DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 11 de decembro de 2023 Páx. 67973

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Baños de Molgas (expediente IN407A 2023/077-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida de San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: LMTA, CTI e RBT Xocín.

Situación: lugar de Xocín, concello de Baños de Molgas.

Orzamento: 88.127,03 €.

Características principais do proxecto que foi asinado o 27.10.2022 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor:

• LMT aérea, a 20 kV, de 606 m de lonxitude, en condutor LA-56, coa orixe no apoio proxectado número 82-11 da LMT SRS805, de celosía metálica, do tipo C-16/3000, e remate no CT intemperie proxectado.

• CT intemperie proxectado, para situar no apoio número 6, de celosía metálica, do tipo C-14/3000, con transformador de 50 kVA de potencia aparente e r/t de 20.000/400 V.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 28.4.2023, que foi inserido no DOG do 25.5.2023 e no xornal La Región de Ourense do 22.5.2023. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas as seguintes alegacións:

• Constantino Iglesias Bouzas, alegacións relativas á titularidade dos predios núms. 7, 8, 9 e 13 da relación de bens e dereitos afectados (en adiante, a RBDA).

• Rocío Gómez Cid, en representación de Dolores Basilisa Cid Novoa, alegacións relativas á titularidade do predio núm. 38 da RBDA.

• María Pilar Salgado Iglesias, alegacións relativas á titularidade dos predios núms. 39 e 40 da RBDA.

UFD contestou ás citadas alegacións manifestando que toma notas delas e considera os alegantes como propietarios dos predios referenciados e que serán convocados para o levantamento de actas previas, na hora e data que lles serán notificadas para que poidan presentarse e manifestar o que consideren oportuno.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 4.7.2023 e no TEU do BOE do 10.7.2023, coa súa corrección de erros do 3.10.2023.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 15 de novembro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense