DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2023 Páx. 69846

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mos (expediente IN407A 2023/416-4).

Expediente: IN407A 2023/416-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: instalación de apoio na LMTA MOS705-MOS706 e CR no Monte.

Concello: Mos.

Feitos:

1. O 22.8.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada Instalación de apoio na LMTA MOS705-MOS706 e CR no Monte.

O proxecto de execución que se xunta coa solicitude foi asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 52.528,75 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións no lugar de Monte, na parroquia de Saguiñeda, no concello de Mos (Pontevedra):

Instalación dun centro de reflexión (CR) en envolvente prefabricada de formigón de manobra interior, cun bloque de celas modulares 4L+TT, que serán telecontroladas vía GPRS/3G e estará conectado ás liñas de media tensión aéreas (LMTA) MOS705 e MOS706 mediante unha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 104 metros.

Instalación dun apoio de celosía C-3000/16 nos tramos MOS7050613 e MOS7061132 e substitución por un condutor LA-110 dun total de 198 metros do condutor LC-80 existente desde o apoio proxectado ata o A317EAVA//A317EAVA.

2. Esta xefatura territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea e Telefónica de España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo de 2022), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

LMTA a 15 kV, con condutor LA-110, en dúas actuacións. A primeira é de 99 metros, con orixe na LMTA MOS7050613 no apoio de formigón existente A317EAVA//A317EAVA e final no apoio proxectado C-3000/16. A segunda actuación é de 99 metros, con orixe na LMTA MOS7061132 no apoio de formigón existente A317EAVA//A317EAVA e final no apoio proxectado C-3000/16.

LMTS a 15 kV, con condutor RHZ1, en catro actuacións. A primeira é de 26 metros, con orixe na LMTA MOS7050613, mediante paso aéreo-subterráneo no apoio proxectado C-3000/16 e final no centro de reflexión proxectado. A segunda é de 26 metros, con orixe na LMTA MOS7061132, mediante paso aéreo subterráneo no apoio proxectado C-3000/16, e final no centro de reflexión proxectado. A terceira é de 26 metros, con orixe no centro de reflexión proxectado e final na LMTA MOS7050613, mediante paso aéreo-subterráneo no apoio proxectado C-3000/16. A cuarta é de 26 metros, con orixe no centro de reflexión proxectado e final na LMTA MOS7061132, mediante paso aéreo-subterráneo no apoio proxectado C-3000/16.

Centro de reflexión prefabricado con celas modulares, 4L telecontroladas, situado na parcela con referencia catastral 36033A058000180001DX, no camiño de Torroso, número 32.

A instalación está situada no lugar de Monte, na parroquia de Saguiñeda, no concello de Mos (Pontevedra).

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

1. Outorgarlle a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Instalación apoio na LMTA MOS705-MOS706 e CR no Monte, expediente IN407A 2023/416-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta xefatura territorial, xunto coa seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 13 de decembro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra