DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2023 Páx. 67521

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de novembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñales en man común Franqueira de Abeledos e Franqueira de Marrubio e Serro, no concello de Montederramo.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Franqueira de Abeledos, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Abeledos, e mais o MVMC Franqueira de Marrubio e Serro, pertencente á CMVMC da parroquia de Marrubio, no concello de Montederramo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Abeledos presentou un escrito (Rexel 2022/2399992), no cal solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Marrubio.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Avión.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 21 de marzo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Franqueira de Abeledos, pertencente á CMVMC de Abeledos, e o MVMC Franqueira de Marrubio e Serro, pertencente á CMVMC da parroquia de Marrubio, desde o vértice 1a (o situado máis ao O) ata o vértice 5 (o situado máis ao L).

Logo de analizar os puntos e a súa localización, obsérvase que o vértice 1a, tal e como se recoñece nas propias actas e máis na memoria da avinza, constitúe un punto auxiliar que non deslinda propiamente senón que marca o comezo do MVMC Franqueira de Abeledos.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os vértices 1 e 5 indicados na acta de conciliación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 21 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Franqueira de Abeledos, pertencente á CMVMC de Abeledos, e o MVMC Franqueira de Marrubio e Serro, pertencente á CMVMC da parroquia de Marrubio, no concello de Montederramo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 22 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense