DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2023 Páx. 67518

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Espiñeiros, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Espiñeiros, no concello do Irixo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Espiñeiros, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Espiñeiros, no concello do Irixo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Espiñeiros presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2412596) de revisión de esbozo do MVMC de Espiñeiros, no concello do Irixo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 24.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Informe de validación gráfica emitido pola Dirección Xeral do Catastro.

Segundo. Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 20 de marzo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén a estrema común co MVMC Charco e Redondo.

Nesta última, os termos do acordo transaccional (inclúen a seguinte descrición do linde: (…) para delimitar o aire leste do monte de Nogueiroa e oeste do monte de Espiñeiros na colindancia entre ambos os puntos: punto nº 1, denominado Valdemioso que vén determinado pola súa confluencia co río Redondo; punto nº 2, que se sitúa no muíño de herdeiros de Miguel Rodríguez; punto nº 3, en Pena das Serras, xusto por riba das minas de estaño; punto nº 4, denominado Murallón Grande (no bueiro que cruza a nacional 541); para delimitar o aire sur do monte Nogueiroa e norte do de Espiñeiros na colindancia entre ambos (estrada nacional 541 en medio); partindo do punto nº 4 e ata o punto nº 5, intersección da nova nacional 541 co límite dos concellos de Boborás e O Irixo. Acompáñase plano explicativo da aliñación ou deslinde antes descrito realizado en papel cebola sobre plano 1:25.000 utilizado polo propio Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (…) para a clasificación dos montes, como anexo ao presente contrato (…).

Logo ao apreciar que a anterior descrición dese linde non reúne, en atención á vaga caracterización xeográfica dalgúns puntos e mais a ausencia de coordenadas na descrición ou no plano, a suficiente precisión como para identificar inequivocamente a traza da liña, considérase que a revisión proposta agora nese tramo non é innecesaria ou improcedente xa que permite concretar os termos do acordo de 2001, os cales non estaban o suficientemente especificados.

A superficie do MVMC de Espiñeiros, unha vez revisado o esbozo, sería de 121,40 ha, o que supón unha redución do 12,0 % respecto das 138 ha do acordo de clasificación.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Os Espiñeiros.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 20 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Espiñeiros, pertencente á CMVMC de Espiñeiros, no concello do Irixo.

Ourense, 22 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense