DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71782

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que modifica a Orde do 10 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR651A e MR651B)

O 20 de outubro de 2023 publicouse no DOG núm. 200 a Orde do 10 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

O artigo 12.1 establece que o órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención. O mesmo artigo, no seu apartado 7, establece que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada finalizará o 31 de decembro de 2023. No caso de non ditarse a resolución expresa no prazo indicado, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme ao disposto nos artigos 21 e 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo o artigo 21.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando o número de solicitudes formuladas ou as persoas afectadas puideran supoñer un incumprimento do prazo máximo de resolución, o órgano competente para resolver, por proposta razoada do órgano instrutor, poderá habilitar os medios persoais e materiais para cumprir co despacho adecuado e en prazo.

O elevado número de solicitudes recibidas durante o período habilitado superou as expectativas. Desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, as comunidades de montes veciñais en man común e sociedades de fomento forestal responderon á convocatoria cunha importante participación, amosando unha gran aceptación dos obxectivos pretendidos coa convocatoria destas axudas de minoración das consecuencias e impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes.

As persoas interesadas presentan coa solicitude, un documento técnico descritivo das actuacións que precisa dun estudo e análise detallado en relación ao cumprimento óptimo do requisito establecido na orde, de efectividade das actuacións solicitadas en relación coa defensa contra os incendios forestais.

Por iso, co obxecto de cumprir co prazo recollido na orde de convocatoria, cómpre ampliar o prazo de resolución ao non se poder cumprir o prazo previsto. Esta ampliación non supón alteración da finalidade das axudas nin leva implícitos efectos desfavorables para os dereitos das persoas interesadas.

Conforme o artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, excepcionalmente, cando se esgoten os medios persoais e materiais dispoñibles a que se refire o número 5 do artigo 21, o órgano competente para resolver, por proposta, de ser o caso, do órgano instrutor ou o superior xerárquico do órgano competente para resolver, poderá acordar de maneira motivada a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación, sen que este poida ser superior ao establecido para a tramitación do procedemento.

En consecuencia, de conformidade con o previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 10 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR651A e MR651B)

A Orde do 10 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR651A e MR651B), queda redactada como segue:

Un. Modifícase o número 7 do artigo 12, que queda redactado como segue:

«7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada finalizará o 29 de febreiro de 2024. No caso de non ditarse a resolución expresa no prazo indicado, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural