordo plenario do 27 de outubro de 2023 para a recadación executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos e demais ingresos de dereito público:

– Imposto de bens inmobles –rústica e urbana–.

– Imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

– Imposto sobre actividades económicas.

– Taxa do lixo.

– A recadación dos gastos derivados de execucións forzosas, ao abeiro do establecido nos artigos 99 e 100 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, de bases de réxime local.

– Multas coercitivas.

Todo isto nas condicións xerais recollidas no acordo de delegación do Concello de Calvos de Randín. En todo caso, serán de aplicación as seguintes condicións xerais:

a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da recadación na vía executiva, e ditaranse todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

b) Para o exercicio da competencia delegada, o Concello debería remitir as oportunas certificacións de descuberto do tributo ou ingreso de dereito público a que se refire.

c) A taxa que satisfará o Concello pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario, conforme o establecido no artigo 6, letra b), da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizo de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da ordenanza fiscal.

d) A presente delegación estará vixente a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da provincia durante o prazo de catro anos, prorrogarase por períodos de 4 anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra e comunicaráselle á outra cunha antelación non inferior a 6 meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga».

Ourense, 9 de novembro de 2023

Luis Menor Pérez
Presidente da Deputación Provincial de Ourense