DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 11 de decembro de 2023 Páx. 67976

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Narón (expediente IN407A 2023/054-1).

Expediente: IN407A 2023/054-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: LMTS a CT As Telleiras Narón (15CDY8).

Concello: Narón.

Feitos:

O día 7 de febreiro de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co obxecto de adecuar o centro de transformación (CT) As Telleiras Narón aos requisitos establecidos por UFD nos seus criterios de arquitectura de rede: que a súa alimentación non se orixine nun CT de propiedade particular e evitar que a liña discorra parcialmente por terreos de propiedade privada.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, con memoria, planos e orzamento, e que inclúe os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado LMTS a CT As Telleiras Narón (15CDY8), con visado 22202419, asinado o 3.11.2022 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial con número de colexiado 2.980 de Vigo.

• Contestación a requirimento: Consellería de Economía Industria e Innovación-Servizo de Enerxía e Minas, asinado o 19.10.2023 polo mesmo enxeñeiro.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo a Nedgia, Augas de Galicia, Concello de Narón, Axencia Galega de Infraestruturas e Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

4. O 27.10.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño de 2023).

Segunda. Lexislación de aplicación.

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39 do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas.

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar da Telleira, no concello de Narón, e as súas características técnicas son as seguintes:

Segundo se indica no proxecto, para poder anelar o CT As Telleiras-Narón (matrícula 15CDY8) requírense as seguintes actuacións:

Modificación do CT As Telleiras-Narón (matrícula 15CDY8) nº expediente IN407A 2016/2590-1 alimentado desde a CRN-703A (Freixeiro 3) a 15 kV procedente da subestación de Cornido. Proxéctase unha nova cela de liña. A configuración final do CT é 2L+1P.

Liña eléctrica de media tensión subterránea, alimentada desde a CRN-703A (Freixo 3) a 15 kV, cunha lonxitude de 760 m, con orixe e final en empalmes proxectados en punto de acceso á rede existente na LMTS. CRN-703A, condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV 1×240 mm2 AL, despois de practicar entrada e saída no centro de transformación CT As Telleiras-Narón (matrícula 15CDY8) que se vai reformar.

Desmontaxe da liña soterrada actual que alimenta o CT As Telleiras-Narón (matrícula 15CDY8), de 450 m e condutor tipo RHZ-3×95.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar perante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/a director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 15 de novembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña