DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2023 Páx. 67524

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de novembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Cerdeira e o de Sonelle, o de Espiñeiros e o de Nogueiroa, nos concellos do Irixo e Boborás.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Cerdeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Cerdeira, cos MVMC Sonelle, pertencente á CMVMC de Sonelle, o de Espiñeiros, pertencente á CMVMC de Espiñeiros, e o MVMC Nogueiroa, pertencente á CMVMC de Nogueiroa, nos concellos do Irixo e Boborás, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Cerdeira presentou un escrito (Rexel 2022/2414046), no cal solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Sonelle.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Segundo. Ese mesmo día, a dita comunidade presentou outro escrito (Rexel 2022/2413637) relativo a un segundo deslindamento, neste caso, coa CMVMC de Espiñeiros, e xunta a documentación seguinte:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Terceiro. Ademais, a referida comunidade presentou ese día outro escrito máis (Rexel 2022/2414119) relativo a un terceiro deslindamento, neste caso, coa CMVMC de Nogueiroa, e xunta a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Cuarto. Finalmente, a mesma comunidade presentou o 29.11.2022 (Rexel 2022/2936651 e 2022/2936839) e o 9.12.2022 (Rexel 2022/30223916), novos escritos cos que achegou as correspondentes actas de conciliación levantadas o 25.11.2022 no Xulgado de Paz do Irixo (no caso das avinzas Cerdeira-Nogueiroa e Cerdeira-Espiñeiros) e mais o 9.12.2022 no Xulgado de Paz de Boborás (no caso de Cerdeira-Sonelle).

Quinto. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 15 de marzo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde, dun lado, ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Cerdeira pertencente á CMVMC de Cerdeira (no Irixo), e mais o MVMC Sonelle pertencente á CMVMC de Sonelle (en Boborás), desde o vértice 1 (o situado máis ao L) ata o vértice 17 (o situado máis ao O); doutro lado, revísase a estrema entre o propio MVMC de Cerdeira e mais o MVMC de Espiñeiros pertencente á CMVMC de Espiñeiros (no Irixo), desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 23 (o situado máis ao S); e, finalmente, revísase a estrema entre o dito MVMC de Cerdeira e mais o MVMC Charco e Redondo pertencente á CMVMC de Nogueiroa (no Irixo), desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 23 (o situado máis ao S).

O vértice 1 da avinza Cerdeira-Nogueiroa sitúase, segundo a información cartográfica que consta no Rexistro de MVMC, en terreos do MVMC de Cebral pertencente á comunidade homónima, tal e como se recoñece na propia memoria do deslindamento, onde vén identificado como o piquete (núm. 1) que define o límite de Cerdeira con Nogueiroa-Cebral. En consecuencia, o dito punto debe ter a consideración de punto auxiliar que define a dirección da liña no tramo inicial anterior ao vértice 2.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación conforme o literal dos puntos conciliados no caso das avinzas Cerdeira-Sonelle e Cerdeira-Espiñeiros, e entre os vértices 2 e 23 no caso da avinza Cerdeira-Nogueiroa, en que o vértice 1 tería a consideración de punto auxiliar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 15 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Cerdeira, pertencente á CMVMC de Cerdeira, cos MVMC Sonelle, pertencente á CMVMC de Sonelle, o de Espiñeiros, pertencente á CMVMC de Espiñeiros, e o MVMC Nogueiroa, pertencente á CMVMC de Nogueiroa, nos concellos do Irixo e Boborás.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 22 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense