DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2023 Páx. 67642

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 22 de novembro de 2023 pola que se notifica a resolución do procedemento para reclamar os custos ocasionados pola retirada da embarcación Pilar amarrada no porto de Meira-Moaña.

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícaselle a Diego Santana Ortega a Resolución da Dirección de Portos de Galicia, do 3 de novembro de 2023, que finaliza o procedemento para reclamar os custos da retirada e traslado da embarcación Pilar con matrícula 4ª-VI-8-45 desde o porto de Meira-Moaña ata o porto de Tragove-Cambados por non ser posible a notificación no domicilio.

Este anuncio publicarase no Boletín Oficial del Estado (BOE) e no Diario Oficial de Galicia (DOG), ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

No expediente tramitado para o efecto, emitiuse un acordo de iniciación sen que no trámite de audiencia se formularan alegacións polo interesado.

A Dirección de Portos de Galicia emite esta resolución en virtude das competencias conferidas polo artigo 15.3, alíneas a) e b) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 129.3 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, e nos artigos 100 e 102 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dado o risco de afundimento da embarcación e o incumprimento de ordes previas de retirada.

O importe a que ascenderon as actuacións de retirada e traslado da embarcación foi de 4.235 euros, IVE engadido.

O aboamento coa utilización de impreso que poderá solicitarse na sede dos Servizos Centrais de Portos de Galicia deberá de facerse nos seguintes prazos:

Se a publicación se realiza entre os días 1 ao 15 de cada mes, deste a data da publicación ata o día 5 do segundo mes posterior ou, se este non for hábil, ata o inmediato hábil seguinte.

Se a publicación se realiza entre os días 16 e o último de cada mes, desde a data de publicación ata o día 5 do segundo mes posterior ou, se este non for hábil, ata o inmediato hábil seguinte.

De non ingresar a dita cantidade no prazo sinalado, esta, de acordo co artigo 101 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas, seralle exixida mediante o procedemento previsto nas normas reguladoras do procedemento de recadación na vía executiva.

Este acto administrativo, que ten eficacia executiva, non esgota a vía administrativa, e contra el poderase interpoñer recurso de alzada ante o Consello Reitor de Portos de Galicia nun prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación.

O expediente completo para o seu exame, das 9.00 ás 14.00 horas, atópase na sede dos Servizos Centrais de Portos de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

Roi Fernández Añón
Director xeral de Portos de Galicia