DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68373

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 28 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 12 de maio de 2023 mediante a que se arquiva o expediente do parque eólico A Costa e se cancela unha garantía económica depositada por Wind Premier A Costa, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2019/051).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 12 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico A Costa e se cancela unha garantía económica depositada por Wind Premier A Costa, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2019/051).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A antedita Resolución do 12 de maio de 2023 dispón o seguinte:

1. Aceptar a solicitude de Wind Premier A Costa, S.L.U., arquivar e declarar concluso o procedemento instruído en relación co expediente do parque eólico A Costa (expediente IN408A 2019/051) promovido por Wind Premier A Costa, S.L.U.

2. Cancelar a garantía económica depositada por Wind Premier A Costa, S.L. na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 360.000 €, con data do 26 de xuño de 2019 e número de rexistro 1280/2019, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico A Costa.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 26 de xuño de 2019, Wind Premier A Costa, S.L. depositou unha garantía económica por importe de 360.000 € e número de rexistro 1280/2019, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico A Costa.

2. O 28 de xuño de 2019, Wind Premier A Costa, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial para o proxecto denominado parque eólico A Costa, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

3. O 22 de decembro de 2021, Wind Premier A Costa, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico A Costa, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

4. Mediante o Acordo do 1 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico A Costa, nos concellos de Mazaricos, Outes e Muros (expediente IN408A 2019/051). O dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia, do 28 de setembro de 2022 (DOG núm. 185).

5. O 16 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico A Costa, nos termos propostos polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

6. O 9 de maio de 2023, Wind Premier A Costa, S.L.U. solicitou a esta dirección xeral o arquivamento do expediente administrativo do proxecto do parque eólico A Costa (expediente IN408A 2019/051), ante a imposibilidade de continuar coa tramitación do proxecto, a teor da formulación da declaración de impacto ambiental desfavorable, e a devolución da garantía económica.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais