DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2023 Páx. 67322

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da hibridación dunha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes cunha planta de coxeración existente que Refractarios Campo, S.L. promove no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Refractarios Campo, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da hibridación dunha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes cunha planta de coxeración existente, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 21 de novembro de 1996, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu incluír no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994 a planta de coxeración de enerxía eléctrica prevista nas instalacións da empresa Nueva Cerámica Campo, S.L., no concello de Sanxenxo (Pontevedra) (expediente 321/96).

Segundo. O 7 de outubro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración eléctrica á empresa Nueva Cerámica Campo, S.L., no concello de Sanxenxo (Pontevedra) (expediente 321/96).

Terceiro. O 9 de outubro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da primeira fase da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Nueva Cerámica Campo, S.L., no concello de Sanxenxo (Pontevedra) (expediente 321/96).

Cuarto. O 18 de decembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu aprobar a segunda fase do proxecto de execución á planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Nueva Cerámica Campo, S.L., no concello de Sanxenxo (Pontevedra) (expediente 321/96).

Quinto. O 19 de xaneiro de 1998, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu aprobar a modificación do proxecto de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Nueva Cerámica Campo, S.L., no concello de Sanxenxo (Pontevedra) (expediente 321/96).

Sexto. O 23 de febreiro de 1998, a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Industria e Comercio emitiu a acta de posta en marcha da planta de coxeración.

Sétimo. O 12 de novembro de 1998, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu inscribir a planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial, de acordo co recollido no Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, outorgándolle o número de rexistro RE-98-26, cunha potencia de 7.860 kVA.

Oitavo. O 6 de abril de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución dunha modificación substancial da planta de coxeración que Nueva Cerámica Campo posúe en Arnosa-Vilalonga, concello de Sanxenxo (Pontevedra), polo que a potencia nominal da instalación diminuíu, pasando a contar cunha potencia nominal total de 3.960 kW.

Noveno. O 7 de setembro de 2011, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra emitiu a acta de posta en servizo da modificación substancial da central de coxeración AT 1996/321-4.

Décimo. O 1 de decembro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial regulado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e realizar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da modificación substancial da planta de coxeración que Nueva Cerámica Campo posúe na Arnosa-Vilalonga, concello de Sanxenxo (Pontevedra), por unha potencia nominal total de 3.960 kW.

Décimo primeiro. O 29 de xaneiro de 2016, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu modificar, para facer constar o cambio de denominación social do titular, a inscrición definitiva, no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, da planta de coxeración que Nueva Cerámica Campo, S.L. posúe en Arnosa-Vilalonga, no concello de Sanxenxo, facendo constar que a nova denominación social da titular é Refractarios Campo, S.L.

Décimo segundo. O 10 de outubro de 2022, Jacobo Campo Sáez, en nome e representación de Refractarios Campo, S.L., presentou unha solicitude de autorización administrativa previa para a hibridación dunha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes, de 330 kW de potencia instalada, situada na cuberta dunha nave industrial no concello de Sanxenxo (Pontevedra) cunha planta de coxeración que a empresa solicitante posúe na mesma localización, citada nos antecedentes de feito precedentes.

Décimo terceiro. O 21 de novembro de 2022, Jacobo Campo Sáez, en nome e representación de Refractarios Campo, S.L., en resposta a un requirimento efectuado o 14 de novembro de 2022 pola Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra, presentou, entre outra documentación, unha solicitude de autorización administrativa integrada previa e de construción da instalación solar fotovoltaica citada no parágrafo anterior.

Décimo cuarto. O 28 de febreiro de 2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra remitiu respectivamente ao Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ao Concello de Sanxenxo e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda unha separata do proxecto técnico da instalación solar fotovoltaica co fin de que se formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Décimo quinto. O 1 de marzo de 2023, o Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitiu informe favorable sobre a instalación solar fotovoltaica.

Décimo sexto. O 6 de marzo de 2023, o Concello de Sanxenxo emitiu informe sobre a instalación solar fotovoltaica recollendo unha serie de condicionados.

Décimo sétimo. O 9 de marzo de 2023, a empresa promotora manifestou respectivamente a aceptación dos informes citados nos antecedentes de feito décimo quinto e décimo sexto.

Décimo oitavo. O 15 de marzo de 2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra remitiu ao Instituto de Estudos do Territorio unha separata do proxecto técnico da instalación solar fotovoltaica co fin de que se formule o condicionado técnico procedente, de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Décimo noveno. O 22 de marzo de 2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitiu un informe mediante o cal se determinou a non procedencia do establecemento dun condicionado técnico por parte do citado organismo para a instalación solar fotovoltaica. O 12 de abril de 2023, a empresa promotora manifestou a aceptación do informe mencionado.

Vixésimo. O 4 de abril de 2023, o Instituto de Estudos do Territorio informou que non é preceptiva a obtención do informe previo regulado nos artigos 50 e 51 do Plan de ordenación do litoral para a instalación solar fotovoltaica.

Vixésimo primeiro. O 20 de abril de 2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra informou sobre o proxecto denominado Proxecto de execución de instalación fotovoltaica hibridación-autoconsumo Refractarios Campo, asinado o 26 de xaneiro de 2023 pola enxeñeira industrial, indicando que «non se observa impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización dos 330 kW de potencia nominal que se pretende instalar, de tal modo que, en todo caso, coa dita modificación a planta alcanzaría unha potencia activa máxima de vertedura limitada a 4.158 kW».

Vixésimo segundo. O 19 de setembro de 2023 e o 27 de setembro de 2023 requiríuselle a Refractarios Campo, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa presentou a documentación requirida o 20 de setembro de 2023 e o 10 de outubro de 2023.

Vixésimo terceiro. A hibridación da planta solar fotovoltaica coa planta de coxeración conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia nominal de 198 kW adicionais sobre a capacidade existente de 3.960 kW, acadándose unha capacidade de acceso total de 4.158 kW, de acordo co informe do xestor da mencionada rede do 17 de novembro de 2022.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas previstas na mencionada lei ou modificación das existentes se requirirá autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado; neste caso, o seu outorgamento correspóndelle á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. A instalación solar fotovoltaica de referencia non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse incluída nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinto. Segundo o recollido no artigo 50.d) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como na súa disposición transitoria cuarta, a instalación solar fotovoltaica de autoconsumo está exenta do trámite de información pública. Así mesmo, o promotor non solicitou a declaración de utilidade pública.

Sexto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, na Instrución 2/2021, do 4 de marzo, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Refractarios Campo, S.L. para a hibridación dunha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes cunha planta de coxeración existente que a empresa solicitante posúe na mesma localización no concello de Sanxenxo (Pontevedra), segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para a hibridación dunha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes cunha planta de coxeración existente que a empresa solicitante posúe na mesma localización no concello de Sanxenxo (Pontevedra), segundo o proxecto denominado Proxecto de execución de instalación fotovoltaica hibridación-autoconsumo Refractarios Campo, asinado pola enxeñeira industrial Lucía Lampón Bentrón o 26 de xaneiro de 2023, colexiada núm. 3.002 do ICOIIG.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante/promotor: Refractarios Campo, S.L. (CIF B36023471).

Domicilio social: lugar Arnosa, núm. 35, Vilalonga, Sanxenxo (Pontevedra).

Denominación do proxecto: proxecto de execución de instalación fotovoltaica hibridación-autoconsumo Refractarios Campo.

Situación: concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Potencia instalada planta fotovoltaica: 330 kW.

Potencia instalada hibridación (fotovoltaica+coxeración): 4.290 kW.

Potencia instalada evacuable hibridación: 4.158 kW.

Características técnicas principais das instalacións:

• Potencia que se vai instalar: 330kW. Instalación solar fotovoltaica formada por:

i. Oitocentos (800) módulos fotovoltaicos de silicio monocristalino de alta eficiencia, de 450 Wp.

ii. Estrutura coplanar sobre carril, con inclinación de 15º e fincados sobre cuberta existente.

iii. Tres (3) inversores de potencia unitaria 110 kW.

• Produción neta anual estimada: 839.050 kWh/ano.

• Orzamento total (execución material): 138.167,00 €

• Hibridación con outros sistemas de coxeración existentes, formando unha mesma instalación de xeración para efectos de permisos de acceso e conexión. Instálase un novo sistema de medida bidireccional para manter a independencia dos sistemas de medida existentes da parte de coxeración. A coxeración existente conta cunha autorización de posta en servizo do 7 de setembro de 2011, cunha potencia de 3.960 kW.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproban o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberalle comunicar a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Refractarios Campo, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior, o promotor deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será dun mes contado a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se, transcorrido o dito prazo, aquela non tivo lugar, producirase a caducidade destas autorizacións.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación
Enerxética e Recursos Naturais